Beatrice Maria Adelaide Marzia Vio, coñecida como Bebe Vio, nada en Venecia o 4 de marzo de 1997, é unha esgrimista italiana en cadeira de rodas. Foi campioa de Europa en 2014 e 2016, campioa do mundo en 2015 e 2017, e campioa paralímpica en 2016 na categoría B de florete.
Traxectoria Inicios Bebe Vio naceu en Venecia en 1997, segunda de tres irmáns, e foi criada en Mogliano Veneto.
A finais de 2008, cando tiña once anos, tivo unha meninxite severa que lle provocou unha infección pola que posteriormente lle foron amputadas ambas as pernas dende o xeonllo, e os dous brazos dende o antebrazo. Despois de máis de tres meses de rehabilitación intensiva foi capaz de volver a deporte.
Na súa infancia tivo tres paixóns, que bautizou como "os tres S": escola (scuola en italiano), esgrima (scherma), que comezou a practicar aos cinco anos, e scouting (scoutismo).
Carreira deportiva Vio foi campioa de esgrima en cadeira de rodas. Emprega unha prótese especial para soster o seu florete, loitando dende o ombreiro. Baixo o adestramento de Federica Berton e Alice Esposito, participou na primeira competición de esgrima en cadeira de rodas en 2010. A súa experiencia inspirou os seus pais na fundación da organización sen ánimo de lucro Art4sport Onlus, que promove o deporte entre persoas novas amputadas.
Nos Xogos Paralímpicos de Londres 2012 aínda era moi nova para participar, mais foi escollida como abandeirada para a cerimonia de apertura despois dunha campaña en liña onde máis de 1000 persoas enviaron un correo electrónico ao Comité Paralímpico Internacional para apoiar a súa candidatura.
No mesmo ano, con quince anos de idade, uniuse á selección italiana de esgrima en cadeira de rodas. En 2013 gañou a súa primeira Copa Mundial en Montreal despois de derrotar a medallista olímpica de prata Gyöngyi Dani. Por esta participación, foi nomeada atleta paralímpica do mes polo Comité Paralímpico Internacional.
A inicios da tempada 2013–2014, deteu os seus adestramentos para concentrarse nos seus estudos, aínda que regresou en xuño e gañou os torneos individual e como equipo do Campionato Europeo. Ao final do ano, o Comité Paralímpico Italiano outorgoulle o recoñecemento de "Atleta Italiana Paralímpica do Ano", un título compartido con Oxana Corso. En 2015, converteuse en campioa mundial despois de derrotar a Dani 15–4 na final. Foi nomeada embaixadora para a Expo de Milán 2015 e publicou a súa autobiografía Mi hanno regalato un sogno.
Na tempada 2015-2016, recibiu o Premio Mangiarotti do Comité Olímpico Italiano. Gañou o seu segundo título europeo en Casale Monferrato, vencendo a rusa Irina Mishurova. En xullo perdeu na final da Copa Mundial en Varsovia contra a rusa Viktoria Boykova, co que finalizou a súa serie de once vitorias consecutivas en eventos de Copas Mundiais. Aínda así, cualificouse para os Xogos Paralímpicos de Río de Xaneiro 2016 como a esgrimista mellor clasificada na súa categoría. En Río resultou campioa invicta, gañando os cinco encontros por equipos por 5-0. Na final enfrontouse á chinesa Jingjing Zhou. O combate foi interrompido cando a punta do florete da súa rival entrou accidentalmente na súa máscara. Despois de aplicarlle xeo, gañou 15-7, recibindo así a medalla paralímpica de ouro.
Recibiu o Premio de América da Fundación Italia-Estados Unidos en 2018.
Activismo Por mor da súa enfermidade e da súa recuperación, Vio converteuse nunha "defensora da vacinación temperá".
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Ligazóns externas Profile en rio2016.com
Categoría:Nados en Venecia Categoría:Nados en 1997 Categoría:Medallistas nos Xogos Paralímpicos de 2016 Categoría:Medallistas paralímpicos de bronce Categoría:Medallistas paralímpicos de ouro Categoría:Esgrimistas de Italia