miniatura|300px|Piano de cola. Piano vertical. Un piano é un instrumento musical composto dunha serie de cordas metálicas de diferente lonxitude e diámetro, ordenadas de maior a menor no interior dunha caixa sonora. Estas cordas son percutidas por pequenos mazos impulsados por un teclado, producindo sons claros e vibrantes. Atendendo á súa forma e dimensión denomínanse verticais, de cola e media cola, ou de mesa. O piano apareceu en Italia a principios do século XVIII, volvendo a poñer en función os pequenos mazos ou martelos dos antigos clavicordios que o clavicémbalo, beliscando con pugas, desterrara. A innovación deste instrumento de corda percutida consistiu na posibilidade de matiza-la intensidade das notas e da-los “pianos” doces e de baixa forza, e os “fortes”, e por iso foi chamado pianoforte.
A proposta do músico alemán Nils Frahm en 2015, o día 29 de marzo celébrase o Día Mundial do Piano. A data escolleuse porque ese día é o día 88 do ano, sendo ese o número de teclas que teñen os pianos modernos (e para manter esa coincidencia, a celebración adiántase ó 28 de marzo nos anos bisestos).
Historia Invención do piano-forte Creado ao principio do século XVIII polo italiano Bartolomeo Cristofori en Florencia (Italia), sobre o nome «piano-forte», o piano nace da evolución dun instrumento chamado clavicordio (século XV) e do timpanon (Idade Media).
A data de fabricación do primeiro piano forte por Bartolomeo Cristofori é incerta, pero un inventario realizado polos mecenas de Cristofori, a familia Medicis, indica a existencia dun instrumento de Cristofori en 1700. Cristofori non tería construído máis que unha vintena de piano-fortes antes da súa morte en 1731. Non quedan máis que tres hoxe en día, que datan dos anos 1720. O máis antigo dos mesmos atópase no Museo Metropolitano de Arte de Nova York.
Como instrumento de corda con teclado, o piano é semellante ao clavicordio, dende o punto de vista organolóxico, e ao clavecín, en termos estético-musicais. Estes tres instrumentos diferéncianse nos seus mecanismos de produción do son. Nun clavecín, as cordas son pulsadas por plectros. Nun clavicordio, as cordas son percutidas por pequenas púas de metal (tanxentes) que continúan en contacto coa corda ata que se deixa de premer a tecla. Nun piano, as teclas son percutidas por mazos, que rebotan inmediatamente deixando á corda vibrar libremente. miniatura|Bartolomeo Cristofori. O grande éxito de Cristofori foi atopar a solución, sen exemplos previos, ao problema fundamental mecánico do deseño do piano: o mazo de madeira cuberto de coiro debía golpear a corda, pero non permanecer en contacto con ela porque amortecía o son, como acontecía coas tanxentes que se mantiñan en contacto coas cordas do clavicordio. Por outra banda, o mazo debía volver á súa posición de descanso sen rebotar violentamente e, a ser posible, debía permitir repetir unha nota rapidamente. O mecanismo de percusión de Cristofori serviu como modelo para os numerosos enfoques diferentes para as accións de piano posteriores. Se ben os primeiros instrumentos de Cristofori fixéronse con cordas delgadas e foron moito máis silenciosos que o piano moderno, en comparación co clavicordio (o único instrumento de teclado anterior capaz de controlar minimamente os matices dinámicos a través do teclado) foron considerablemente máis fortes e podían manter mellor a potencia do son.
O piano non tiña un son estridente e metálico como o clavicordio ou o clave, senón que era un son moito máis suave e sostido. Ademais, os mazos estaban dotados dun sistema de escape mediante o cal era posible variar tanto o volume como o ton do son. Con el incrementábase notablemente a capacidade expresiva musical do instrumento, xa que ademais de producir un determinado son sempre ao mesmo volume e ton, como acontecía cos instrumentos antecesores, era posible producir sons con máis ou menos volume que outros e producir unha moi lixeira variación tonal. Todo isto dependía da forma de executar o teclado do piano: con movementos rápidos e bruscos das teclas producíanse sons de gran volume e brillantes; e con movementos lentos e pacificados xerábanse sons de menor volume e cun ton máis doce.
Cristofori chamouno gravicembalo col piano e forte. Este nome facía referencia á capacidade do instrumento de producir sons con diferentes intensidades, dependendo da presión exercida sobre as teclas: se apertabas forte o son era maior e se apertabas máis suavemente o son era menor; de aquí ven o nome que lle puxo inicialmente, pianoforte (derivado do italiano: piano: suave e forte: forte).
O novo instrumento construído por Cristofori mantívose relativamente descoñecido ata que o escritor italiano Francesco Scipione escribiu un entusiasta artigo sobre o piano en 1711, incluíndo un diagrama do seu mecanismo. Este artigo foi distribuído amplamente e a meirande parte da seguinte xeración de fabricantes de pianos iniciou o seu traballo debido á súa lectura. Un destes fabricantes foi Gottfried Silbermann, máis coñecido como fabricante de órganos, que tiña o seu taller en Freiberg. Os pianos de Silbermann son practicamente copias directas do piano inventado por Cristofori pero cunha importante adición: Silbermann inventou o precursor do pedal de resonancia moderno, que elevaba todos os apagadores das cordas á vez.
Contra 1726, Cristofori introduciu nos seus pianos o sistema unha corda, que daba ao intérprete a posibilidade, mediante un comando especial, de desprazar o mecanismo de tal modo que cada mazo golpeara sobre unha cantidade de cordas menor do habitual para lograr un son moi suave. Este mecanismo séguese mantendo nos pianos modernos e o unha corda permite que o mazo do piano golpee sobre unha única corda de cada grupo. As primeiras composicións específicas para pianos apareceron ao redor de 1732, entre as que destacan as 12 sonatas para piano de Lodovico Giustini tituladas Sonate da cimbalo di piano e forte detto volgarmente di martelletti.
Silbermann mostroulle a Johann Sebastian Bach un dos seus primeiros instrumentos na década de 1730, pero a Bach non lle gustaba ese instrumento, alegando que as oitavas superiores eran demasiado suaves para permitir un completo rexistro dinámico, co que se gañou certa hostilidade con Silbermann. Ao parecer, as críticas foron atendidas e en 1747 Bach deu a súa aprobación ao instrumento e incluso actuou como axente na venda de pianos fabricados por Silbermann.
Dende o taller de Gottfried Silbermann, desenvolvéronse as famosas escolas de fabricación de pianos: a "Escola inglesa" que xurdiu a partir de dous discípulos de Silbermann, chamados Johannes Zumpe e Americus Backers, que emigraron a Londres, onde desenvolveron un piano que tiña o mesmo mecanismo que o de Cristofori aínda que con notables modificacións, que máis tarde sería denominado "mecanismo inglés"; e a "Escola alemá", aparecida a partir doutro discípulo de Silbermann chamado Johann Andreas Stein, que realizou outras modificacións ao mecanismo orixinal dun deseñador chamado Schroter, denominado "mecanismo alemán ou vienés".
Evolución Século XVIII: Primeiros fabricantes de pianos Dende os primeiros pianos do italiano Cristofori ata os pianos actuais, producíronse moitos avances e melloras, pero o concepto e a idea fundamental para a súa construción continúan sendo as mesmas. Optimizáronse materiais para lograr unha mellor calidade de son, aumentouse paulatinamente o número de notas para ampliar a capacidade musical do instrumento e mellorouse o deseño para lograr un mellor rendemento. Porén, o concepto fundamental de pianoforte como un instrumento capaz de lograr sons fortes e suaves segue sendo o mesmo.
O apoxeo da fabricación de pianos tivo lugar a finais do século XVIII na escola de Viena, que incluíu a fabricantes como o mencionado Johann Andreas Stein (que traballou en Augsburgo, Alemaña) e os vieneses Nannette Streicher (filla de Stein) e Anton Walter. Os pianos de estilo vienés foron construídos con marcos de madeira, dúas cordas para cada nota e mazos cubertos de coiro. Algúns destes pianos de estilo vienés tiñan un colorido oposto ao dos pianos modernos: as teclas naturais eran negras e as accidentais brancas. Wolfgang Amadeus Mozart compuxo os seus concertos e sonatas para eles e incluso fabricáronse réplicas para o seu uso en interpretacións de música antiga. Os pianos da época de Mozart tiñan un ton máis suave e claro que os pianos modernos ou os pianos ingleses, con potencia mantida. O termo pianoforte utiliza acotío para distinguir os pianos do século XVIII dos pianos posteriores.
miniatura|Piano fabricado por Anton Walter en 1810. Entre os anos 1760 e 1830 a fabricación de pianos tivo unha grande expansión e sufriu grandes modificacións. Esta revolución foi unha resposta á preferencia dos compositores e pianistas por ter un piano cun son máis poderoso e sostido, e foi posible grazas aos avances tecnolóxicos xurdidos a partir da Revolución industrial, que estaba comezando. Algúns destes avances foron a alta calidade do aceiro das cordas, chamado especificamente corda de piano, así como a precisión da fundición para a produción de ferro fundido. Co tempo, a gama tonal do piano tamén foi en aumento e pasou das cinco oitavas da época de Mozart ás sete oitavas e un terzo ou máis dos pianos modernos.
En 1762 Henry Walsh realizou o primeiro concerto para piano en toda a historia en Dublín. O deseñador de pianos francés Sébastien Érard construíu en 1776 o piano rectangular, que era unha variante especial do piano de cola. En 1773 publicáronse as sonatas para piano Opus 2 de Muzio Clementi, que pretendían utilizar ao máximo os recursos do piano. En 1775 construíuse en Filadelfia o primeiro piano en Estados Unidos e en 1795 o primeiro piano vertical en Londres, deseñado por William Stodart. Pascal Taskin tamén fabricou algúns pianos entre os anos 1786 e 1790.
Os primeiros avances tecnolóxicos foron en gran medida grazas á empresa inglesa Broadwood, que xa tiña reputación polo ton esplendoroso e poderoso dos seus clavecíns. Broadwood construíu instrumentos que foron progresivamente máis grandes, máis fortes e máis vigorosamente construídos. Enviaron dous pianos a Joseph Haydn e Ludwig van Beethoven e foi a primeira empresa de fabricación de pianos cunha gama de máis de cinco oitavas: cinco oitavas e unha quinta no ano 1790, seis oitavas en 1810 (Beethoven utilizou as notas adicionadas na súas obras posteriores), e sete oitavas en 1820. Os fabricantes vieneses tamén seguiron estas tendencias, porén, as dúas escolas de piano utilizaron diferentes accións: o mecanismo de Broadwood era máis robusto e o dos instrumentos de Viena era máis sensible.
Século XIX: impulso pola Revolución industrial En 1808, Sébastien Érard patentou un mecanismo de repetición sinxela e incorporou a grampa, unha peza que permitía ás cordas permanecer no seu lugar exacto despois de ser golpeadas polos mazos. Dous anos máis tarde, en 1810, deseñou o mecanismo de pedais do piano moderno. Na década de 1820, a fábrica de pianos de Érard en París pasou a ser o centro da innovación no referente ao mecanismo do piano. En 1822 introduciu o seu mecanismo de dobre repetición, que permitía unha gran velocidade de repetición ao pulsar as teclas do piano, incluso se a tecla aínda non alcanzara a súa máxima posición vertical, e facilitaba unha rápida execución. Cando esta invención se fixo pública, na súa forma revisada por Henri Herz, o mecanismo de dobre repetición converteuse paulatinamente nun elemento estándar no mecanismo dos pianos de cola e forma parte de todos os pianos de cola modernos.