Marta Macho Stadler, nada en Bilbao, 9 de setembro de 1962, é unha matemática e divulgadora científica española. É profesora de Xeometría e Topoloxía na Universidade do País Vasco e especialista en Teoría Xeométrica de Foliacións e Xeometría non conmutativa. É tamén editora do espazo dixital Mujeres con Ciencia da Cátedra de Cultura Científica polo que recibiu varios premios, entre eles o Premio Emakunde de Igualdade 2016.
Traxectoria Licenciouse en Matemáticas pola Universidade do País Vasco en 1985 e foi contratada como profesora colaboradora no Departamento de Matemáticas desa mesma universidade. En 1987 comezou a traballar co Dr. Gilbert Hector da Universidade Claude Bernard de Lión e alí se doutorou en 1996 coa tese Isomorphisme de Thom pour les feuilletages presque sans holonomie (en galego, Isomorfismo de Thom para as foliacións case sen holonomía). Traballa como profesora agregada de Xeometría e Topoloxía da UPV/EHU. Entre os seus temas de investigación está a teoría xeométrica de foliacións.
Imparte docencia en Topoloxía e Ampliación de Topoloxía no Grao de Matemáticas (terceiro e cuarto curso) na Facultade de Ciencia e Tecnoloxía da UPV/EHU. Tamén imparte un curso de Topoloxía Alxébrica no mestrado universitario en Modelización e Investigación Matemática, Estatística e Computación (MATG6) e a materia optativa Las Matemáticas en la vida cotidiana: sociedad y cultura nas Aulas da Experiencia de Biscaia da UPV/EHU.
Divulgación científica As súas actividades de divulgación comezaron en 1999, cando colaborou na organización dun ciclo de conferencias titulado Un Paseo por la geometría, actividade que levou a cabo durante dez cursos académicos. Durante a súa traxectoria como divulgadora científica salienta o traballo para facer visíbel o papel das mulleres no mundo científico.
Foi membro da Comisión de Mulleres da Real Sociedade Matemática Española (RSME) e participa en diversos espazos sociais para potenciar a conexión entre a ciencia e a sociedade civil.
Un dos temas que centran o seu labor de divulgación científica é a presenza das matemáticas na literatura o que a levou a estudar o contido científico e a estrutura matemática de textos na novela, a historieta, a poesía e as pezas teatrais. É a responsábel das seccións de Literatura y Matemáticas e de Teatro y Matemáticas no portal DivulgaMAT da RSME. Participa desde hai anos en diversas actividades en centros culturais ou de ensino, tentando chegar tanto a estudantes como ao público en xeral e colabora en diferentes blogs, como: ZTFNews.org (Facultade de Ciencia e Tecnoloxía, UPV/EHU) e Cuaderno de Cultura Científica (Cátedra de Cultura Científica, UPV/EHU). Tamén coordina o ciclo Ellas hacen ciencia que acolle cada ano a biblioteca Bidebarrieta de Bilbao.
Desde 2010, forma parte da Comisión para a Igualdade da Facultade de Ciencia e Tecnoloxía da Universidade do País Vasco, e desde 2015 é membro do seu Consello de Cooperación. Doutra banda, desde 2011 é membro da Asociación de Mujeres Investigadoras y Tecnólogas.
Desde a súa creación, o 8 de maio de 2014, é editora e impulsora do espazo dixital Mujeres con ciencia da Cátedra de Cultura Científica da Universidade do País Vasco dedicado á difusión do papel das mulleres na ciencia e á visibilidade dos seus traballos tanto das pioneiras como das científicas actuais ademais dos aspectos transversais á ciencia e os nesgos de xénero na ciencia.
En 2015, recibiu o Premio Igualdade da Universidade de Alacant polo seu traballo divulgativo e accións a favor da visibilización das achegas das mulleres científicas no progreso social e a medalla da Real Sociedade Matemática Española, polo seu labor de divulgación das matemáticas, polo seu compromiso coa igualdade e por tender pontes entre o profesorado de matemáticas de diferentes niveis educativos.
En novembro de 2016, outorgóuselle o Premio Emakunde á Igualdade en recoñecemento á súa traxectoria de divulgación e promoción do coñecemento científico entre as mulleres aplicando a perspectiva de xénero ademais de recoñecer a súa participación en comisións científicas e académicas para promover a igualdade de mulleres e homes na universidade. O premio, cunha dotación bruta de 14.400 euros destinouno na súa totalidade a mulleres refuxiadas e vítimas da violencia de xénero que están a estudar na UPV/EHU.
É coautora de Mujeres en la Ciencia, unha guía didáctica sobre o papel das mulleres na historia da ciencia. Forma parte do Comité de Sabias da Cátedra de Feminismos 4.0 da Universidade de Vigo.
Premios e recoñecementos
2015 Premio Igualdade da Universidade de Alacant. 2015 Medalla da Real Sociedad Matemática Española. 2016 Premio Emakunde á Igualdade. 2019 Ilustre de Bilbao, polo seu labor como divulgadora científica e por visibilizar o papel das mulleres na ciencia. 2021 Finalista na VII Edición do Premio Avanzadoras de 20 Minutos e Intermón Oxfam.
2023 Premio da Fundación Lilly á Difusión Científica. 2023 Premio Muller Científica, da revista Muy Interesante.
Publicacións
Topología general (2002) Universidade do País Vasco Mujeres en la Ciencia. Guía didáctica sobre el papel de la mujer en la historia de la Ciencia (2011). Coautora. Universidade do País Vasco.
Notas
Véxase tamén
Categoría:Profesores da Universidade do País Vasco Categoría:Feministas de España Categoría:Científicos de España Categoría:Alumnos da Universidade do País Vasco Categoría:Nados en Bilbao Categoría:Nados en 1962