miniatura|O isómero L do ácido láctico. miniatura|Esta animación mostra como unha molécula de glicosa (6 carbonos) se converte en dúas moléculas de piruvato de 3 C (glicólise) e despois en dúas de ácido láctico. A fermentación láctica é un proceso metabólico polo cal unha molécula de glicosa ou outra hexosa ou tamén disacáridos que conteñen hexosas como a. sacarosa ou a lactosa convértense en ácido láctico (ou lactato en disolución a pH celular) á vez que se obtén enerxía e forma de ATP. É un proceso fermentativo anaerobio que ocorre nalgunhas bacterias e en células animais, como as musculares.
Hai dous tipos de fermentación láctica, dependendo de se o produto final é só lactato ou se é lactato e outros produtos adicionais, que se denominan fermentación homoláctica e fermentación heteroláctica, respectivamente. Na fermentación homoláctica a glicosa é convertida en dúas moléculas de ácido láctico como único produto final. Na fermentación heteroláctica, os produtos finais, ademais do ácido láctico, son o dióxido de carbono e o etanol.
Se a célula dispón de oxíxeno, moitos microorganismos evitan a fermentación e pasan a realizar a respiración celular, xa que ten un mellor rendemento enerxético; porén, hai microorganismos que en presenza de oxíxeno poden facer tanto a fermentación coma a respiración celular. A fermentación homoláctica ten lugar nos músculos cando están sometidos a un intenso esforzo e non lles chega suficiente oxíxeno.
A lactato deshidroxenase do citosol das células cataliza a interconversión de piruvato e lactato coa interconversión simultánea de NADH e NAD+.
A fermentación láctico utilízase na fabricación de moitos produtos lácteos, por exemplo o iogur ou o queixo.
Bioquímica Fermentación homoláctica miniatura|Fermentación homoláctica: o piruvato convértese en lactato. As bacterias homofermentativas converten a glicosa (ou outras hexosas) en dúas moléculas de lactato e utilizan a reacción para obter moléculas de ATP por medio de fosforilación a nivel de substrato: glicosa + 2 ADP + 2 Pi → 2 lactato + 2 ATP O proceso prodúcese en dúas fases: primeiro ten lugar a glicólise na que se produce piruvato, e despois este é o que orixina o lactato por fermentación: glicosa + 2 NAD+ + 2 Pi + 2 ADP → 2 piruvato + 2 NADH + 2 ATP + 2 H+ + 2 H2O 2 piruvato + 2 NADH + 2 H+ → 2 lactato + 2 NAD+ Na primeira etapa prodúcese o ATP, e na segunda, rexenérase o NAD+. No músculo a segunda etapa está catalizada pola lactato deshidroxenase.
Exemplos de bacterias homofermentativas son algúns Lactobacillus e Streptococcus. Ocorre tamén en tecidos animais, e nalgúns fungos e protozoos.Stanier, Doudorof, Adelberg. Microbiología. Aguilar. Páxina 199. ISBN 84-03-2056-3.
Fermentación heteroláctica miniatura|150px|Esquema simplificado da ruta da fosfocetolase en bacterias heterolácticas. As bacterias heterofermentativas producen menos lactato e menos ATP, xa que só se forma unha molécula do intermediario piruvato que se converte en lactato, mentres que por outra rama da vía orixínanse outros produtos finais como etanol e dióxido de carbono. A vía utilizada denomínase ruta da fosfocetolase, na que o encima clave é a fosfocetolase.Diversity of microorgsnisms - Text book of Microbiology. The heterolactic (phosphoketolase) pathway Globalmente a ecuación sería: glicosa + ADP + Pi → lactato + etanol + CO2 + ATP
Exemplos destas bacterias son: Leuconostoc mesenteroides, Lactobacillus bifermentous e Leconostoc lactis; tamén algúns Lactobacillus.M. T. Madigan, J. M. Martinko, J. Parker. Brock - Biología de los Microorganismos. 10ª edición. Pearson-Prentice Hall. Páxina 585. ISBN 84-205-3679-2.
Na produción de quefir utilízanse bacterias heterolácticas Lactobacillus, que forman parte dunha matriz simbiótica de lévedos e bacterias de varios tipos (os grans de quefir, que se introducen no leite, crecen e parecen un "fungo" con forma de coliflor). Na produción de sauerkraut, para completar a fermentación, tamén se usan algúns Leuconostoc heterolácticos.
Ruta do bífido Bifidobacterium bifidum utiliza unha ruta de fermentación do ácido láctico que produce máis ATP que a homoláctica ou heteroláctica: 2 glicosa + 5 ADP + 5 Pi → 3 acetato + 2 lactato + 5 ATP
Historia
Varios químicos ao longo do século XIX descubriron procesos fundamentais da química orgánica e o metabolismo. Un deles foi o químico francés Joseph Louis Gay-Lussac, que estaba especialmente interesado nos procesos de fermentación e contaxioulle esta fascinación a un dos seus mellores estudantes, Justus von Liebig. Cunha diferenza duns poucos anos, cada un deles descubriu, xunto con outros colegas, a estrutura química do ácido láctico. Tiñan un coñecemento puramente químico da fermentación, o que significaba que non interviñan seres vivos, e que só podía optimizarse con catalizadores químicos. En 1857, o químico francés Louis Pasteur foi o primeiro que describiu a produción de ácido láctico como resultado dunha fermentación microbiana. Durante esa época traballaba na Universidade de Lille, onde unha destilería local lle pediu consello sobre varios problemas que se producían nas súas fermentacións. Por casualidade e co limitado equipamento que tiña o seu laboratorio daquela, conseguiu descubrir que nesa destilería estaban tendo lugar dúas fermentacións, unha láctica e outra alcohólica, ambas realizadas por microorganismos. Despois continuou investigando sobre estes descubrimentos en París, onde tamén publicou as súas teorías que contradicían a idea puramente química das fermentacións de Liebig e os seus seguidores. Aínda que Pasteur describiu algúns conceptos correctos que aínda se aceptan hoxe, Liebig rexeitou aceptalos. Incluso o propio Pasteur escribiu que aquilo estaba conducindo a unha comprensión completamente nova deste fenómeno químico. Aínda que Pasteur non describiu todos os detalles do proceso, descubriu os principais mecanismos de como funcionaba a fermentación láctica microbiana. Denominou a fermentación unha "forma de vida sen aire", por ser un proceso anaerobio.
Aínda que este proceso químico non fora debidamente descrito antes dos traballos de Pasteur, a xente levaba utilizando a fermentación do ácido láctico microbiana para a produción de alimentos desde moito antes. Análises químicas de restos arqueolóxicos mostraron que a fermentación do leite data da Prehistoria; as súas primeiras aplicacións foron probablemente parte da Revolución Neolítica. Como o leite contén de forma natural bacterias do ácido láctico, o descubrimento da fermentación era algo inevitable, porque ocorría espontaneamente a unha temperatura adecuada. O problema destes primeiros agricultores era que o leite fresco era case indixerible pola maioría dos adultos, pero os produtos fermentados non. Hoxe sabemos que as bacterias lácticas conteñen os encimas necesarios para dixerir a lactosa, e as súas poboacións multiplicábanse durante a fermentación, polo que no leite fermentado había moitos encimas para dixerir a lactosa. As fermentacións longas usadas para fabricar queixo descubríronse tamén hai miles de anos, como proban as receitas para fabricar queixo en escritura cuneiforme das primeiras civilizacións de Mesopotamia e un pouco despois en Babilonia e en textos do antigo Exipto. Unha interesante teoría é a da vantaxe competitiva que daba o consumo de produtos lácteos fermentados. Segundo esta teoría as mulleres nestes primeiros pobos agricultores sedentarios podían acurtar o tempo entre ter un fillo e outro grazas ao consumo adicional de produtos lácteos. Este factor puido darlles vantaxe á hora de competir cos que aínda seguían sendo sociedades de cazadores-recadadores. Co incremento do consumo de produtos lácteos estas sociedades desenvolveron xeneticamente unha persistencia da lactase na idade adulta, xa que o encima lactase que dixire o azucre do leite lactosa normalmente deixaba de producirse despois da infancia, polo que podían tomar leite non fermentado de adultos tamén. Esta habituación temperá ao consumo de lactosa das primeiras sociedades sedentarias pode aínda observarse hoxe nas diferenzas rexionais sobre a prevalencia desta mutación. Estímase que o 65% da poboación mundial carece dela. Como estas primeiras sociedades viñan de rexións da zona do leste de Turquía ata Eurpa central, a expresión deste xene aparece máis frecuentemente alí e tamén en Norteamérica (onde se asentaron esas poboacións europeas). Ao contrario, a intolerancia á lactosa é moi común en países asiáticos. 240px|miniatura|Botella e vaso de kumis
Os produtos lácteos e as súas fermentacións tiveron unha importante influencia no desenvolvemento dalgunhas culturas. Un exemplo é Mongolia, onde a xente adoita ter unha economía baseada no pastoreo. O leite que producían e consumían esas culturas era principalmente leite de egua. A parte máis graxa da superficie do leite, denominada alí "deež", é a que se considera máis valiosa e é ofrecida aos invitados de honra. Son moi importantes tamén os produtos da fermentación do leite de egua, como o iogur lixeiramente alcohólico chamado kumis. O seu consumo aumenta durante as festividades, como o ano novo lunar mongol (en primavera). A época desta celebración denomínase o "mes branco", o que indica que os produtos lácteos (chamados "comida branca" xunto con vexetais con amidón, en comparación cos produtos cárnicos, chamados "comida negra") son unha parte importante das súas tradicións. Nos tempos do emperador mongol Xenxis Khan o leite fermentado de egua era a bebida para honrar os guerreiros e persoas principais, e non era bebida por todo o mundo. Pero finalmente fíxose unha bebida normal para toda a xente. Outros produtos, como o iogur industrial, que procede da China e países occidentais tenden actualmente a substituír cada vez máis o leite de egua, principalmente en áreas urbanas, pero nas zonas rurais segue tendo grande importancia.
Bacterias do ácido láctico Son un grupo de bacterias que pertencen á orde Lactobacillales e producen ácido láctico ao fermentar carbohidratos. Os xéneros principais son Lactobacillus, Leuconostoc, Pediococcus, Lactococcus e Streptococcus; outros xéneros menos importantes son Aerococcus, Carnobacterium, Enterococcus, Oenococcus, Sporolactobacillus, Tetragenococcus, Vagococcus e Weissella.Gänzle MG (2015). "Lactic metabolism revisited: metabolism of lactic acid bacteria in food fermentations and food spoilage". Current Opinion in Food Science. 2: 106–117. doi:10.1016/j.cofs.2015.03.001.
A fermentación de lactosa é un tests frecuentemente usado en microbioloxía determinativa, por exemplo na familia Enterobacteriaceae.
Aplicacións
A fermentación do ácido láctico utilízase en moitas partes do mundo para producir alimentos que non se poden producir por outros métodos. O xénero máis importante de bacterias fermentativas do ácido láctico é Lactobacillus, aínda que ás veces tamén se usan outras bacterias e mesmo lévedos. A fermentación láctica utilízase para a fabricación de produtos lácteos, especialmente iogur e sauerkraut; na fabricación de queixo tamén interveñen bacterias lácticas, que axudan a callar o leite e darlle sabor, pero adoitan utilizarse maiormente encimas do calleiro ou doutra procedencia.
Iogur O principal método de producir iogur é por fermentación láctica bacteriana do leite. As principais bacterias utilizadas son Lactobacillus bulgaricus e Streptococcus thermophilus, e as leis europeas, estadounidenses e doutros países esixen que todos os iogures conteñan estes dous cultivos (aínda que se poden engadir outros máis como probióticos, como os bífidos ou Lactobacillus acidophilus). Estas bacterias fermentativas producen ácido láctico no leite, acidificando o seu pH e facendo que calle. As bacterias orixinan outros compostos que lle dan ao iogur o seu distintivo sabor. Un efecto adicional da diminución (acidificación) do pH é a incompatibilidade dese ambiente ácido con moitos outros tipos de bacterias nocivas.
Queixo