Mohamed bin Rashid Al Maktum (en árabe محمد بن راشد المكتوم), tamén coñecido como Xeque Mohamed, nado en Dubai o 15 de xullo de 1949, é o actual primeiro ministro e vicepresidente dos Emiratos Árabes Unidos. É tamén o presidente do emirato de Dubai.

Foi o artífice dunha serie de reformas no goberno dos Emiratos Árabes Unidos, encabezados pola Estratexia de Goberno da Federación, que foi lanzada en 2007. En 2010, participou na implantación da estratexia UAE Vision 2021, que ten como obxectivo converter os Emiratos Árabes Unidos "nun dos mellores países do mundo" en 2021.

O xeque Mohamed impulsou a transformación de Dubai, que se converteu nunha importante cidade global, e grazas aos seus esforzos conseguiu situar aos EAU na escena mundial.

É propietario do 99,67% de Dubai Holding, un conglomerado dedicado a investimentos e ao desenvolvemento de empresas diversificadas, entre elas, as grandes compañías Emirates Airline, DP World e Grupo Jumeirah.

O xeque Mohamed xogou un papel decisivo no desenvolvemento económico e arquitectónico de Dubái, supervisando importantes proxectos dentro de diferentes sectores. Así, no campo do comercio, contribuíu á creación de JAFZA, unha das zonas francas máis importantes dos EAU; no campo das tecnoloxías da información e a comunicación, creou Dubai Internet City, un centro de tecnoloxía e zona franca para empresas de tecnoloxía e comunicación dixital; no sector das finanzas, impulsou a construción do centro financeiro Dubai International Finance Centre; e no ámbito do turismo, dirixiu grandes proxectos como a construción de Palm Islands, o emblemático hotel Burj al-Arab e o rañaceos Burj Khalifa, o edificio máis alto do mundo.

É un gran afeccionado aos cabalos e un recoñecido xinete. Foi o fundador da corte de carreiras Godolphin, propiedade da familia Maktoum, e é o propietario de Darley, unha compañía de cría de razas de cabalos que opera en seis países. En 2012, montou o cabalo Madji Du Pont durante 160 km para facerse co Campionato Mundial de Enduro da FEI.

É un recoñecido poeta en árabe. Ten unha relación moi estreita con Mohammed bin Zayed Al Nahyan, que é o príncipe herdeiro do emirato de Abu Zabi, e o vice-comandante supremo das Forzas Armadas dos Emiratos Árabes Unidos.

Traxectoria É o terceiro dos catro fillos do xeque Rashid bin Said Al Maktum. A súa nai é a xeica Latifa Hamdan Al Nahayan. A partir dos catro anos, o xeque Mohamed recibiu estudos musulmáns e islámicos en privado. En 1955, comezou os seus estudos formais na escola Al Ahmedia. Á idade de 10 anos cambiouse á escola Al Shaab e dous anos despois ingresou na Escola Secundaria de Dubai. En agosto de 1966, el e o seu curmán, o xeque Mohamed Bin Kalifa Al Maktum, entraron na escola de idiomas Bell English School de Cambridge, no Reino Unido.

Esposas e vida familiar A súa primeira esposa foi a súa curmá, a xeica Hind bint Maktoum bin Juma Al Maktoum, coa que casou en 1979.Daughters of Sheikh Mohammed Ela é a primeira dama de Dubai e a nai de doce dos fillos do xeque Mohammed, incluído o herdeiro presunto, Hamdan bin Mohammed Al Maktoum (nacido en 1982), o príncipe herdeiro de Dubai.

A súa sexta esposa é a princesa Haya Bint Al Husein, filla do rei Hussein I de Xordania, e irmá do actual rei de Xordania, Abdullah II, coa que casou o 10 de abril de 2004. O xeque Mohamed ten 21 fillos en total; 8 homes (Rashid (†), Hamdan, Maktoum, Ahmed, Majid, Saeed, Mansour, Marwan) e 13 mulleres (Manal, Latifa (1), Maryam (1), Hessa, Latifa (2), Maryam (2), Sheikha, Futtain, Salamah, Shamma, Al Jalila, Maitha, Mahra). En setembro de 2015, o fillo máis vello de Mohamed, o xeque Rashid bin Mohammed morreu por unha enfermidade cardíaca.

En 2007 a súa riqueza estimábase en 12.000 millóns de dólares "Forbes Royal's Rich List" , Forbes.com que o situaban no cuarto lugar da lista de membros das familias reais máis ricas do mundo.

Al Maktum e os seus fillos e fillas son afeccionados á arte dos poemas árabes tradicionais e ao deporte, especialmente ás carreiras de cabalos e camelos. Por exemplo, nos 15º Xogos Asiáticos de 2006, o seu fillo Rashid gañou o ouro en enduro ecuestre na categoría de individuais, os seus fillos Rashid, Ahmed, Mayid e Hamdan gañaron o ouro en resistencia; a súa sobriña Latifa gañou o bronce en salto ecuestre e a súa filla Maitha dirixiu o equipo dos Emiratos Árabes Unidos en karate.

Carreira política

Ministro de Defensa Converteuse en ministro de defensa dos Emiratos Árabes Unidos despois da creación da federación en 1971. Desde entón, xogou un papel clave en varios episodios importantes da historia dos Emiratos Árabes Unidos contemporáneos. Como ministro de Defensa, dirixiu a Aviación Civil de Dubai e comezou a explotación dos recursos enerxéticos do emirato. O xeque Mohamed é o principal responsable do espectacular crecemento de Dubai.

Presidente de Dubai En 1995, o seu irmán, o xeque Maktum bin Rashid Al Maktum, asinou dous decretos que nomeaban ao xeque Mohamed como príncipe de Dubai.

Converteuse no gobernante de Dubai o 4 de xaneiro de 2006, tras a morte do seu irmán, o xeque Maktoum bin Rashid. O 5 de xaneiro de 2006 foi nomeado polo presidente dos Emiratos Árabes Unidos, o xeque Jalifa bin Zayed Al Nahayan, como primeiro primeiro ministro e vicepresidente da nación. Pouco despois, membros do Consello Supremo dos Emiratos Árabes Unidos aceptaron o nomeamento e o xeque Mohamed foi designado para estes cargos.

Carreira empresarial O xeque Mohamed promoveu o desenvolvemento de numerosos proxectos en Dubai, entre eles a construción das illas Palm e o luxoso hotel Burj al-Arab. Tamén é promotor da construción da torre Burj Dubai (renomeada na súa inauguración como Burj Khalifa), o edificio máis alto do mundo.

Varios destes proxectos empresariais están ligados a dúas empresas da súa propiedade, Dubai World e Dubai Holding.

Dubai World comezou a súa andaina o 2 de xullo de 2006 como un conglomerado empresarial que abrangue numerosas empresas, como a compañía loxística DP World. Con máis de 50.000 empregados e presenza en máis de 100 cidades de todo o mundo, o grupo ten investimentos en negocios inmobiliarios e loxísticos nos Estados Unidos, Reino Unido e Suráfrica, entre outros países.

Dubai Holding, do que o xeque Mohamed posúe o 99,67% dos activos, desenvolve e xestiona parques inmobiliarios, telecomunicacións, restauración e negocios a través de catro unidades operativas: Jumeirah Group, TECOM Investments, Dubai Properties Group e Emirates International Telecommunications. Dubai Group e Dubai International Capital pertencen ao grupo de unidades de investimento operativo da compañía.

Ademais, ten unha participación maioritaria na empresa de investimentos e xestión de activos, bens inmobiliarios e eventos, Meraas Holding, que actualmente desenvolve varios proxectos en Dubai, como Legoland e un parque temático sobre o cine de Bollywood.

Levou a cabo o lanzamento da compañía aérea Emirates e comezou a construír o aeroporto internacional de Dubai-Al Maktoum e o Dubai World Central, un complexo loxístico creado para ofrecer todo tipo de servizos aeroportuarios.

O xeque Mohamed tamén participa no negocio das carreiras de cabalos, patrocinando a carreira de cabalos máis rica do mundo, a Copa Mundial de Dubai.

Principais negocios

Emirates Airline En 1985 encargou ao entón presidente de DNATA, Maurice Flanagan, o lanzamento dunha nova compañía aérea que se chamaría Emirates. O orzamento inicial da compañía aérea foi de 10 millóns de dólares, e o seu voo inaugural tivo lugar o 25 de outubro. O xeque Mohamed nomeou o seu tío, o xeque Ahmed bin Saeed, presidente da nova compañía. Investíronse 75 millóns de dólares en instalacións e materiais, pero Emirates sempre mantivo que non recibiu ningunha axuda adicional que contribuíra ao crecemento meteórico da compañía, unha das compañías aéreas máis importantes do mundo.

En 1989, o xeque Mohamed inaugurou o primeiro Salón Aeronáutico de Dubai. En 2013 este evento albergou a máis de 1000 empresas expositoras e nel Emirates realizou pedidos xigantescos (150 Boeing 777X e 50 Airbus A380) que alcanzaron a histórica suma de 99.000 millóns de dólares.

Estas accións responden á intención do goberno de Dubai de facer do emirato un centro mundial para o transporte de pasaxeiros e mercadorías.

World Ports World En 1991, o xeque Mohamed creou a Autoridade Portuaria de Dubai, uníndose ao porto e á zona franca Jebel Ali (JAFZA) co porto Rashid. JAFZA é unha das zonas francas máis importantes dos Emiratos Árabes Unidos, tanto polo seu tamaño como polo número de empresas alí establecidas - arredor de 6400 empresas de 120 nacionalidades. Desenvolve un terzo da actividade comercial de Dubai e o 50% das súas exportacións. Ademais de JAFZA, hai outras 30 zonas francas cuxa creación foi impulsada pola lei de investimentos de 2002, que permite aos estranxeiros a posibilidade de posuír o 100% do capital social dunha empresa.

En 1999 fundou Dubai Ports International, unha compañía dedicada a explorar adquisicións no exterior e contratos de xestión de portos, que en 2005 se fusionou coa Autoridade Portuaria de Dubai para formar DP World. En 2006, DP World comprou P&O por 7.000 millóns de dólares. Esta operación provocou unha polémica, xa que varios políticos e lobbistas estadounidenses fixeron pública a súa preocupación pola seguridade de seis portos adquiridos por DP World como parte da adquisición de P&O. Finalmente DP World retirou o seu investimento dos portos afectados.

Ademais de ser unha empresa internacional rendible, DP World é un dos maiores operadores de terminais marítimas do mundo. A compañía xestiona máis de 60 terminais en seis continentes e o 80% dos seus ingresos provén de manipulación de contedores.

O hotel Burj Al Arab e Jumeirah Inaugurado en decembro de 1999, deseñado por WS Atkins seguindo as instrucións do xeque Mohamed para construír un edificio realmente único, o Burj Al Arab é considerado o hotel máis luxoso do mundo. Está nunha illa artificial a 280 metros da costa fronte á praia de Jumeirah, e pertence ao Grupo Jumeirah, a empresa de xestión hoteleira fundada polo xeque Mohammed en 1997. A construción de 22 hoteis en 10 países acredita a expansión internacional do grupo Jumeirah.

Dubai Internet City e TECOM TECOM é un congolomerado empresarial que xestiona todas as zonas francas situadas entre Jebel Ali e Deira. Consta de varios clústeres dedicados a servizos de diferente tipo. O 29 de outubro de 1999, o xeque Mohamed anunciou a creación do parque tecnolóxico e zona franca Dubai Internet City (DIC), que alberga empresas de tecnoloxía dixital e comunicación. DIC conta actualmente con 15.000 traballadores e ofrece ás empresas arrendamentos a longo prazo, propiedade plena e acceso rápido aos servizos públicos. En novembro do 2000, Dubai Media City (DMC) incorporouse a DIC, unha zona franca dedicada ás grandes empresas de comunicación, entre outras, Reuters, CNN, BBC e os principais xornais de Dubai. O lanzamento de DMC veu acompañado da promesa do xeque Mohamed de respectar a liberdade de prensa. En 2007, tras un incidente no que algúns xornalistas locais foron acusados de difamación e condenados a prisión, aprobou un decreto que prohibía a prisión de xornalistas por estes motivos.

Outras empresas pertencentes a TECOM e con presenza en Dubai son, International Media Production Zone, Dubai Silicon Oasis, Dubai Studio City, Dubai Healthcare City, Dubai Industrial City, Dubai Knowledge Village e Dubai Design District.

Palm Islands Na primeira década do século XXI, Dubai destacou polo desenvolvemento de proxectos inmobiliarios faraónicos. Entre os máis notorios está Palm Islands, que consiste na construción de tres illas artificiais en forma de palma - un proxecto de Nakheel Properties, que pertence a Dubai World - grazas ás cales a costa de Dubai aumentou en 570 km.