Jacques Paul Migne, nado en Saint-Flour o 25 de outubro de 1800 e finado en París o 24 de outubro de 1875, foi un sacerdote francés cuxa obra máis celebrada foi a de publicar dúas económicas e extensas coleccións de escritos dos Pais da Igrexa, a Patrologia Latina e a Patrologia Graeca.
Traxectoria Naceu en Saint-Flour (Cantal). Logo dunha infancia un tanto turbulenta, en 1817 estudou teoloxía no colexio de Saint-Flour, en Orleáns. Ao finalizar a súa formación de clérigo, demasiado novo aínda para ser ordenado, foi enviado como profesor a un colexio de Châteaudun onde destacou polas súas capacidades didácticas. Desexando afianzar a súa teoloxía consagrou quince horas de estudo por día durante seis meses. En 1824 foi ordenado sacerdote.
Inmediatamente foi enviado a unha parroquia do cantón de Châtillon-sur-Loing, pero por ter un clima que afectaba á súa saúde foi rapidamente relevado e enviado a Puiseaux, na diocese de Orleáns.
A revolución de 1830 repercutiu en Puiseaux. Houbo un incidente, que naceu da súa simpatía católica realista fronte ao patriotismo local, que logo foi esaxerado e agrandado. O P. Migne respondeu aos seus acusadores a través dun boletín titulado Da liberdade, por un sacerdote. Ampliando o debate, trata sobre cuestións importantes do dereito eclesiástico e das relacións coa autoridade secular. Desatouse o debate e o bispo intervén prohibindo a publicación da resposta do P. Migne. O cura de Puiseaux someteuse e gardou silencio.
En 1833, logo do enfrontamento co bispo, partiu cara a París, e o 3 de novembro comezou co xornal L'Univers religieux, que tentou manter libre de calquera influencia política. Rapidamente conseguiu 1800 subscritores. Editouno por tres anos.
En 1836 abandonou L'Univers religieux para comezar unha obra doutra envergadura que chegará a ser chamada «unha das máis colosais do século». Titulada Biblioteca universal do clero, debería contar con 2000 volumes. Dotado dunha inesgotábel paciencia, logrou unha das empresas máis considerábeis do século: a edición dunha enciclopedia teolóxica que abarcará miles de volumes.
En 1836 abriu a súa gran casa de publicación en Petit-Montrouge, no arrondissement 14 de París. Alí sucedéronse con rapidez numerosos traballos relixiosos pensados para o clero baixo, a prezos accesíbeis que aseguraban ampla circulación. As máis coñecidas son: Scripturae sacrae cursus completus, que ensambla un amplo repertorio de comentarios sobre cada libro da Biblia e Theologiae cursus, cada un en 28 volumes, entre 1840 e 1845; despois Collection des auteurs sacrés (100 vols., 1846-8); Encyclopédie théologique (171 vols., 1844-6).
Traballou nas súas publicacións sen interrupción até o incendio dos seus Ateliers catholiques, en febreiro de 1868. Atopouse, desde o principio, con graves dificultades. Aínda que foi animado por cartas e felicitacións que lle chegaron por milleiros, tamén debeu enfrontar a oposición do arcebispo de París, Monseñor de Quélen. Este, sen dubidar da excelencia da obra de Migne, estimaba que a empresa posuía un carácter comercial e que por tanto non era bo que un sacerdote estivese a cargo dela. E ordenou ao editor que suspendese o seu traballo. Migne creu ver nesta medida o resultado da presión das grandes librarías, celosas da súa obra. O P. Migne arguíu que non era nin impresor nin libreiro: os dous cargos corresponden a Victor Migne, o seu irmán e colaborador, e rexeitou someterse. O arcebispo retiroulle os seus poderes e prohibiulle celebrar a misa. Meses antes de morrer, o arcebispo propúxolle a Migne converter este proxecto particular nunha obra diocesana, na que el sería o superior e o P. Migne o director. Querendo gardar a súa liberdade, o sacerdote mantén a súa posición. Monseñor Affre, o seu sucesor, mantivo tamén a liña de conduta do seu antecesor. Condenou tamén a publicación Voix de la Vérité, novo xornal publicado por Migne. Finalmente, tocado pola franqueza do seu editor e pola molestia que a súa decisión podía carrexar entre a autoridade eclesiástica, levantou a condena.
O 2 de xuño de 1849, Jacques Paul Migne asumiu o título de impresor–tipógrafo, en Petit–Montrouge. Doáronlle 5000 francos e encargáronlle a edición das Actes de l'Église de Paris.
En 1853, A. Bonnety, director dos Annales de la philosophie chrétienne, escribía respecto da Patrologia latina: «Esta obra debería estar protexida polos gobernos, polos bispos e por todos os católicos», deixando entrever que non sempre a resposta do público acompañou ao editor. Unha indicación semellante volve escoitarse respecto da Patrologia graeca: «Entristécenos ter que afirmar que aínda faltan subscribirse a esta bela e boa publicación moitas casas: bibliotecas dos bispos, seminarios, principais curas, comunidades relixiosas… O editor atópase aínda ao comezo dos seus esforzos, e se non consagrase a esta obra todo o seu capital, todos os beneficios das súas publicacións precedentes, veríase obrigado a interromper a impresión».
Con todo, as mostras de simpatía non faltaron, desde o principio, á obra de Migne. Desde Roma, do universo católico, afluirán felicitacións de bispos, cardeais e laicos instruídos. Outro eloxio que chegou a Migne viña de parte do Senado francés, na sesión do 20 de xuño de 1862, por parte do Barón Ch. Dupin: «Un simple cura rural, o Sr. Migne, encarou só coa axuda financeira do clero inferior –nun prezo baixo e sen luxos–, a publicación dunha colección completa, unha colección onde os textos máis fieis son comparados coas versións máis autorizadas, unha colección onde figuran os libros Sacros, os Pais da Igrexa latinos e gregos, todos os grandes teólogos, todos os oradores sacros, todos os comentarios e aínda miles de escritos dos bispos dos nosos días. Esta será unha Biblioteca universal da Igrexa católica: 850 volumes xa viron a luz. 1150 restan por aparecer. E para levar a cabo esta empresa… é cos seus modestos recursos que o clero francés inaugurou esta grande empresa católica. Moitos laicos xenerosos viñeron na súa axuda…».
Se a obra monumental quedou inacabada débese ao incendio do 12 de febreiro de 1868. O lume desatouse no compartimento das prensas tipográficas e rapidamente alcanzou todo o edificio, abarcando case todas as obras que estaban alí. Os danos foron considerábeis e irreparábeis na súa maior parte. Os clichés de prensa de grandes coleccións (en número de 667.855) foron destruídos. Dos cascallos non puido retirarse máis que unha masa de 600 quilogramos de chumbo. A fábrica de mobles de igrexa, de órganos, de estatuas, de mesas, de baixorrelevos, que Jacques Paul Migne construíra ao carón da imprenta foron do mesmo xeito alcanzados polo incendio. Un grande órgano, de 30.000 francos, listo para ser entregado, foi completamente devastado. Sobre o total de 12 millóns que representaba o material e as mercadorías, Jacques Paul Migne só recuperou apenas seis.
A perda foi enorme. As aseguradoras non lle devolveron máis que unha suma irrisoria. E resultou insuficiente para permitir a Migne recomenzar coas publicacións interrompidas. A guerra franco-prusiana de 1870 sumoulle perdas. Arruinado, buscou proverse de novos recursos. Recomenzou o seu comercio de mobles sacros e organizou un tráfico de intencións de misa. O arcebispo deulle a orde de cesar. Migne resistiuse e recibiu unha suspensión. Pouco despois, o 25 de xullo de 1874, desde a curia romana chegou un decreto do papa Pío IX no que se condenaba o uso de estipendios de misa para a compra de libros… no cal as publicacións de Migne eran nomeadas expresamente.
Estas contrariedades sumáronse ás fatigas ás que o sometera a dirección da súa obra: a súa vista diminuíra considerabelmente e volveuse case cego. O 24 de outubro de 1875 morreu en París deixando o legado dun «dos escritores e compiladores máis extraordinarios dos que ten memoria a historia da erudición». Un ano despois da súa morte, a súa Imprimerie Catholique pasa a mans dos irmáns Garnier.
As tres grandes series que máis reputación tiveron foron Patrologiae cursus completus, serie en latín, en 221 vols. (1844-5); a serie en grego, primeiro publicada en latín (85 vols., 1856-7); e a edición con tradución en grego e latín (165 vols., 1857-8). A pesar de que moitos estudos o criticaron, estas precipitadas edicións, baratas e amplamente difundidas, só foron substituídas moi lentamente por edicións críticas máis modernas. Aínda que o barato do papel das edicións orixinais as fixese fráxiles, a envergadura da Patrologia aínda fai da obra algo único e invaluábel. É, amplamente, a colección de textos patrísticos e literatura antiga máis completa que apareza e que exista até hoxe. Os índices son útiles aínda hoxe para atopar referencias nos escritos patrísticos.
A Patrologia latina e a Patrologia graeca (xunto coa Monumenta Germaniae Historica) cóntanse entre as contribucións máis importantes do século XIX ao estudo da patroloxía e da Idade media. Na Igrexa católica, as edicións de Migne puxeron por primeira vez moitos textos orixinais en mans dos presbíteros.
Obra
Xornalista Na súa estancia en París, Migne fixo incursión en varios proxectos xornalísticos que tiveron un éxito relativo e que finalmente sempre terminou deixando en mans doutros directores e propietarios. Algúns foron censurados polos bispos, outros simplemente por querer dar lugar a todas as ás de pensamento… simplemente fracasaron.
Chegado a París en 1833, Migne dedicouse á fundación do seu primeiro xornal, ao que chamaría l'Univers religieux. Considerándose simplemente católico e non aliado a ningún partido, dedicouse a buscar os seus colaboradores entre as máis diferentes liñas de opinión de Francia. A publicidade centrouse en conseguir a promesa de colaboración das personalidades máis importantes de Francia. En tres semanas roldaba os 1800 subscritores. A súa divisa foi: «Unité dans les choses certaines, liberté dans les douteuses, charité, vérité, impartialité dans toutes.» O éxito non se prolongou demasiado. Querendo conciliar todas as partes mesturounas a todas. Finalmente Jacques Paul Migne deixa o xornal sen escribir demasiado nel, por haberse visto absorbido polas tarefas de dirección e administración.
En 1846 fundou a Voix de la Vérité, con axuda do P. Clavel e un xurisconsulto eminente, o P. Romaiu Prompsault. O acerto deste xornal debeuse a que ofrecía material de consultoría xurídica a membros do clero e a comunidades relixiosas. Non abarcou só cuestións civís, senón que entrou tamén no dereito canónico, póndose unhas cantas veces ao lado de sacerdotes que disentían cos seus bispos. Isto desgustou a algúns bispos que oportunamente o censuraron. Finalmente Migne terminou deixándoo en mans de Taconet, outro empresario.
Este segundo intento foi substituído nos proxectos de Migne por un terceiro: La Voix canonique, liturgique, historique, bibliographique, anecdotique. Ao que, logo de cambiar de obxectivo e de nome unhas cantas veces terminou deixando tamén en mans doutro interesado: M. Prost, banqueiro.
Editor Migne abandonou a dirección do l'Univers religieux para se mergullar nunha empresa moito máis ambiciosa. O seu obxectivo: reunir en grandes coleccións os tesouros da tradición católica. Contentouse con reunir os antigos produtos da erudición eclesiástica, para polos a disposición do clero como instrumentos de traballo. Moitos destes traballos conservábanse, para ese entón, só como manuscritos, mentres que doutros só se coñecían fragmentos. A maior parte estaba relegada en recunchos das bibliotecas, eran inalcanzábeis polo seu pouco número e polo elevado do seu prezo. Migne quixo reunilos nunha Biblioteca universal do clero á que soñaba de 2000 volumes, a baixo prezo -non debería custar máis de 10.000 francos.
Os poucos recursos que Migne posuía investíraos na súa empresa anterior. Para poder levar a cabo esta obra soubo entusiasmar na súa empresa algúns eclesiásticos e laicos que o proveron dos fondos indispensábeis como para que comezase a tarefa.