O Colectivo Hetaira foi un colectivo español sen fins de lucro en defensa dos dereitos laborais das prostitutas, con se na cidade de Madrid, e cofundado, entre outras persoas, por Cristina Garaizabal e Mamen Briz o 12 de marzo de 1995. Segundo o propio Colectivo, a súa creación xordeu pola necesidade de se organizar para combater o estigma social que recae sobre as prostitutas e reivindicar os seus dereitos, por exemplo, a traballar tranquilas, a se organizar, a se sindicar, a cotizar; o apoio na denuncia de agresións, de chantaxes; a defensa colectiva ante os abusos de poder e, en xeral, favorecer a súa autoorganización na defensa dos seus intereses como traballadoras. Desapareceu o 10 de decembro de 2019, tras 24 anos de activismo.
Obxectivos e funcións do grupo Os obxectivos autodeclarados do grupo, ao longo da súa existencia, foron os seguintes:
A defensa e a promoción da autonomía das mulleres, a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, así como a loita contra a violencia de xénero e as desigualdades por cuestións de xénero. A defensa e a difusión dos dereitos humanos e os valores democráticos de xustiza, liberdade, igualdade, solidariedade, laicismo, cooperación, resolución non violenta de conflitos, tolerancia e pluralismo. A solidariedade, o apoio e a defensa dos dereitos das persoas inmigrantes, promovendo a súa integración social, a súa igualdade en dereitos e oportunidades e o seu acceso á cidadanía; a loita contra todas as formas de discriminación racial e xenófoba; e a defensa dos valores de tolerancia e pluralismo cultural desde unha perspectiva intercultural. Aumentar e difundir os seus coñecementos, respecto á problemática relacionada coa prostitución. Crear un lugar de encontro para debate externo e interno en torno á problemática da prostitución. Loitar contra o estigma e a marxinación que sofren as persoas que exercen a prostitución. Loitar pola consecución dos dereitos das traballadoras sexuais. Detectar e apoiar ás vítimas de trata de seres humanos. A protección, atención, asistencia formativa, informativa, xurídica e psicolóxica das mulleres vítimas de trata obrigadas a exercer a prostitución. O apoio ás mulleres para a mellora da súa situación laboral, incidindo na súa formación (educativa e profesional), dándolle valor ao uso das novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC). A promoción da saúde, a educación socio-sanitaria, a prevención do VIH (Sida) e ITS (Infeccións de transmisión sexual).
Premios
Premio René Cassin aos Dereitos Humanos, outorgado polo goberno vasco (2003). Premio de Dereitos Humanos da Apdha á súa traxectoria (2019).
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Páxina web oficial do Colectivo Hetaira
Outros artigos Sindicato OTRAS
Categoría:Prostitución
Categoría:Asociacións de España