Miguel Núñez Pozo, nado o 6 de xaneiro de 1996 en Terrasa, provincia de Barcelona, máis coñecido como Miki Núñez ou simplemente como Miki, é un cantante catalán. Deuse a coñecer en 2018, cando formou parte da décima edición de Operación Triunfo, quedando en sexto posto. Foi elixido para representar a España no Festival da Canción de Eurovisión 2019 co tema "La venda".

Traxectoria Primeiros anos e formación O seu pai e a súa nai sempre apoiaron a súa paixón pola música, incluíndo cando decidiu ir a clases de guitarra e piano. Mentres crecía tivo sobrepeso, ata que decidiu comezar a facer algo para cambialo. Estudou Educación Primaria na Universidade de Barcelona. Traballou como profesor auxiliar nunha academia.

Carreira musical Antes de darse a coñecer nacionalmente, era vocalista do grupo Dalton Bang, que versiona cancións do setenta e co que no verán de 2018 foi de xira por Cataluña.

En 2018, Miki asistiu á audición para a décima tempada de Operación Triunfo, sendo o primeiro aspirante en conseguir o adhesivo nos castings e un dos 18 concursantes en ser seleccionados para a gala cero. Foi o único concursante desta edición que conseguiu ser favorito dúas veces, a primeira na gala 5, coa canción "El patio" de Pablo López Jiménez, e a segunda na gala 9. Nesta última, Miki cantou a primeira canción en catalán da historia do programa, "Una lluna a l'aigua" do grupo Txarango. Foi eliminado na semifinal do programa, conseguindo a sexta posición.

Como concursante de Operación Triunfo, foi candidato a representar a España no Festival da Canción de Eurovisión 2019. Para a primeira fase do proceso de selección fóronlle outorgadas tres cancións: "El equilibrio" e "La venda" en solitario, e "Nadie se salva" a dúo coa súa compañeira Natalia Lacunza. Estas dúas últimas cancións conseguiron un pase para a gala de preselección, sendo Miki e Natalia os únicos concursantes con dúas cancións na final nacional. O 20 de xaneiro de 2019, "La venda" foi seleccionada a través do voto do público para representar a España no Festival da Canción de Eurovisión 2019 o mes de maio en Tel Aviv.

Influencias Sinalou como os seus artistas favoritos a Dub Inc, The Cat Empire e Muse. Declarou que o primeiro concerto ao que asistiu foi do grupo La Pegatina, cuxo integrante, Adrià Salas, sería máis tarde o compositor do seu tema para Eurovisión.

Discografía Sinxelos 2019: "La venda" 2019: "Celébrate" 2019: "Coral del Arrecife" (con Sofía Ellar)

Álbums de estudio 2019: Amuza

Notas

Categoría:Representantes de España en Eurovisión Categoría:Cantantes de Cataluña Categoría:Concursantes de Operación Triunfo Categoría:Nados en 1996 Categoría:Nados en Terrasa Categoría:Artistas de Música Global