Mundo Diario foi un xornal publicado en Barcelona dende 1974 ata 1980 dunha tendencia progresista fundada por Sebastián Auger Duró, un empresario español que creou o Grupo Mundo. O xornal foi un referente informativo durante a transición española que contaba os conflitos sindicais e as protestas estudantís da época contra o réxime franquista, ademais de rastrexar as dificultades do día a día na apertura política de España. Desapareceu en 1980 debido á bancarrota do Grupo Mundo.
Antecedentes O xornal foi creado a partir do Diario Femenino que naceu en 1968 como xornal feminino e feminista, empregando métodos modernos e innovadores na edición, e que formulaba temas actuais como o divorcio ou o control da natalidade.
En 1972, Sebastián Auger Duró mercoulle a cabeceira ao empresario Victor Sagi. Dende ese momento, o 4 de outubro de 1972, o diario deuse a coñecer polas súas iniciais DF co obxectivo de amplia-la súa audiencia e agardar a autorización para cambiar o seu nome a Mundo Diario, que finalmente chegou o 15 de febreiro de 1974. Mantivo gran parte da redacción e membros colaboradores entre os que se atopaban Carmen Alcalde, que se converteu na xefa da redacción, Lidia Falcón, Eliseo Bayo ou Miguel Ángel Bastenier.
A derradeira edición de DF publicouse o 15 de febreiro de 1974 dando paso a Mundo Diario.
Características O xornal, de periodicidade diaria, agás os luns, conseguiu o 90% das súas vendas na área metropolitana de Barcelona, o 8% no resto de Cataluña e o 2% no resto de España segundo datos do OJD. En 1975, o seu prezo era de 8 pesetas e en 1976 de 10 pesetas. A tiraxe en xuño de 1977, segundo a OJD, era de 35.703 exemplares.
Era un xornal de esquerda na procura dun público universitario, obreiro e veciñal. A pesar de non ter conexión orgánica con ningún partido político mantivo boa relación co PSUC. Dedicou atención preferente á información local, espectáculos e sucesos.
Publicábase en español mais, dende o 11 de xuño de 1974, levou unha páxina en catalán.
Equipo de redacción e colaboradores Desde 1971, cando aínda era Diario Femenino até 1978, a dirección do xornal foi asumida por Ramon Solanes Pinyol. Na redacción, Jaume Serrats era o subdirector e Ramon Miravitllas e Pere Bonnín, redactores xefes. Os seus colaboradores habituais foron: Francisco Umbral, Terenci Moix, Maria Aurèlia Capmany, Eduardo Haro Tecglen, Pere Bonnín, Maruja Torres, Jaume Vidal Alcover, Antoni Jutglar, Ramon Bech e Sebastià Serrano.
Entre os periodistas que traballaron nel, destacan: Eduardo Álvarez Puga, que foi director-adxunto entre 1975 e 1979.
Fondos As súas coleccións pódense atopar no Arxiu Històric da Ciutat de Barcelona.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Categoría:Xornais de Cataluña Categoría:Xornais de España desaparecidos