Mar Capeáns Garrido, nada en Santiago de Compostela en 1967, é unha influente física galega. Foi a primeira española que formou parte do equipo científico permanente do CERN, no Laboratorio Europeo de Física de Partículas en Xenebra, onde dirixe o grupo de xestión de proxectos do Departamento de Tecnoloxía do CERN.
Traxectoria É licenciada en Física pola Universidade de Santiago de Compostela (1991) e doutora en Física de Partículas pola mesma universidade. En 1992 incorporouse ao CERN cun programa de estudantes no grupo de desenvolvemento de detectores de Georges Charpak, premio Nobel de Física. Alí permaneceu seis anos traballando en proxectos de I+D na busca de tecnoloxías de detección apropiadas para os experimentos do Large Hadron Collider (LHC). En 1998 trasladouse a Alemaña para participar no deseño, construción e posta a punto do detector de trazas no experimento HERA-B no DESY (Hamburgo).
No 2000 regresou ao CERN e en 2001 incorporouse como membro do persoal científico desta organización ao experimento ATLAS do LHC, onde desenvolveu a súa actividade no deseño e construción do detector de trazas. En 2006 realizou un MBA en Xestión de Proxectos Tecnolóxicos na Universidade de Lausana e EPFL. No 2005 uniuse ao grupo de Tecnoloxía de Detectores do CERN, que liderou desde 2012 até 2017.
Foi membro do grupo consultivo de igualdade de oportunidades do CERN e imparte charlas para incentivar as vocacións femininas entre o alumnado de secundaria.
Capeáns é autora de moitos artigos científicos no eido da Física de Altas Enerxías e a instrumentación, é editora da revista Journal of Instrumentation (JINST), e participou como asesora en consellos científicos e na avaliación de financiamento para programas da Comisión Europea e tamén en proxectos internacionais. Distincións
En 2023 a revista Gciencia considerouna unha das 20 mulleres de ciencia en Galicia que había que coñecer. Medalla Castelao (2026)
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas
Vídeo da Fundación BBVA
Categoría:Físicos de Galicia Categoría:Nados en Santiago de Compostela Categoría:Nados en 1967 Categoría:Alumnos da Universidade de Santiago de Compostela Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes Categoría:Medallas Castelao