Os Premios Ernestina Otero Sestelo son uns galardóns creados polo Consello das Mulleres do Concello de Pontevedra co obxectivo de incorporar a perspectiva de xénero nos traballos de fin de grao e máster para o estudantado universitario galego. Creáronse en 2014 tomando o nome da mestra e pedagoga Ernestina Otero e ten carácter anual.
En 2018 optouse por enfocalos a proxectos que proviñeran da educación infantil, primaria, secundaria e postobligatoria non universitaria co propósito de poder financiar e impulsar devanditos proxectos.
Historia Estes galardóns naceron en 2014 para premiar proxectos universitarios de fin de máster ou de grao. En 2017 non se puido outorgar ningún debido á pouca calidade que tiñan os estudos presentados. Por esa razón, en 2018 a Concellería de Igualdade decidiu reformulalos e a partir dese ano, os premios quedaron orientados a recoñecer e valorar aqueles proxectos educativos innovadores e relevantes en canto á incorporación da perspectiva de xénero e que supoñen un exemplo de boas prácticas e un modelo para futuras iniciativas educativas en materia de igualdade e oportunidades.
Edicións Os traballos premiados nas distintas edicións foron:
Ano 2014 Traballo fin de grao: "O fomento da igualdade entre os sexos na escola infantil a través dos contos", de Sandra Benavides Rodríguez.
Traballo fin de grao: "A cegueira do xénero". de Tania Ríos Coello.
Traballo fin de máster: "A arte da resisencia: prácticas feministas e de xénero. Unha crítica ao pensamento dominante", de Sylvia Peceño Serrano.
Ano 2015 Traballo fin de grao: "A aprendizaxe cooperativa como ferramenta para fomentar a igualdade entre sexos na escola infantil", de Almudena Poza
Traballo fin de máster: "O persoal é político", de Esther Gandía
Ano 2016 Traballo Fin de Grao: "O impacto da coeducación no desenvolvemento persoal", de Tamara Fernández Amosa.
Traballo Fin de Grao: "A educación afectivo-sexual en persoas con diversidade funcional e intelectual", de Bárbara Penas Rey
Traballo Fin de Grao: "Escola de Igualdade. Proxecto de formación en igualdade de xénero para o monitorado de Noites Abertas", de Ignacio Márquez Collazos
Traballos Fin de máster: "As bruxas non me dan medo (o que me dá medo son os fillos de puta)", de Rebeca López Villar
Ano 2017 Deserto. Non se outorgou ningún premio debido á pouca calidade que tiñan os estudos presentados.
Ano 2018 Infantil e Primaria:
1º Premio. “Contos de mulleres. Como son elas na vida real”. do CEIP San Martiño de Salcedo.
O xurado valorou o traballar a perspectiva de xénero nas aulas de infantil a través dos contos, analizando os distintos roles e características de protagonistas femininas e masculinos, fomentando o espírito crítico ante os estereotipos de xénero e por aplicar o método científico en alumnado de 5 anos
2º Premio. “Mulleres que contan: historias de mulleres que non son de conto pero que son de contar”, do CEIP San Martiño de Salcedo
O xurado valorou o traballo feito por mobilizar a toda a comunidade educativa, especialmente ás familias, na recuperación e visibilización das aportacións das mulleres en todos os ámbitos empregando unha metodoloxía activa, interdisciplinaria e de traballo cooperativo.
Secundaria e Bacharelato
1º Premio. “NEOFEM Luis Seoane”, do IES Luís Seoane de Monte Porreiro
O xurado valorou que o proxecto abrangue unha ampla variedade das actividades realizadas por iniciativa do propio alumnado, ter conseguido asentarse como unha organización permanente cunha presenza continuada na vida do centro ao longo do curso e proxectarse aos cursos seguintes, pola visibilización de formas de violencia e discriminación que estaban normalizadas dentro das propias aulas, o labor de concienciación e educación realizado dentro da comunidade educativa e a difusión do proxecto a través das redes sociais.
2º Premio. “Táboa periódica de mulleres. Menudas elementas”, do IES Torrente Ballester
O xurado valorou a implicación e participación activa de todo o alumnado e profesorado da ESO, de todos os cursos e materias, por dar a coñecer a aquelas mulleres que contribuíron nos distintos ámbitos do coñecemento e das artes, por concienciar da presenza das mulleres como elemento transformador da sociedade de calquera época ou tempo, rompendo con estereotipos sexistas e valorando as achegas das mulleres, pola difusión pública do proxecto a través das redes sociais e a orixinalidade do produto educativo final,
Accésit. “Elas pintan na arte”, do IES Frei Martín Sarmiento
O xurado valorou o traballo de rescatar e dar a coñecer as mulleres creadoras que tradicionalmente foron invisibilizadas nun sector tan masculinizado como o artístico, a variedade das actividades realizadas e pola permanencia do proxecto ao longo do curso e a súa proxección de continuidade en varios cursos académicos seguidos.
Ano 2019 Categoría A
1º premio: ‘Unha mirada lila dende as pioneiras pontevedresas ata as descoñecidas científicas’, do CEIP San Martiño:
O xurado conceu o galardón por loitar contra os estereotipos de xénero que se marcan dende as idades máis temperás, dotando ao alumnado de ferramentas para enfrontarse a eles e acadando resultados satisfactorios e notables, e por dar a coñecer e poñer en valor as figuras de moitas das pioneiras da nosa cidade, así como de diferentes científicas e dos seus descubrimentos e investigacións.
2º premio: deserto
Categoría B
1º premio: ‘Reseteando dende a educación’, do IES Luís Seoane:
Destacouse este proxecto por partir da necesidade de identificar actitudes e realidades discriminatorias, incidindo na necesidade de revisión e cambio activo das nosas condutas cotiás baixo o filtro da igualdade e do respecto, e por facer un traballo de reflexión profunda sobre sexualidade e liberdade no marco patriarcal e de análise crítica da prostitución e da pornografía.
2º premio: ‘Radio PonteLila – A radio da igualdade’, do CPR Calasancio:
O xurado destacou a implicación e participación activa de todo o alumnado da ESO nas distintas tarefas desta iniciativa, pola súa permanencia ao longo do curso, pola difusión pública a través da web e das redes sociais do produto educativo final e polo traballo realizado a prol da desmitificación do amor romántico.
Notas
Ernestina Otero Sestelo Categoría:Pontevedra
Véxase tamén
Enlaces externos Web dos premios no portal do Concello de Pontevedra