Antonio Barrios Seoane, nado en Getxo o 21 de maio de 1910 e finado en Donostia o 19 de agosto de 2002, foi un futbolista e adestrador español. Como xogador militou no Arenas de Getxo, co que xogou dúas tempadas na Primeira División, no Racing de Ferrol e no Valladolid.
Destacou especialmente como adestrador, dirixindo a numerosos equipos. Adestrou 25 tempadas entre a Primeira e a Segunda División, cifra só superada por Roque Olsen (31) e Luis Aragonés (26). Disputou tres finais da Copa do Xeneralísimo con tres equipos diferentes (Athletic, Atlético de Madrid e Sevilla) e conseguiu cinco ascensos á Primeira División, tres deles co Betis.
Traxectoria
Como futbolista Fillo de galegos, naceu na localidade biscaíña de Getxo o 21 de maio de 1910. Comezou a xogar ao fútbol no Zugartzarte da súa vila natal, que era viveiro do Arenas Club.
No verán de 1932 foi cedido ao Racing de Ferrol, co que debutou en partido oficial na primeira xornada da tempada 1932/33 do Campionato de Galicia, marcando un dos sete goles do seu equipo contra o Unión Sporting no Inferniño. Disputou todos os encontros do campionato, proclamándose o equipo subcampión por detrás do Deportivo da Coruña, e xogou tamén co equipo verde na Terceira División.
O 5 de febreiro de 1933 debutou na Primeira División co Arenas, marcando un dos dous goles do seu equipo na derrota por 3-2 contra o Espanyol en Sarrià. Xogou 20 partidos na máxima categoría entre as tempadas 1932/33 e 1933/34, anotando cinco goles. En 1934 fichou polo Valladolid, co que xogou durante a seguinte década na Segunda División.
Como adestrador Tras colgar as botas no Valladolid, comezou a súa carreira de adestrador no mesmo club e en tres anos ascendeuno dende a Terceira ata a Primeira División. Con todo, para o debut na máxima categoría, o club contratou a Helenio Herrera. O equipo salvouse por pouco do descenso, e trala marcha do arxentino, a directiva contratou de novo a Barrios, que levou o equipo ata a novena praza da tempada 1949/50. A continuación adestrou o Racing de Santander en Primeira, antes de regresar a Segunda para dirixir o Málaga, co que gañou o seu segundo título da categoría de prata.
En 1951 colleu as rendas do Athletic de Bilbao, ao que adestrou durante dúas tempadas, dirixindo entre outros a Zarra, Iriondo, Gaínza ou Carmelo Cedrún. Logrou clasificar o equipo para a final da Copa do Xeneralísimo de 1953, onde o título acabou sendo para o FC Barcelona de Ferdinand Daučík grazas a dous goles de Kubala e Manchón.
A continuación adestrou o Atlético Tetuán en Segunda e dous anos o Atlético de Madrid en Primeira, acadando a súa segunda final de Copa, perdendo esta vez contra o seu exequipo, o Athletic de Bilbao, adestrado por Daučík. Na tempada 1957/58 logrou o seu terceiro ascenso a Primeira, no banco do Betis, e durante os seguintes anos dirixiu o Espanyol, Elche e Sevilla, clasificándose con este último para a súa terceira final da Copa do Xeneralísimo. O seu rival na final foi o Real Madrid de Miguel Muñoz, e aínda que se adiantou o Sevilla grazas a un gol de Diéguez, a vitoria foi para o club branco, que remontou con dous tantos de Puskás.
Continuou nos bancos ata 1974, dirixindo entre outros a selección española B, a Real Sociedad, por segunda vez ao Athletic (co que acadou as semifinais da Copa de Feiras 1964/65) ou o Betis, co que ascendeu dúas veces máis a Primeira División (1966/67 e 1970/71).
Faleceu en Donostia o 19 de agosto de 2002, aos 92 anos de idade.
Palmarés Valladolid Segunda división (1): 1947/48.
Málaga Segunda división (1): 1947/48.
Betis Segunda división (2): 1957/58, 1970/71.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas
Datos do xogador en BDFutbol . Datos do adestrador en BDFutbol . Datos do adestrador no sitio web do no Athletic Club .
Categoría:Nados en Getxo Categoría:Nados na diáspora galega Categoría:Nados en 1910 Categoría:Finados en 2002 Categoría:Españois de ascendencia galega Categoría:Futbolistas do País Vasco Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do Arenas Club de Getxo Categoría:Xogadores do Racing de Ferrol Categoría:Adestradores de fútbol do País Vasco Categoría:Adestradores do Real Valladolid Categoría:Adestradores do Racing de Santander Categoría:Adestradores do CD Málaga Categoría:Adestradores do Athletic Club Categoría:Adestradores do Atlético Tetuán Categoría:Adestradores do Atlético de Madrid Categoría:Adestradores do Real Betis Balompié Categoría:Adestradores do RCD Espanyol Categoría:Adestradores do Elche CF Categoría:Adestradores do Sevilla FC Categoría:Adestradores da Real Sociedad Categoría:Adestradores do Recreativo de Huelva Categoría:Adestradores do CA Osasuna