Desolation Center é un documental dirixido por Stuart Swezey e estreado en cines o 13 de setembro de 2019, que trata sobre unha serie de concertos organizados nos anos 80 no deserto do Mojave. Entre as bandas participantes atópanse Sonic Youth, Minutemen, Meat Puppets, Swans e Einstürzende Neubauten.
Os concertos O propio Swezey foi o organizador deses eventos, tres no deserto e un nun barco, celebrados entre 1983 e 1985. Swezey era compañeiro de habitación de Perry Farrell, futuro líder da banda Jane's Addiction e fundador do festival Lollapalooza, quen asistiu a estes eventos, que recibiron o nome de Desolation Center. Entre os asistentes tamén se atoparon Gary Tovar, fundador da promotora que creou o festival de Coachella, e John Law, fundador do Burning Man, polo que estes concertos no deserto foron unha fonte de inspiración para a creación destes tres grandes festivais.
Un dos motivos de Swezey para organizar estes eventos foi o intento de esquivar á policía dos Ánxeles, que tiña unha guerra particular contra os concertos de punk rock na cidade. Swezey, que tiña 22 anos nese momento, tivera moitas dificultades para organizar actuacións no centro dos Ánxeles por mor das accións da policía.
O primeiro dos concertos celebrouse o 24 de abril de 1983 e recibiu o nome de "Mojave Exodus". Nel acuaron as bandas anxelinas Minutemen e Savage Republic e os organizadores alugaron vellos autobuses escolares para transportar aos asistentes.
O segundo, "Mojave Auszug", foi o 4 de marzo de 1984. Neste participou Survival Research Laboratories, un grupo de performance coñecido por construír grandes máquinas e facer que se destrúan entre elas, a banda alemá Einstürzende Neubauten, e o músico experimental Boyd Rice.
O terceiro concerto cambiou de localización e realizouse nun barco en San Pedro, California. "Joy at Sea" celebrouse en xuño de 1984 coa actuación de Minutemen e Meat Puppets.
"Gila Monster Jamboree" foi o derradeiro dos concertos organizados para o Desolation Center. Nel os neoiorquinos Sonic Youth realizaron o seu primeiro concerto en California, e estiveron acompañados no escenario por Redd Kross, Meat Puppets e Psi Com.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas
Páxina oficial
Categoría:Filmes de 2019 Categoría:Filmes en lingua inglesa Categoría:Filmes dos Estados Unidos de América Categoría:Documentais