A Casa da Moeda da República Checa (en checo: Česká mincovna) é a compañía privada checa que se encarga en exclusiva da produción de moedas do sistema da coroa checa, en circulación nese país.

A ceca estableceuse en 1993, logo da disolución da antiga República de Checoslovaquia, xa que a Casa da Moeda de Kremnica, que se ocupaba da cuñaxe da coroa checoslovaca, estaba situada en Eslovaquia."Czech Mint" Mints of the World.

A compañía A Casa da Moeda da República Checa continúa unha longa tradición de cuñaxes en territorio checo. Desde a súa fundación foi o provedor exclusivo de moedas circulantes para ese país, consonte as necesidades do Banco Central da República Checa, así como de moedas conmemorativas para o coleccionismo e o investimento."Company Profile ". Ceska Mincovna.

En paralelo, a compañía desenvolveu a súa liña propia doutros produtos, como medallas, fichas privadas para diversas institucións etc., ademais dos cuños, as matrices e diversas ferramentas necesarias para o proceso de cuñaxe, coa excepción dos discos sobre os que se cuñan as moedas de circulación, que se importan de fábricas estranxeiras.

O Goberno checo privatizou a compañía en 2009, e pasou a estar controlada pola empresa checa Jablonex Group.Starck, J. (2014). "Young, private Prague Mint honors coinage tradition, modern themes ". En Coin World. 8 de agosto de 2014. Un ano máis tarde, en 2010, a ceca foi adquirida polo consorcio checo-suízo Monetica, propiedade do empresario checo Karel Zubek, e da compañía de moedas suíza AV Amera Vermoegensbeteiligungs AG."Českou mincovnu koupilo česko-švýcarské konsorcium Monetica". En Hobby Filatelie Numismatika. 7 de abril de 2010.

Produtos principais

Moedas checas. A maior parte da produción da ceca checa compóñena as moedas emitidas polo Banco Central da República Checa, tanto para a súa circulación como conmemorativas, correspondentes ao sistema da coroa checa."Czech Coins ". Ceska Mincovna. Moedas estranxeiras. Česká mincovna tamén se encarga de todo o proceso de produción de moedas circulantes e conmemorativas por encarga doutros países, entre os que cabe salientar Luxemburgo, Moldova, Armenia, Venezuela ou o Líbano."Coin Mintage for Foreign Countries ". Ceska Mincovna.

miniatura|Medalla elaborada na Casa da Moeda da República Checa (coa marca de ceca CM no exergo)

Medallas. A ceca checa mantén un plan anual de emisión de medallas conmemorativas, que conta coa participación de prestixiosos artistas nacionais, particularmente pintores e escultores, e tamén de artistas novos a través de certames e concursos. Estas medallas elabóranse tanto en aliaxes e metais básicos como en metais preciosos, sobre todo en prata e en ouro e, excepcionalmente, en platino."Czech Mint Medals ". Ceska Mincovna.

Marcas de ceca Desde a súa creación en 1993, a Casa da Moeda da República Checa vén utilizando tres marcas de ceca como indicación da orixe das moedas e medallas que elabora."Czech Mintmarks ". Ceska Mincovna.

“b“ minúscula coroada: utilízase nas moedas de curso legal destinadas á súa circulación e tamén nalgunhas medallas elaboradas en metais básicos. A orixe desta marca de ceca está en paralelo coa da propia empresa. A Casa da Moeda da República Checa fundouse o 1 de xullo de 1993 como unha división autónoma da sociedade anónima Bižuterie a.s., na localidade de Jablonec nad Nisou. A marca de ceca foi deseñada polo escultor Jiří Dostál a partir da inicial do nome desa compañía.

miniatura|Moeda conmemorativa de prata de 200 coroas, coa marca de ceca ČM en monograma

Monograma "ČM" (cunha liña superior): utilízase para as moedas conmemorativas e as medallas elaboradas en metais preciosos ou dotadas dunha calidade artística especial. Česká mincovna utiliza este monograma (baseado nas súas iniciais) desde 1994 como marca de ceca nas súas moedas e medallas cuñadas en prata, ouro e platino, que ademais van acompañadas dun certificado coas súas características técnicas.

Monograma “ČM" (cunha coroa): esta marca de ceca grávase nunha variedade de produtos (incluídas medallas) elaborados en metais nobres de creación exclusiva da propia compañía.

Notas

Véxase tamén

Outros artigos

Casa de moeda Cuñaxe

Ligazóns externas

Sitio web da Casa da Moeda da República Checa

Categoría:Casas de moeda Categoría:Moedas da República Checa Categoría:Empresas da República Checa Categoría:Historia da República Checa