A catedral armenia da Asunción da Virxe María de Lviv (Ucraína) está situada na parte vella da cidade. Até 1945 funcionou como catedral da arquieparquía católica de Lviv, e dende 2000 fai a función de catedral da eparquía ortodoxa armenia de Ucraína. Historia 1363-1945 Unha pequena igrexa armenia fora construída entre 1363 e 1370, financiada por un comerciante armenio de Feodosia, e estabelecida como igrexa nai dunha eparquía; dita igrexa tiña como modelo a catedral de Ani da antiga cidade armenia de Ani. En 1437 o edificio foi rodeado cunha galería de arcadas, da que só se conserva a máis meridional. Logo de sufrir daños nun incendio en 1527, foi erixido un novo campanario en 1571. En 1630 a nave principal foi ampliada, e foi novamente reconstruída en 1723.
Dende o século XVII até 1945 a catedral foi a sé da arquieparquía católica armenia de Lviv, logo de que a eparquía entrase en unión coa Igrexa católica baixo a dirección de Mikołaj Torosowicz e do seu sucesor Wartan Hunanian. A catedral debe o seu aspecto actual ás reformas levadas a cabo entre os anos 1908 e 1927 polo arcebispo Józef Teodorowicz.
Dende 1945 Logo da segunda guerra mundial o territorio de Ucraína occidental foi anexionado pola Unión Soviética, pasando a formar parte da RSS de Ucraína. As autoridades soviéticas decidiron rematar coa arquidiocese armenia, e arrestaron ao administrador apostólico Dionizy Kajetanowicz, asasinado no gulag en 1954. Ademais de rematar co clero da arquieparquía, a práctica totalidade dos armenios galicianos foron trasladados forzosamente aos territorios da presente Polonia. A catedral foi pechada, e empregada como almacén de arte sacra confiscada. Aínda que a arquieparquía católica aínda existe oficialmente, está vacante dende a morte de Kajetanowicz.
Coa caída da Unión Soviética as autoridades ucraínas cederon o templo á Igrexa apostólica armenia baixo a condición de que tanto católicos como ortodoxos orientais puideran usalo. En 1997 foi erixida unha eparquía ortodoxa armenia con sé en Lviv. O 18 de maio de 2003 a catedral foi reconsagrada polo catholicos de Etchmiadzin Karekin II e outros tres bispos apostólicos.
Dende 2009 a catedral foi sometida a un proceso de renovación, financiado polo Ministerio de Cultura de Polonia en cooperación coa Fundación da Cultura e o Patrimonio dos Armenios Polacos con sé en Varsovia.
Interior e contorna Xunto á parte norte da catedral hai un pequeno convento de irmás bieitas armenias, e xunto á parte norte o pazo episcopal, ambas as dúas construcións do século XVII. O interior actual é en grande medida obra de Jan Henryk Rosen e Józef Mehoffer. A catedral ten dúas iconas milagrosas de san Gregorio o Iluminador e da Nai de Deus, traídos no século XVII dende Yazlovets.
+center|200px center|200pxA parte máis antiga que se conserva da catedral, con arcadas renacentistas.O interior.Campanario e pazo episcopal.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas Photo gallery of Armenian Cathedral of Lviv
Categoría:Catedrais de Ucraína Categoría:Igrexa católica armenia Categoría:Igrexa apostólica armenia Categoría:Historia de Ucraína Categoría:Catolicismo en Ucraína Categoría:Ortodoxia oriental en Ucraína Categoría:Antigas igrexas católicas Lviv