HumSat-D é un satélite artificial da Universidade de Vigo lanzado o 21 de novembro de 2013 mediante un foguete Dnepr desde Dombarovskiy.
Características HumSat-D é un satélite tipo CubeSat feito pola Universidade de Vigo para formar parte do proxecto HumSat, consistente nunha constelación de satélites de comunicacións para dar cobertura a áreas do planeta sen a infraestrutura de telecomunicacións adecuada. O proxecto HumSat baséase na colaboración internacional e está respaldado pola ONU.
HumSat-D é un CubeSat estándar de 10 cm de lado e 1 kg de masa baseado no Xatcobeo. Non ten control de actitude nin propulsión e foi despregado desde o satélite UniSat 5. É o primeiro membro de proba da constelación HumSat e o "D" do seu nome quere dicir "demostrador". O obxectivo principal do satélite é educativo, proporcionando experiencia de primeira man aos estudantes que participaron na súa construción. O obxectivo secundario é validar o concepto de HumSat usando o subsistema HUMPL para recoller datos desde sensores en estacións terrestres, envialos ao satélite para gardalos a bordo e transmitilos cando sobrevoe unha estación de escoita.
As probas do satélite previas ao lanzamento para comprobar que era apto para o espazo fixéronse no Centro de Investigación e Tecnoloxía Espacial da Axencia Espacial Europea (ESTEC por ESA's Space Technology and Research Centre) nos Países Baixos. HumSat-D foi sometido a intensos ciclos de frío e calor nunha cámara de baleiro para simular o contraste térmico no espazo, permitindo atopar fallos que terían resultado na perda da misión e que foron resoltos coa asesoría da ESA.
Despois de varios meses en órbita o satélite xa recibira varios miles de comandos e descargara varios megabytes de telemetría durante os seus pases sobre Vigo, onde se reciben os seus sinais, co que se consideraron os obxectivos cumpridos.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Web de HumSat
Outros artigos Xatcobeo Dnepr
Categoría:Tecnoloxía en Galicia Categoría:CubeSat Categoría:Universidade de Vigo