John Milton, nado en Londres o 9 de decembro de 1608 e finado na mesma cidade o 8 de novembro de 1674 foi un poeta e ensaísta inglés, coñecido especialmente polo seu poema épico Paradise Lost. Politicamente foi unha figura importante entre os que apoiaron a Mancomunidade de Inglaterra. Ocupou o posto de ministro de linguas estranxeiras baixo o mandato de Oliver Cromwell e os seus tratados políticos foron consultados para a redacción da Constitución dos Estados Unidos de América.= 06 El Poeta de la Revolución Puritana: Teoría Política de John Milton, de Nieves Saldaña Díaz
Poeticamente, Milton é unha das figuras máis importantes do panorama literario inglés, sendo en ocasións situado ao mesmo nivel que Shakespeare. A influencia de Milton na literatura posterior é ampla e variada: atribúese á influencia da súa obra a aceptación e difusión do verso branco en poesía, e, especialmente durante o Romanticismo, as alusións á súa obra alcanzaron un nivel similar ao gozado polas referencias clásicas.Milton’s literary form A propia personalidade de Milton foi en ocasións debatida e criticada, en especial, a forma na que se debuxou a si mesmo nalgunhas das súas obras, sobre todo na Defensio.Lucy Newlyn. Paradise Lost and the Romantic Reader.
Traxectoria Primeiros anos John Milton foi o segundo fillo de John e Sara Milton. O seu pai era un próspero escribán, que realizaba tarefas de notario. Compuña tamén música sacra e tiña vínculos co mundo do teatro, especialmente o Blackfriars Theatre; fora desherdado polo seu pai, fervente católico, por converterse ao protestantismo. A familia vivía en «The Spreadeagle», a súa casa de Cheapside, preto da catedral de San Paulo en Londres, en cuxa escola estudou Milton. Dende moi novo, Milton comezara a aprender linguas clásicas da man de titores, entre eles Thomas Young.
En 1625, foi admitido no Christ's College en Cambridge, onde comezou a prepararse para entrar na Igrexa de Inglaterra. Era moi bo estudante,Segundo dixo o seu irmán Christopher Milton a John Aubrie «Cando (John) ía á escola, cando era moi novo, estudaba moi duro e ata moi tarde, normalmente ata pasadas as 12 ou 1 da madrugada e o noso pai ordenaba á criada que non se acostase ata que o fixese el». (Darbishire 2, 10) «Tras cumprir doce anos, raramente se retiraba á cama antes da media noite». (Columbia 8.119). En The Milton-L homepage pero gustáballe discutir e foi expulsado temporalmente por rifar co seu titor, William Chappell, polo cal ao seu regreso foille asignado outro. O seu profesor favorito foi Thomas Young (que xa fora titor seu en Londres), o cal reaparecería noutros momentos da súa vida desvinculados da etapa de Cambridge. Fíxose amigo de Roger Williams, teólogo disidente americano, ao que ensinou hebreo a cambio de leccións de neerlandés. Neste período compuxo varios poemas, entre eles On the Morning of Christ's Nativity. Sábese que os primeiros anos da súa estancia en Cambridge non foron agradables. Milton sentíase alienado pois consideraba o seu intelecto superior ao dos seus compañeiros e estes, facendo referencia ao seu pelo longo e louro, e o seu aspecto efeminado puxéronlle o alcume de «Lady of Christ's» (college). Con todo, é posible que unha vez as súas obras poéticas comezaron a publicarse nos xornais da universidade, a situación cambiase, como parece indicar o seu último escrito universitario, Oratorio pro Arte, que trata entre outras cousas do belo e valioso dunha amizade entre iguais.
Estudo intensivo e viaxes En 1632, graduouse cum laude e regresou a Londres, onde se dedicou durante cinco ou seis anos ao estudo intensivo e á composición literaria na súa casa de Hammersmith. Nesta época escribiu principalmente poemas, como On Shakespeare, L'Allegro e Il Penseroso.
Contrario á educación de Cambridge, que entón se baseaba principalmente na memorización, Milton dedicou este tempo á lectura das obras dos antigos e dos contemporáneos sobre teoloxía, filosofía, historia, política, literatura e ciencia. Como guía para trazar os estudos aos que Milton se dedicou nestes anos recórrese ao seu «commonplace book», algo así como o seu caderno de notas, que hoxe se atopa na Biblioteca Británica. A educación de Milton foi ampla e variada; coñecía o latín, o grego e o hebreo. Era un fluído falante do francés, o castelán e o italiano, e aplicouse tamén en aprender inglés antigo e neerlandés. Grazas a esta educación, Milton está considerado como un dos escritores máis instruídos da literatura inglesa.
En abril de 1637 morreu a súa nai, e uns meses despois Edward King, amigo de Milton da época de Cambridge, morreu afogado, polo que os seus compañeiros decidiron escribir elexías na súa honra. En novembro Milton compuxo Lycidas para engadila na colección en memoria de King, e esta publicouse en 1638. Escribiu tamén mascaradas como Arcades ou Comus, que compuxo para John Egerton, primeiro conde de Bridgewater, ao ser este instaurado «Lord President of Wales» —os manuscritos destas obras temperás consérvanse no Trinity College de Cambridge, polo que se coñecen como «os manuscritos de Trinity»—.
Como era costume entre os mozos podentes na época, Milton emprendeu unha viaxe por Europa na primavera de 1638; foi a París e despois a Italia, onde, durante a súa estancia en Florencia, moi probablemente coñeceu a Galileo Galilei, o cal se atopaba baixo arresto domiciliario por orde da Inquisición. En Roma foi convidado polo cardeal Barberini, sobriño do papa Urbano VIII, a visitar a Biblioteca Vaticana. Trasladouse a Xenebra, onde fora coa esperanza de coñecer o soado teólogo calvinista Giovanni Diodati. Alí, tivo que cancelar a proxectada viaxe a Grecia ao descubrir rumores cada vez máis insistentes de que se achegaba unha guerra civil a Inglaterra e que un amigo seu de infancia, Charles Diodati, sobriño do anterior, morrera. Regresou a Inglaterra en xullo de 1639, tras o cal comezou a escribir Epitaphium Damonis, un poema en latín en memoria do seu amigo.
En Londres, estableceu unha especie de academia, á que asistiron os seus sobriños, Edward e John Phillips, e á que acudiron máis adiante mozos de familias aristocráticas. A guerra civil estaba a fraguarse (xa se estaba librando o seu prefacio, as guerras dos bispos). O rei Carlos I invadira Escocia e disolvera o parlamento. Milton, activo en política, comezou a redactar panfletos antiepiscopais —nesta época, política e relixión estaban fortemente enlazadas (o rei xa era a cabeza da igrexa anglicana), algo que se pode apreciar nos escritos de Milton: Of Reformation, sobre a disciplina nas igrexas de Inglaterra; Animadversions, Of Prelatical Episcopacy (que é unha defensa de Smectymnuus, unha organización protestante liderada por Thomas Young) e The Reason for Church Government, na que se sitúa en contra da prelación (xerarquía) e ataca a Igrexa alta, especialmente o seu líder William Laud, Arcebispo de Canterbury.
Primeiro matrimonio esquerda|miniatura| Primeira edición de Areopagitica. En 1642, Milton casou con Mary Powell, que tiña entón 17 anos. A relación non durou moito, e pouco despois Mary abandonouno, regresando á casa dos seus pais en Oxford, pois Milton tiña un carácter arisco. Esta situación deu lugar aos famosos «Tratados sobre o divorcio», onde se argumentaba a favor do divorcio por incompatibilidade de personalidades: en 1643, publicou Doctrine and Discipline of Divorce e en 1644, Judgement of Martin Bucer Concerning Divorce. A publicación destes textos causou un escándalo no parlamento e entre o clero, que tentou censuralos; por mor diso, durante o verán de 1644 Milton escribiu o seu Areopagitica, unha apoloxía da liberdade de prensa. Doutra banda, Milton, que quedara en certa medida desencantado da educación de Cambridge, escribiu Of Education, un tratado que propón establecer un estudo rigoroso para os mozos de Inglaterra. En 1645, publicáronse outras tres obras: Tetrachordon, Colasterion e unha colección de poemas en inglés e en latín.
Ao redor de 1645, Mary Powell regresou ao fogar conxugal e reconciliáronse; a súa primeira filla, Anne, naceu o ano seguinte. Cando a guerra civil estalou, os Powell declaráronse monárquicos, mentres que Milton era republicano. En Oxford, os monárquicos estaban a ser expulsados, así que a familia da súa muller trasladouse á casa de Milton, en Hammesmith. En 1647 morreron o seu pai e o seu sogro. Un ano despois os Powell abandonaron a casa, e naceu a súa segunda filla, Mary Milton. O 30 de xaneiro de 1649 o rei Carlos I foi executado nunha praza pública, acto do que probablemente Milton foi testemuña. Dúas semanas despois publicouse The Tenure of Kings and Magistrates, que aborda cuestións institucionais.
Ministro de linguas estranxeiras miniatura|Primeira edición de Eikonoklastes. Unha vez establecida a Commonwealth trala vitoria parlamentaria, o goberno de Cromwell fixo de Milton ministro de linguas estranxeiras (marzo de 1649) e a familia trasladouse a Westminster, onde naceu o seu fillo John. Nos anos subseguintes Milton foi o encargado de traducir ao latín as actas oficiais e responder os ataques literarios contra a república; tamén serviu como censor e é moi posible que tamén redactase discursos para Cromwell. Con The Tenure of Kings and Magistrates defendeu o republicanismo e a Cromwell, que estaba a ser atacado polos presbiterianos (principalmente escoceses) e os realistas. Entre os seus tratados máis notables atópase o Eikonoklastes, publicado en outubro de 1649 e que é unha resposta ao Eikon Basilike, un tratado moi difundido que se atribuía a Carlos I e que mostraba o rei asasinado como un mártir cristián. Un mes despois, os partidarios de Carlos II publicaron a Defensio Regia, escrita polo coñecido orador Claudius Salmasius, ao que Milton respondeu con Defensio pro populo Anglicano (ou a Primeira defensa), un texto moi coidadosamente redactado, en latín, que serviu para dar a coñecer as facultades oratorias de Milton na Europa continental.
En 1652, Milton perdeu a vista, probablemente por mor dun glaucoma, o que lle leva a compor o soneto «When I Consider How My Light Is Spent». En maio, a súa dona Mary morreu por complicacións no parto e en xuño morreu tamén o seu fillo John, de quince meses.
En 1654 publicou a Defensio Secunda, resposta ao Regii sanguinis clamor de Pierre du Moulin, na que eloxia a Cromwell, á vez que o exhorta a manterse fiel aos principios republicanos. Continuou a traballar grazas á axuda de Andrew Marvell, ao que fixo o seu asistente, e ditando as liñas a amanuenses. Aínda así, os seus labores como tradutor son amplamente recortados e modificouse o seu soldo (288 libras) a unha pensión vitalicia de 150 libras.
Milton atribuíra o Clamor a Alexander More, polo que este respondeu atacándoo nun escrito. En 1655, Milton publicou Defensio Pro Se ("Defensa de min mesmo"), defendéndose deste ataque. En 1656, contraeu nupcias con Katherine Woodcock, coa que tivo unha filla, mais Katherine e a súa filla morreron en 1658, o mesmo ano en que tamén morreu Oliver Cromwell. En memoria da súa esposa Katherine, escribiu o soneto «Methought I saw my late espousèd saint».Methought I saw my late espousèd saint
Restauración esquerda|miniatura|Milton ditando ás súas fillas Paradise lost.