Rodrigo Corrales Rodal, nado en Cangas de Morrazo o 24 de xaneiro de 1991, é un xogador de balonmán galego. Xoga de porteiro e milita dende 2020 no Veszprém KC da Primeira División de Hungría. Dende 2014 é internacional coa selección española, coa que gañou dous Campionatos de Europa en 2018 e 2020, quedou terceiro nos Campionatos do Mundo de 2021 e 2023 e logrou dúas medallas de bronce nos Xogos Olímpicos de 2020 e 2024.

Traxectoria Naceu en Cangas de Morrazo, fillo e neto de mariñeiros. Un dos seus avós competía en traiñeiras, e gañou en 1961 con Tirán o Campionato de España de Traiñeiras. Durante a súa infancia practicou numerosos deportes, entre eles o fútbol, no que acostumaba a xogar de porteiro. Antes de acabar a Primaria comezou a xogar ao balonmán e entrou no Club Balonmán Cangas.

Aos 15 anos deixou Cangas para fichar polo FC Barcelona. Xogou varios anos no filial e conquistou con este a División de Honra Prata na tempada 2011/12. Ao ano seguinte saíu cedido ao Huesca, da Liga ASOBAL, onde xogou durante dúas tempadas. Entre 2014 e 2017 xogou no Orlen Wisła Płock de Polonia adestrado por Manolo Cadenas, co que quedou tres veces subcampión da liga polaca e co que empezou a destacar de xeito internacional.

En 2017 fichou polo Paris Saint-Germain, co que xogou tres tempadas, gañando nas tres ocasións a liga francesa. No equipo parisiense xogou como gardameta titular e foi elixido na tempada 2019/20 como o mellor porteiro da liga, despois de quedar segundo nas votacións na campaña anterior.

Na tempada 2019/20 fichou polo Veszprém KC, da liga húngara. Pouco despois da súa chegada disputou a Final Four da Liga SEHA, que fora adiada por mor da pandemia de COVID-19. Conquistou o título e foi elixido mellor xogador da Final Four e mellor gardameta do torneo. Revalidou o título de liga nas seguintes dúas campañas e gañou catro Copas de Hungría consecutivas entre 2021 e 2024. No 2024 proclamouse tamén campión do Mundial de clubs, tras derrotar nas semifinais ao FC Barcelona e na final ao Magdeburg. As súas numerosas paradas no Mundial fixeron que fose incluído no once ideal do torneo.

Selección española Aínda que foi convocado en 2013 para un encontro amigable da selección española no partido das estrelas da Liga ASOBAL, o seu debut oficial produciuse en abril de 2014 contra a selección suíza. Foi a partir de 2016, cando comezou a ocupar de xeito habitual a portería da selección, alternándose no posto co toledano Gonzalo Pérez de Vargas. En 2017 disputou o seu primeiro Campionato do Mundo, e no 2018 gañou o Campionato de Europa, revalidando o título na seguinte edición, en 2020.

En 2021 disputou o seu terceiro Mundial, rematando terceiro ao ser eliminado en semifinais pola Dinamarca de Niklas Landin. Foi convocado polo adestrador Jordi Ribera para os Xogos Olímpicos de Toquio, onde o equipo español, capitaneado por Raúl Entrerríos, acadou as semifinais, sendo de novo eliminado por Dinamarca. Logrou o bronce ao derrotar no partido polo terceiro posto ao combinado exipcio.

En 2023 xogou o cuarto Mundial da súa carreira, acadando outra vez as semifinais e perdendo tamén nesta edición ante Dinamarca. Volveu conseguir o terceiro posto, gañando a Suecia.

Nos Xogos Olímpicos de 2024 repetiu o mesmo resultado de Toquio 2020 e regresou a Galicia coa súa segunda medalla de bronce. A selección española de balonmán conseguiu o pase á fase eliminatoria como terceira do seu grupo e nos cuartos de final eliminou a Exipto. Xa en semifinais caeu ante Alemaña e no partido polo terceiro posto conseguiu vencer a Eslovenia. Rodrigo Corrales alternou na portería con Gonzalo Pérez de Vargas e deste xeito converteuse no quinto deportista galego en sumar máis dunha medalla olímpica, despois de Ramos Misioné, David Cal, Rodrigo Germade e Carlos Arévalo.

Clubs

F.C. Barcelona B (2006 - 2012) BM. Huesca (2012 - 2014) Orlen Wisła Płock (2014 - 2017) PSG (2017 - 2020) Veszprém KC (2020 - act.)

Palmarés

FC Barcelona B

División de Honra Prata (1): 2010/11.

PSG

Liga de Francia (3): 2017/18, 2018/19, 2019/20. Copa da Liga (2): 2018, 2019. Copa de Francia (1): 2018.

Veszprém KC

Liga SEHA (3): 2019/20, 2020/21, 2021/22. Copa de Hungría (4): 2021, 2022, 2023, 2024. Campionato Mundial de Clubs (1): 2024

Selección nacional

Campionato de Europa (2): 2018, 2020. Medalla de bronce nos Xogos Olímpicos (2): 2020, 2024. Medalla de bronce do Campionato do Mundo (2): 2021, 2023.

Notas

Categoría:Nados en Cangas de Morrazo Categoría:Nados en 1991 Categoría:Xogadores de balonmán olímpicos de Galicia Categoría:Xogadores de balonmán olímpicos de España Categoría:Medallistas olímpicos de Galicia Categoría:Medallistas olímpicos de bronce por España Categoría:Medallistas olímpicos en balonmán Categoría:Medallistas nos Xogos Olímpicos de 2020 Categoría:Xogadores de balonmán nos Xogos Olímpicos de 2020 Categoría:Xogadores de balonmán nos Xogos Olímpicos de 2024