L'Orfeo (SV 318), ás veces chamada La favola d'Orfeo, é unha favola in musica ou ópera de finais do Renacemento/principios do Barroco, con música de Claudio Monteverdi e libreto en italiano de Alessandro Striggio. Está baseada na lenda grega de Orfeo, conta a historia do seu descenso ao Hades e o seu infrutuoso intento de devolver á súa muller morta Eurídice ao mundo dos vivos. Foi escrita en 1607 para unha representación na corte durante o Carnaval anual de Mantua. Mentres que Dafne de Jacopo Peri é xeralmente recoñecida como a primeira ópera, e Euridice de Peri a ópera máis antiga que sobreviviu, L'Orfeo é a máis antiga que se continúa a representar con frecuencia.

A principios do século XVII o intermedio—unha secuencia musical entre os actos dunha obra de teatro—estaba evolucionando cara á forma dun drama musical completo ou "ópera". L'Orfeo de Monteverdi sacou este proceso da súa era experimental e proporcionou o primeiro exemplo completamente desenvolvido do novo xénero. Logo da súa representación inicial, a obra foi posta en escena de novo en Mantua, e posiblemente noutros centros italianos nos seguintes anos. A súa partitura foi publicada por Monteverdi en 1609, e novamente en 1615. Logo da morte do compositor en 1643 a ópera deixou de representarse durante anos, e foi esquecida ata que no século XIX o interese nela viviu un renacemento que levou a novas edicións e representacións. Ao principio estas representacións tendían a ser versións de concerto (sen escenificación) dentro de institutos e sociedades musicais, mais despois da primeira dramatización moderna en París, en 1911, a obra comezou a verse nos teatros. Logo da segunda guerra mundial lanzáronse numerosas gravacións, e a obra incrementou a súa presenza nos teatros de ópera, aínda que se resistiron algunhas importantes salas. En 2007 o cuarto centenario da súa estrea celebrouse con representacións por todo o mundo.

Na súa partitura publicada Monteverdi enumera ao redor de 41 instrumentos para a súa execución, con distintos grupos de instrumentos empregados para representar escenas e personaxes en concreto. Así as cordas, clavicémbalo e frautas de bico representan os campos pastorais de Tracia coas súas ninfas e pastores, mentres que os metais ilustran o inframundo e os seus habitantes. Composta no punto de transición do Renacemento ao Barroco, L'Orfeo emprega todos os recursos coñecidos na arte da música, cun emprego particularmente atrevido da polifonía. A obra non está orquestrada como tal; na tradición renacentista os instrumentistas seguían as instrucións xerais do compositor, mais dábaselles unha considerable liberdade para improvisar.

Antecedentes históricos miniatura|Duque Vincenzo Gonzaga, patrón de Monteverdi en Mantua. Claudio Monteverdi, nado en Cremona en 1567, foi un prodixio musical que estudou con Marc'Antonio Ingegneri, o maestro di cappella (xefe de música) na catedral de Cremona. Logo de formarse en canto, instrumentos de corda e composición, Monteverdi traballou como músico en Verona e Milán ata que, en 1590 ou 1591, conseguiu un posto como suonatore di vivuola (intérprete de viola) na corte do duque Vincenzo Gonzaga en Mantua. (require subscrición) Ver nota (1) abaixo Mediante a súa habilidade e traballo duro Monteverdi ascendeu para converterse no maestro della musica (mestre de música) da familia Gonzaga en 1601. (require subscrición) Ver nota (1) abaixo

A particular paixón de Vincenzo Gonzaga polo teatro musical e o espectáculo medrou dende as súas conexións familiares coa corte de Florencia. Contra finais do século XVI os innovadores músicos florentinos desenvolveran o intermedio —unha forma de interludio musical inserido entre os actos de dramas falados establecida tempo atrás— en formas cada vez máis elaboradas. Liderados por Jacopo Corsi, os sucesores da famosa Camerata fiorentina foron os responsables da primeira obra xeralmente recoñecida como pertencente ao xénero da ópera: Dafne, composta por Corsi e Jacopo Peri e representada por primeira vez en Florencia en 1598. Esta obra combina elementos do madrigal cantado e a monodia con danza e pasaxes instrumentais para un todo dramático. Tan só chegaron aos nosos días fragmentos da súa música, mais outras moitas obras florentinas do mesmo período —Rappresentatione di Anima, et di Corpo de Emilio de Cavalieri, Euridice de Peri e a homónima Euridice de Giulio Caccini— conserváronse completas. Estas últimas dúas obras foron as primeiras de moitas outras representacións musicais do mito de Orfeo como se relatan nas Metamorfoses de Ovidio, e como tales foron precursoras de L'Orfeo de Monteverdi.

A corte dos Gonzaga tiña unha longa historia de promoción do entretemento dramático. Un século antes da época do duque Vincenzo a corte representara o drama lírico de Angelo Poliziano La favola di Orfeo, da cal canto menos a metade era cantada en lugar de falada. Máis recentemente, en 1598 Monteverdi axudara ao establecemento musical da corte producindo a obra de Giovanni Battista Guarini Il pastor fido, descrita polo historiador teatral Mark Ringer como unha "obra teatral decisiva" que inspirou a loucura italiana polo drama pastoral. O 6 de outubro de 1600, mentres visitaba Florencia pola voda de María de Medici e o rei Henrique IV de Francia, o duque Vincenzo asistiu a unha produción de Euridice de Peri. É probable que os seus principais músicos, incluído Monteverdi, estivesen tamén presentes nesta representación. O duque axiña recoñeceu a novidade desta nova forma de entretemento dramático, e o seu potencial para darlle prestixio a aquelas persoas que estivesen preparadas para patrocinalo.

Creación Libreto Entre os presentes na representación de Euridice en outubro de 1600 estaba un mozo avogado e diplomático de carreira da corte dos Gonzaga, Alessandro Striggio, fillo dun coñecido compositor do mesmo nome. O xove Striggio era tamén un músico talentoso; aos 16 anos, tocara a viola nas celebracións pola voda do duque Fernando da Toscana en 1589. Xunto cos dous fillos do Duque Vincenzo, Francisco e Fernando, foi membro da exclusiva sociedade intelectual de Mantua, a Accademia degli Invaghiti, que proporcionou a principal saída para as obras teatrais da cidade. (require subscrición) Ver nota (1) abaixo Non está claro en que momento Striggio comezou o seu libreto para L'Orfeo, mais evidentemente o traballo estaba en marcha en xaneiro de 1607. Nunha carta escrita o 5 de xaneiro, Francesco Gonzaga pídelle ó seu irmán, daquela adxunto á corte florentina, obter os servizos dun castrato de alta calidade dos efectivos do Gran Duque, para un dramma per musica que se estaba a preparar para o Carnaval de Mantua.

As principais fontes para o libreto de Striggio foron os libros 10 e 11 das Metamorfoses de Ovidio e o cuarto libro de Georgica de Virxilio. Estes proporcionáronlle o material básico, mais non a estrutura para un drama escenificado; os acontecementos dos actos 1 e 2 do libreto están cubertos por tan só 13 liñas nas Metamorfoses. Para obter axuda na creación dunha forma dramática, Striggio recurriu a outras fontes: a obra de 1480 de Poliziano, Il pastor fido de Guarini, e o libreto de Ottavio Rinuccini para Euridice de Peri. O musicólogo Gary Tomlinson sinala as moitas similitudes entre os textos de Striggio e Rinuccini, e sinala que algúns dos discursos en L'orfeo "corresponden estreitamente no seu contido e mesmo na locución coas súas contrapartes en L'Euridice". A crítica Barbara Russano Hanning escribe que os versos de Striggio son menos sutís que os de Rinuccini, aínda que a estrutura do libreto de Striggio é máis interesante. Rinuccini, cuxo traballo fora escrito para as festividades que acompañaran a unha voda da familia Medici, viuse obrigado a alterar o mito para proporcionar un "final feliz" axeitado para a ocasión. Pola contra, como Striggio non estaba a escribir para unha celebración formal da corte puido ser máis fiel ao espírito da conclusión do mito, no que Orfeo é asasinado e desmembrado por ménades ou "Bacantes". El escolleu, de feito, escribir unha versión un tanto apagada deste sanguento final, no que as Bacantes ameazan coa destrución de Orfeo pero o seu final queda en suspenso.

O libreto foi publicado en Mantua en 1607 para coincidir coa estrea e incorporou o final ambiguo de Striggio. Con todo, a partitura de Monteverdi publicada en Venecia en 1609 por Ricciardo Amadino amosa unha resolución completamente diferente, con Orfeo transportado aos ceos a través da intervención de Apolo. De acordo con Ringer, o final orixinal de Striggio empregouse case con certeza na estrea da ópera, mais non hai dúbida de que Monteverdi pensou que o final revisado era esteticamente correcto. O musicólogo Nino Pirrotta argumenta que o final de Apolo formaba parte do plano orixinal da obra, mais non foi escenificado na estrea porque a sala pequena que acolleu o evento non podía conter a maquinaria teatral que requiría ese final. A escena das Bacantes foi unha substitución: as intencións de Monteverdi restablecéronse cando se eliminou esta restrición.

Composición miniatura|"Toccata" de L’Orfeo. Reimpresión da primeira edición da partitura, Venecia 1609. Cando Monteverdi compuxo L'Orfeo tiña unha base sólida na música teatral. Traballara na corte dos Gonzaga durante 16 anos, a maior parte deles como intérprete ou arranxador de música de escena, e en 1604 escribira o ballo Gli amori di Diane ed Endimone para o Carnaval de Mantua de 1604–05. Os elementos a partir dos cales Monteverdi construíu a súa primeira partitura de ópera—a aria, a canción estrófica, recitativo, coros, danzas, interludios musicais dramáticos—, como ten sinalado o director Nikolaus Harnoncourt, non eran creados por el, mais "mesturou todo o material de novas e vellas posibilidades nunha unidade que de feito era nova". O musicólogo Robert Donington escribe de xeito similar: "[A partitura] non contén ningún elemento que non estea baseado nun precedente, mais acada a madurez completa nesa forma recentemente desenvolvida ... Aquí hai palabras expresadas directamente na música como [os pioneiros da ópera] querían expresarse; aquí está a música expresándoos ... con plena inspiración de xenio".

Monteverdi expón os requisitos orquestrais ao principio da partitura publicada, mais de acordo coa práctica da época non especifica a súa utilización exacta. Naquela época era habitual dar a cada intérprete da obra liberdade para tomar decisións puntuais, baseadas nas forzas orquestrais dispoñibles. Estas poden diferir considerablemente dun lugar a outro. Ademais, como sinala Harnoncourt, todos os instrumentistas serían compositores e esperarían colaborar dun xeito creativo en cada representación, en lugar de tocar un texto fixo. Outra práctica da época era permitirlles aos cantantes adornar as arias. Monteverdi escribiu versións simples e adornadas dalgunhas arias, como "Possente spirto" de Orfeo, mais de acordo con Harnoncourt "é obvio que onde non escribiu ningún adorno non quería ningún canto".

Cada acto da ópera trata un só elemento da historia, e cada un finaliza cun coro. A pesar da estrutura en cinco actos, con dous conxuntos de cambios de escena, é probable que L'Orfeo se axustase á práctica habitual para os entretementos cortesáns da época e fose representada como unha entidade continua, sen intervalos ou descensos de cortina entre os actos. Era o costume contemporáneo que os cambios de escena tivesen lugar á vista da audiencia, estes estarían reflectidos musicalmente por mudanzas na instrumentación, armadura e estilo.

Instrumentación miniatura|esquerda|Partitura de 1609: a lista de instrumentos de Monteverdi aparece á dereita.