O rego do Burgo ou rego de Puntillón é un afluente do río Brandelos que discorre polos concellos do Pino e Touro, na comarca de Arzúa e ten unha lonxitude total de 7.720 metros.
Características Nace na Chousa de Abeas, dentro da parroquia de Arca e preto do lugar de Samil, a uns 365 metros de altitude, e desemboca no río Brandelos á altura do lugar de Sar, na parroquia de San Vicenzo de Bama, a uns 185 metros de altitude, seguindo unha dirección norte-sur sen apenas describir grandes revoltas.
Apenas a 1.800 metros do seu nacemento, nun meandro, atópase o castro da Roda ou de Vilaboa. Pouco despois vai bordeando polo leste a capital municipal do Pino, O Pedrouzo, deixando o lugar do Picón ao seu leste. A dous quilómetros do seu encontro co Brandelos, preto do lugar da Sapeira, na parroquia de Bama, o rego do Xeimar vai converxer con el. Por fin, apenas a uns centos de metros ao sur dunha área de extracción de áridos, a antiga mina de cobre de Río Tinto, o rego do Burgo ten o seu encontro co Brandelos.
Conta con cinco subafluentes, sendo o rego do Xeimar o máis importante deles.
Etimoloxía Este rego debe o seu nome ao lugar do Burgo, que atravesa. Por este lugar pasa o Camiño Francés a Santiago.
Notas
Categoría:Ríos da provincia da Coruña Categoría:O Pino Categoría:Topónimos de ríos galegos con etimoloxía