Herschel foi un observatorio espacial da Axencia Espacial Europea lanzado o 14 de maio de 2009 mediante un foguete Ariane 5 desde o Centro Espacial de Kourou.

Características Herschel, previamente coñecido como FIRST (Far Infra Red and Submillimeter Telescope) foi un telescopio espacial lanzado para observar en lonxitudes de onda do infravermello distante e submilimétricas, unha ventá do espectro electromagnético imposible de observar desde a superficie terrestre. Tiña unhas dimensións de 7 m de largo e 4,3 de ancho. O espello primario do telescopio, de 3,5 m de diámetro, estaba feito de carburo de silicio, o que reduciu a súa masa dos 1500 kg que tería se estivera feito con materiais convencionais a so 300 kg. Foi o primeiro telescopio en observar no seu rango espectral e foi colocado nunha órbita a 1,5 millóns de km da Terra, nun punto estable (o punto de Lagrange L2) onde as forzas gravitatorias do Sol e da Terra se compensan.

Entre os obxectivos de Herschel estaban a formación e evolución das primeiras galaxias, o seu desenvolvemento químico e o estudo das rexións de formación estelar e de sistemas planetarios en formación.

O telescopio tecnicamente é de tipo Ritchey-Chrétien, e levaba tres instrumentos a bordo:

HIFI (Heterodyne Instrument for Herschel), un espectrómetro de alta resolución. PACS (Photoconductor Array Camera and Spectrometer), unha cámara. SPIRE (Spectral and Photometric Imaging REceiver), un fotómetro.

Os instrumentos tiñan que arrefriarse mediante un criostato con helio superfluído a -271 °C para poder observar no infravermello. A subministración deste helio foi o que decidiu a duración da misión, xa que acabou esgotándose, co que se deu por terminada a misión o 29 de abril de 2013.

Notas

Véxase tamén

Outros artigos Ariane 5

Categoría:Observatorios espaciais Categoría:Axencia Espacial Europea