O factor plaquetario 4 (PF4) é unha pequena citocina que pertence á familia das quimiocinas CXC que tamén se coñece como quimiocina (motivo C-X-C) ligando 4 (CXCL4) . Esta quimiocina é liberada dos gránulos alfa das plaquetas activadas durante a agregación plaquetaria e promove a coagulación do sangue ao moderar os efectos das moléculas similares á heparina. Debido a estas funcións, prediciuse que desempeña un papel na reparación de feridas e na inflamación. Xeralmente atópase formando un complexo cun proteoglicano.
Xenómicas
O xene que codifica o PF4 humano está localizado no cromosoma 4.
Función
O factor plaquetario 4 é unha proteína de 70 aminoácidos que se libera dos gránulos alfa de plaquetas activadas e únese con alta afinidade á heparina. O seu principal papel fisiolóxico parece ser a neutralización de moléculas similares á heparina da superficie endotelial dos vasos sanguíneos, inhibindo a actividade da antitrombina III local e promovendo a coagulación. Como forte quimioatractor para os neutrófilos e fibroblastos, o PF4 probablemente exerce un papel na inflamación e reparación de feridas.
O PF4 é quimotáctico para os neutrófilos, fibroblastos e monocitos e interacciona cunha variante de empalme do receptor da quimocina CXCR3, coñecida como CXCR3B.
Importancia clínica
O complexo heparina:PF4 é o antíxeno na trombocitopenia inducida por heparina, unha reacción autoinmune idiosincrática á administración de heparina anticoagulante. Os autoanticorpos anti-PF4 tamén se encontraron en pacientes con trombose e características que lembran a trombocitopenia inducida por heparina pero non antes da administración de heparina.
Os niveis de PF4 increméntanse en pacientes con esclerose sistémica que tamén teñen enfermidade pulmonar intersticial.
O PF4 humano mata os parasitos da malaria dentro dos eritrocitos ao lisar selectivamente os vacúolos dixestivos do parasito.
Notas
Véxase tamén Outros artigos Factor activador das plaquetas Factor de crecemento derivado das plaquetas
Bibliografía
Ligazóns externas
Este artigo incorpora textos da Biblioteca Nacional de Medicina dos Estados Unidos, en dominio público.
Categoría:Citocinas Categoría:Proteoglicanos