thumb |Gavia immer A mobella grande ou movella grande (Gavia immer) é unha especie de ave da familia das movellas (Gaviidae). Os adultos reprodutores teñen unha plumaxe cunha cabeza ancha e pescozo negros coas partes superiores dun ton verdoso ou purpúreo, denegrido ou gris denegrido, e partes ventrais brancas, excepto algunhas cobertoiras negras debaixo da cola e ano. Os adultos non reprodutores son pardos con pescozo e cabeza negros marcados con marrón agrisado escuro; as súas partes superiores son pardas agrisadas escuras cun debuxo pouco claro de cadrados nos ombros, e as partes ventrais, parte inferior da cara, meixelas e garganta abrancazadas. Os sexos son de aparencia similar, aínda que os machos son significativamente máis grandes e pesados que as femias. Durante a estación reprodutora, viven en lagos e outras vías acuáticas do Canadá, norte dos Estados Unidos (incluída Alasca), e no sur de Groenlandia e Islandia. Ademais, un pequeno número reprodúcese en Svalbard e esporadicamente noutras partes do Ártico de Eurasia. As movellas grandes invernan en ambas as costas dos Estados Unidos chegando polo sur ata México, e no Atlántico ás costas europeas, incluíndo ás veces as costas galegas.
Comen unha ampla variedade de animais como peixes, crustáceos, larvas de insectos, moluscos e ocasionalmente plantas acuáticas. Tragan a maioría das súas presas baixo a auga, onde as capturaron, xa que se mergullan, pero algunhas que son moi grandes lévanas á superficie. Son reprodutores monógamos estacionais. Ambos os membros da parella traballan na construción do niño feito de herbas de pantano mortas e outras plantas que amontoan nas beiras con vexetación de lagos. Crían unha soa camada por ano e a posta consta dun ou dous ovos ovais marróns oliváceos con pintas marróns que son incubados durante 24 ou 25 días por ambos os proxenitores. As crías son alimentados polo pai e nai e empluman en 70 a 77 días. Os polos poden mergullarse e voan ás súas áreas de invernada antes de que se forme o xeo no outono.
A movella grande está considerada na Lista Vermella da IUCN como especie con status "Pouco preocupante". É unha das especies ás que se aplica o Acordo para a Conservación das Aves Acuáticas Migratorias Africano-Eurasiáticas. Nalgúns países ten unha protección especial, como nos Estados Unidos, onde o Servizo Forestal dos Estados Unidos a designou como especie con status especial debido ás ameazas que afronta pola perda de hábitat e envelenamento por metais tóxicos na súa área de distribución estadounidense.
É a ave provincial de Ontario (Canadá), e aparece na moeda canadense dun dólar, que popularmente se chama "loonie" (loon é o nome inglés americano desta ave) e tamén en series antigas de billetes canadenses de 20 dólares. En 1961 foi designada ave estatal de Minnesota e aparece na moeda conmemorativa dun cuarto de dólar correspondente a ese estado.
Taxonomía e nome
A movella grande é unha das cinco especies de movellas que constitúen o xénero Gavia, o único xénero vivo da familia Gaviidae e da orde Gaviiformes. O seu parente máis próximo é outra especie de cabeza negra grande, a movella de bico branco (Gavia adamsii). Non se recoñecen subespecies de movella grande.
O zoólogo e mineralólogo danés Morten Thrane Brünnich foi o que primeiro describiu a movella grande en 1764, co nome de Colymbus immer na súa obra Ornithologia Borealis. O agora eliminado xénero Colymbus contiña os mergullóns ademais das movellas, e permaneceu en usoPor exemplo, este artigo de 1951 en British Birds. ata que a Comisión Internacional de Nomenclatura Zoolóxica intentou clarexar a nomenclatura en 1956 ao declarar que Colymbus era un nome suprimido e inapropiado para seguirse usando e estableceu Gavia, creado por Johann Reinhold Forster en 1788, como o nome de xénero válido para as movellas.
O actual nome do xénero Gavia era o nome latino dunha ave mariña non identificada e o nome específico immer deriva do nome noruegués do animal, similar á palabra islandesa moderna "himbrimi". A palabra pode estar relacionada co sueco immer ou emmer: as cinzas grises ou denegridas dunha cacharela (referíndose á plumaxe negra da ave); ou ao latín immergo, 'mergullarse', e immersus, 'mergullado'.
Existen varias especies fósiles de movellas desde o Plioceno, e ademais algúns espécimes do Plistoceno de California e Florida parecen representar unha paleosubespecie da movella grande actual.
Descrición
miniatura|En voo. A movella grande adulta pode medir de 69 a 91 cm de lonxitude cunha envergadura de entre 127 e 147 cm, é lixeiramente menor que a similar movella de bico branco. O seu peso pode variar de 3,2 a 4,1 kg. Como media mide 81 cm de longo, ten unha envergadura media de 136 cm, e un peso medio de 4,1 kg. A plumaxe reprodutora do adulto consiste nunha cabeza ancha e pescozo negros con brillos verdosos, purpúreos ou azulados. Ten un bico negro, ás veces coa punta clara, e ollos vermellos con iris vermello. O pescozo está rodeado dun característico anel negro e ten dous colares brancos de oito a dez curtas liñas na parte anterior superior do pescozo, e un visible colar de liñas brancas paralelas que forman un óvalo grande no lateral do pescozo. A parte central do pescozo anterior inferior é branco, e as partes laterais inferiores do pescozo teñen liñas lonxitudinais brancas que se converten en ringleiras de pequenas pintas e liñas negras que se fan moi estreitas. As partes superiores son denegridas ou grises denegridas, e cada pluma ten pequenas pintas brancas. A parte superior da á é denegrida e con pequenas pintas brancas nas cobertoiras non primarias, mentres que a parte inferior da á é máis clara con cobertoiras brancas excepto as longas liñas do talo negras nas plumas axilares. As partes inferiores son brancas, pero con algo de negro nas cobertoiras de debaixo da cola e ano. Ten un manto a cadros negros e brancos e unha cola anegrada. As patas son gris claras na súa metade interior e denegridas na metade externa, e as membranas entre as dedas dos seus pés palmados son de cor carne. miniatura|Movella grande engalando. esquerda|miniatura|240x240px|En Bodega Bay, California. A plumaxe non reprodutora do adulto é amarronada co pescozo e cabeza escuros marcados con marrón agrisado escuro. Os ollos están rodeados de branco, e as pálpebras son claras. O bico é principalmente gris claro, cun culmen e punta escuros, pero ao inicio da primavera a punta pode volverse máis branca. As partes inferiores, face inferior, meixela e garganta son abrancazadas. A parte anterior do pescozo é abrancazada, xeralmente formando unha amosega con forma de cuña nos lados do pescozo escuros, e pode por veces revelar un trazo sombrío do anel do pescozo ou un colar claro. Ten partes superiores grises amarronadas escuras cun padrón pouco claro de cadrados nos ombros e algunhas cobertoiras das ás con pintas brancas, o cal normalmente está oculto cando se mergullan. O macho e a femia teñen aspecto similar, aínda que mostran dimorfismo sexual nas súas dimensións físicas, xa que o macho é meirande e significativamente máis pesado.
O pesado bico con forma de daga vai aguzándose progresivamente e é agrisado con punta negra. A cor do bico e o seu ángulo distingue esta especie da movella de bico branco. O pescozo é curto e groso. Nada moi lentamente sobre a auga, ás veces só coa cabeza por riba da superficie e horizontal á tona da auga. Debe correr sobre a superficie da auga despregando as ás para engalar e poñerse a voar. Durante o voo, a cabeza lévaa lixeiramente máis baixa que o corpo, e os pés lévaos arrastrado detrás. Ten unha estrutura esquelética construída por ósos sólidos (o que é o normal en Gaviiformes e pingüíns pero diferente da maioría das aves voadoras que teñen ósos moi pneumatizados, ocos e cheos de aire para seren máis lixeiros), o que lle engade peso, pero lle axuda a mergullarse. miniatura|Individuo novo nadando no océano na illa Mcgee, Maine. Os individuos novos xeralmente teñen unha caluga gris amarronada escura que pode parecer máis escura que as plumas negras de beiras claras. Ten unha cabeza, pescozo e partes superiores de negras a gris escuras, cunha gorxa, meixelas e partes inferiores brancas. Durante o seu primeiro inverno, a forma do bico dos novos pode non estar tan totalmente desenvolvida coma nos adultos, e durante o segundo inverno lembran o adulto reprodutor, pero con cobertoiras das ás sen pintas brancas.
A movella grande distínguese da movella ártica (G. arctica) e da movella pequena (G. stellata) principalmente polo seu maior tamaño. Xeralmente ten unha fronte máis inclinada e unha parte anterior superior da cabeza protuberante, algo similar á da movella ártica. O bico é máis pesado e o dorso é máis claro que a parte traseira do pescozo. É máis difícil de distinguir da movella de bico branco, pero a súa plumaxe reprodutora ten máis marcas brancas no pescozo e os cadros do ombro adoitan ser máis pequenos; a plumaxe non reprodutora ten laterais do pescozo negros que contrastan máis abruptamente coas áreas claras e a cor do bico.
Muda
A plumaxe xuvenil escamenta mantense ata xaneiro ou febreiro do ano seguinte á eclosión, cando unha longa muda das plumas da cabeza e corpo lles dá unha aparencia máis adulta. Os adultos despréndense de todas as plumas de voo simultaneamente aproximadamente nesa época do ano, o que os deixa temporalmente incapaces de voar, antes de adquiriren a plumaxe reprodutora, pero as aves do segundo ano retardan esta muda substancial ata o verán. A plumaxe de inverno do adulto adquírese entre outubro e xaneiro por unha muda parcial principalmente das plumas da cabeza, corpo e cola.
Distribución e hábitat
As movellas grandes son principalmente neárticas e reprodúcense entre os 48° N e o Círculo polar ártico, localmente ao sur dos 40° N e ao norte dos 78° N. Durante a súa tempada reprodutora en primavera e verán, o máis común é que vivan en lagos e outras vías acuáticas do norte dos Estados Unidos e o Canadá, e no sur de Groenlandia, en Islandia, en Svalbard, en Jan Mayen e na illa do Oso de Noruega; e polo oeste en Alasca, e polo leste, moi raramente, en Escocia. Os seus hábitats de verán van desde lagos con bosque a lagoas da tundra. Os lagos deben ser grandes dabondo para que poidan engalar e botarse a voar, e proporcionen unha gran poboación de peixes pequenos. Os lagos profundos con augas superficiais cálidas, produtividade biolóxica relativamente baixa e baixa turbidez, onde os peixes que son as súas presas son doados de ver, son os hábitats nos que as movellas que van reproducirse crían con máis éxito os fillos. Para protexerse dos predadores, as movellas grandes prefiren lagos con illas e covas. Son visitantes raros das costas do océano Glacial Ártico. Mostran unha gran fidelidade polo sitio de cría.