Juan de la Concha Castañeda, nado en Plasencia, Cáceres, o 29 de agosto de 1818 e finado en Madrid o 30 de agosto de 1903, foi un avogado e político español, ministro de Facenda durante a rexencia de María Cristina de Habsburgo-Lorena .

Traxectoria Estudou Dereito na Universidade de Salamanca e marchou en 1841 a Madrid onde casou e se incorporou ao Colexio de Avogados. En 1844, entrou ao servizo do Estado en 1844 como xuíz de primeira instancia no xulgado de Pastrana; despois foi conselleiro provincial, gobernador interino de Guadalaxara e, posteriormente, oficial no Ministerio da Gobernación en Madrid. Entre 1850 e 1864, foi redactor do xornal xurídico El Faro.

Cando os progresistas triunfaron en 1854, abandonou a súa carreira administrativa e despois de participar nas eleccións de 1863 obtivo a súa primeira acta de deputado pola circunscrición de Gata e en 1864 por Cáceres, tomando parte activa na discusión dos orzamentos e outros aspectos de Facenda e economía. Renovou a acta de deputado nas seguintes eleccións até 1867. En 1866, a proposta do marqués de Barzanallana, ocupou a Dirección Xeral de Propiedades do Ministerio de Facenda. Ao cesar, en 1868, publicou unha Memoria na que narra a súa xestión.

Coa Revolución de 1868 e durante o Sexenio revolucionario, afastouse da política activa e mesmo da Administración durante a Primeira República e non regresou ata 1874 ao se produci-la Restauración na que ocupou, de novo, a Dirección. de Propiedades. Máis tarde chegou a ser fiscal do Consello de Estado, presidente da súa Sección de Facenda. En 1876, como militante do recentemente creado Partido Conservador, foi elixido senador por Cáceres até 1886 e despois en representación da Real Academia de Ciencias Morales e Políticas até a súa morte.

O 10 de xullo de 1890, foi nomeado Fiscal do Tribunal Supremo e, posteriormente, foi ministro de Facenda entre o 23 de novembro de 1891 e o 11 de decembro de 1892 nun goberno presidido por Cánovas del Castillo e foi gobernador do Banco de España desde xaneiro de 1900 até abril de 1901.

Obra

1848, Manual de Procuradores. Madrid: Compañía de Impresores y Libreros del Reino.

Recoñecementos O 16 de febreiro de 1877, recibiu a Gran Cruz de Isabel a Católica, e a Encomenda de número de Carlos III.

Notas

Véxase tamén

Outros artigos

Lista de gobernadores do Banco de España Lista de ministros de Economía e Facenda de España

Ligazóns externas Expediente persoal no Senado Necrolóxica realizada por Eduardo Sanz y Escartín (1904), da Real Academia de Ciencias Morais e Políticas

Categoría:Gobernadores civís de Guadalaxara Categoría:Gobernadores do Banco de España Categoría:Políticos do Partido Conservador (España) Categoría:Alumnos da Universidade de Salamanca Categoría:Nados en 1818 Categoría:Finados en 1903 Categoría:Nados en Plasencia Categoría:Ministros de España Categoría:Académicos de número da Real Academia de Ciencias Morais e Políticas