STS-114 foi unha misión do transbordador espacial Discovery lanzada o 26 de xullo de 2005 desde a rampla 39B do Centro de Lanzamento de Cabo Cañaveral.

Características STS-114, con sete astronautas a bordo, foi a primeira misión dun transbordador despois da perda do Columbia na misión STS-107 en 2003. A tripulación estaba formada pola comandante Eileen Collins, o piloto James Kelly e os especialistas de misión Charles Camarda, Wendy Lawrence, Soichi Noguchi, Stephen Robinson e Andrew Thomas.

Tras a catástrofe establecéronse novos procedementos e fixéronse cambios nos vehículos de lanzamento que foron postos a proba na misión STS-114. Entre os cambios estaban os arranxos na espuma que recubría o tanque principal para evitar a súa caída contra as ás do transbordador (causa principal da perda do Columbia) e a revisión obrigatoria das ás e o escudo térmico do transbordador por parte dos astronautas antes da reentrada atmosférica. Como obxectivo secundario, a misión serviu para reaprovisionar a Estación Espacial Internacional usando o módulo loxístico Raffaello, que nos dous anos entre a destrución do Columbia e o voo do Discovery tivo que aprovisionarse unicamente mediante os cargueiros Progress rusos.

A análise das fotos e vídeos tomados durante o lanzamento e durante a aproximación á estación mostraron que a pesar de tódalas medidas un cacho de espuma se desprendeu do tanque principal e dúas áreas do escudo térmico con material de recheo sobresaíndo entre as losetas térmicas. Durante a misión leváronse a cabo tres paseos espaciais: durante o primeiro Robinson e Noguchi probaron un experimento de reparación de losetas térmicas usando varias danadas a propósito levadas ao espazo na bodega de carga do transbordador, instalaron unha plataforma de almacenamento no exterior da estación e enerxizaron un dos xiroscopios que estabilizan a estación para compensar o fallo doutro; na segunda actividade extravehicular os dous mesmos astronautas substituíron o xiroscopio avariado; na terceira, Robinson extraeu o material de recheo sobresaínte entre as lousas do escudo térmico.

O transbordador volveu a terra sen incidentes na base Edwards da Forza Aérea en California o 9 de agosto de 2005, un día despois do previsto debido ao alongamento da misión para poder engadir o terceiro paseo espacial.

Notas

Véxase tamén

Outros artigos Transbordador espacial Transbordador espacial Discovery

Categoría:Programa STS