Verena Winifred Holmes, nada en Highworth, Ashford, Kent o 23 de xuño de 1889 e finada en Sussex o 20 de febreiro de 1964, foi unha enxeñeira mecánica inglesa e inventora, primeira muller elixida membro na Institución de Enxeñeiros Mecánicos (1924). Firme partidaria das mulleres na enxeñaría, foi unha das primeiras membros da Women's Engineering Society (WES) e a súa presidenta en 1931, sendo a primeira enxeñeira en exercicio que ocupou a presidencia da sociedade.

Traxectoria Verena Holmes era filla de Florence Mary Holmes e Edmond Gore Alexander Holmes, inspector xefe das escolas primarias de Inglaterra. O seu irmán Maurice Gerald Holmes (1885-1964) converteuse nun destacado funcionario británico.

Holmes obtivo un emprego construíndo hélices de madeira na Compañía Integral de Hélices, Hendon, despois de graduarse na Escola Secundaria para Nenas de Oxford.

Tomou clases nocturnas no Instituto Técnico de Shoreditch e asistiu a un colexio técnico en Lincoln; serviu como aprendiz e debuxante antes de graduarse no Colexio de Enxeñaría de Loughborough en 1922.

Carreira profesional

As súas especialidades técnicas incluían motores mariños e de locomotoras, motores diésel e de combustión interna. Converteuse en membro asociado da Institución de Enxeñeiros Mariños en 1924 e foi admitida na Institución de Enxeñeiros de Locomotoras en 1931.

Traballou en Research Engineers Ltd. de 1932 a 1939, período durante o cal desenvolveu e patentou moitos inventos, entre eles o aparello neumotórax de Holmes e Wingfield para o tratamento de pacientes con tuberculose, un faro de cirurxián, unha válvula de asento para locomotoras de vapor e válvulas rotativas para motores de combustión interna. Tiña patentes para 12 inventos de dispositivos médicos así como compoñentes de motores.

Durante a segunda guerra mundial traballou no armamento naval e en 1940 converteuse en asesora de Ernest Bevin, o ministro de traballo, sobre a formación dos traballadores da munición. Estivo moi involucrada no fomento e o apoio ás mulleres na enxeñaría. Xunto con Caroline Haslett e Claudia Parsons, participou activamente na Women's Engineering Society fundada en 1919. Serviu a esa sociedade en varios postos, incluíndo o de presidenta en 1930 e 1931.

Apoio as mulleres enxeñeiras

O seu labor de apoio ás mulleres na enxeñaría baseouse en parte na súa propia experiencia; aínda que fora admitida na Institución de Enxeñeiros Mecánicos como membro asociado en 1924, tardou vinte anos en ser admitida como membro de pleno dereito. Fundou a empresa de enxeñaría Holmes and Leather en 1946, que só empregaba mulleres. Utilizando un deseño creado por Holmes, esta firma creou a primeira guillotina de seguridade práctica para papel, facéndoa adecuada para a súa introdución nas escolas. En 1958, publicou un folleto, Training and Opportunities for Women in Engineering.

Desde 1969, a Women's Engineering Society apoiou unha conferencia anual Verena Holmes que se deu en varios lugares de Gran Bretaña a nenos de nove a once anos para fomentar o interese na enxeñaría, aínda que agora o programa está pechado. A Institución de Enxeñeiros Mecánicos (IMechE) cambiou o nome do Premio á Igualdade e a Diversidade polo de Verena Winifred Holmes Award na súa memoria.

Notas

Categoría:Finados en 1964 Categoría:Nados en 1889 Categoría:Enxeñeiros de Inglaterra Categoría:Inventores do Reino Unido

Véxase tamén

Outros artigos

Historia das mulleres na enxeñería