O ácido de Mead é un ácido graxo omega-9, caracterizado por James F. Mead. Xunto con outros ácidos graxos poliinsaturados omega-9, os animais poden sintetizar o ácido de Mead de novo. Encóntrase en grandes cantidades na cartilaxe.
Química
O ácido de Mead, tamén denominado ácido (5Z,8Z,11Z)-eicosa-5,8,11-trienoico, é quimicamente un ácido carboxílico cunha cadea de 20 carbonos e tres dobreds enlaces en cis. O primeiro dos dobres enlaces está localizado no noveno carbono desde o extremo omega. Na literatura fisiolóxica úsase moito o nome abreviado 20:3 (n-9). En presenza de lipoxixenase, citocromo P450 ou ciclooxixenase o ácido de Mead pode orixinar varios ácidos hidroxieicosatetraenoicos (HETE) e produtos hidroperoxi (HpETE).
Fisioloxía
Hai dous ácidos graxos que son considerados ácidos graxos esenciais para os humanos e outros animais, que son o ácido linoleico e o ácido alfa-linolénico. Ambos son ácidos graxos de 18 carbonos, a diferenza do ácido de Mead, que ten 20 carbonos. O ácido linoleico é un ω-6, mentres que o linolénico é un ω-3 e o de Mead é un ω-9. Un estudo examinou pacientes de mala absorción de graxas intestinal nos que se sospeitaba deficiencia de ácidos graxos esenciais; atopou que tiñan niveis sanguíneos de ácido de Mead un 1263 % máis elevados que os suxeitos de referencia. En condicións graves de privación de ácidos graxos esenciais, os mamíferos elongan e desaturan o ácido oleico para producir ácido de Mead, (20:3, n−9). Isto foi documentado en menor extensión en vexetarianos e semivexetarianos que seguían unha dieta desequilibrada.
O ácido de Mead fai diminuír a actividade dos osteoblastos. Isto pode ser importante para tratar as condicións nas que é interesante causar a inhibición da formación de óso.
Papel na inflamación
As ciclooxixenases son encimas que desempeñan un importante papel nos procesos inflamatorios por medio da oxidación de ácidos graxos insaturados, especialmente, na formación de prostaglandina H2 a partir de ácido araquidónico, que é moi similar en estruture ao ácido de Mead. Cando os niveis fisiolóxicos de ácido araquidónico son baixos, as ciclooxixenase (COX) oxidan outros ácidos graxos insaturados como o ácido de Mead e o ácido linoleico.
O ácido de Mead é tamén convertido nos leucotrienos C3 e D3.
O ácido de Mead é metabolizado pola 5-lipoxixenase a ácido 5-hidroxieicosatrieonico (5-HETrE) e despois pola acción da 5-hidroxieicosanoide deshidroxenase a ácido 5-oxoeicosatrienoico (5-oxo-ETrE). O 5-Oxo-ETrE é tan potente coma o análogo derivado do ácido araquidónico, o ácido 5-oxo-eicosatetraenoico (5-oxo-ETE), na estimulación dos eosinófilos e neutrófilos do sangue humano; pénsase que fai isto ao unirse ao receptor de 5-oxo-ETE (OXER1) e, por tanto, pode ser, igual que o 5-oxo-ETE, un mediador das reaccións alérxicas e inflamatorias humanas.
Notas
Véxase tamén Outros artigos Ácido graxo poliinsaturado Eicosanoide Prostaglandina
Categoría:Ácidos graxos