Mantes-la-Jolie (chamada informalmente Mantes) é un municipio de Francia situado nos suburbios occidentais de París. É unha subprefectura do departamento de Yvelines, Illa de Francia. Trátase dunha cidade industrial moderna, situada na beira esquerda do Sena a 57 km ao oeste da capital francesa.
Xeografía A comuna de Mantes-la-Jolie, situada no centro dunha aglomeración urbana de arredor de 80 000 habitantes, encóntrase nas beiras do Sena. Engloba dúas illas: a illa de Aumône, na que se encontra un centro de exposicións, e a illa aux Dames, chamada tamén illa de Limay.
Limita ao sur con Mantes-la-Ville e Buchelay, ao oeste con Rosny-sur-Seine, e ao norte con Limay e Follainville-Dennemont, das que se encontra separada polo Sena.
O concello ten unha altitude media de 34 msnm, estendéndose sobre unha superficie de 9,38 km².
A súa poboación en 2013 era de 45 052 habitantes, o que facía que nese ano a súa densidade fose de 4 802,99 hab./km².
Demografía
Historia Parece ser que a cidade se fundou na Idade Media, e que foi un porto durante a época carolinxia. Fortificouse moi cedo a causa da súa posición estratéxica, xa que se encontra cerca da fronteira de Normandía, polo que permitía protexer París das incursións inimigas.
A cidade foi incendiada en 1087 por Guillerme o Conquistador durante a súa campaña de represalias no Vexin.
O rei de Francia Lois VI concedeulle á cidade o status de comuna libre mediante unha carta en 1110, na que lle outorgaba privilexios.
Debido á súa situación estratéxica ao lado do Sena e na fronteira de Normandía, Mantes foi unha vila desexada durante a guerra dos Cen Anos e cambiou de mans en diversas ocasións, sendo posesión, entre outros, de Carlos II de Navarra.
O rei Filipe Augusto faleceu nesta cidade o 14 de xullo de 1223. E o 22 de xullo de 1361 naceu nela o rei Carlos III de Navarra.
Á morte de Henrique III, Mantes foi partidaria da Santa Liga de París, pero foi tomada por Henrique IV, quen instalou o seu cuartel xeral á espera da conquista de París, que tivo lugar o 22 de marzo de 1594. Ademais, este rei visitaba regularmente a cidade, xa que nela vivía unha das súas amantes, Gabrielle d'Estrées.
A idade dourada da cidade chegou ao seu fin cando o seu recurso principal, o viño, deixou de venderse caro.
A súa posición estratéxica durante a segunda guerra mundial, ao ser un nexo entre Normandía e a Illa de Francia, converteu a cidade de Mantes nun obxectivo estratéxico. O 13 de xuño de 1940, a Wehrmacht ocupou a cidade. No transcurso da guerra foi bombardeada desde o aire en máis de cincuenta ocasións, especialmente o 30 de maio de 1944. Este ataque aéreo das forzas aliadas reduciu a cascallos gran parte do centro histórico da cidade aínda que, milagrosamente, a catedral de la Collégiale quedou intacta. A cidade foi liberada polo III Exército estadounidense de Patton o 19 de agosto de 1944, pero as consecuencias da recente incursión aérea foron catastróficas, xa que se contan por centenares as vítimas civís que pereceron a causa do bombardeo.
Véxase tamén
Ligazóns externas INSEE
Categoría:Concellos do departamento de Yvelines