O Ameneiral é un lugar da parroquia de Pereira, no concello coruñés do Pino, na comarca de Arzúa. Os seus habitantes están incluídos dentro do número que o IGE determina para o lugar do Amenal.

Polo Ameneiral pasa o Camiño Francés a Santiago, a poucos metros de chegar á ponte sobre o rego do Amenal, afluente do río Brandelos. O seu casarío está disperso, concentrándose un maior número de construcións xusto antes de chegar ao Amenal, nunha superficie dunhas 5,5 hectáreas. O resto do casarío estríbase ou ben na ladeira sur do monte do Castro de Amenal, seguindo a curva de nivel xunto ao Camiño, ou ben xunto á N-547.

Esta poboación conta cun par de exemplos de hórreos tipo O Pino, un deles preto da ponte sobre o rego do Menal e o outro case no centro xeográfico do casarío.

Etimoloxía Este lugar coincide na mesma área xeográfica co lugar do Amenal e os regos do Amenal e do Menal, que pasan a poucos metros, sempre ao carón do Camiño Francés. Etimoloxicamente semellan ter raíces parecidas. Tendo isto en conta, a orixe deste termo pode vir: do fitónimo ameneiro (alnus glutinosa), do latín vulgar *AMINARIU, derivado da forma celta ameia, que significa "a carón do río", porque é aquí onde abundan. Posiblemente a palabra ameneiral sexa un topónimo abundancial que se refera a un conxunto de amieiros. Neste último sentido os devanditos topónimos O Amenal e O Menal virían a abundar no mesmo sentido, polo que teriamos tres topónimos de orixes idénticas uns ao lado dos outros do hidrónimo ame-nale, que significa "meseta ou regato tranquilo", ou da raíz céltica am- que derivaría nun amena- e pode significar "leito de río, gabia"

Galería de imaxes

Lugares e parroquias Lugares de Pereira

Parroquias do Pino

Notas

Categoría:Lugares do Pino