Soiuz 23 foi unha misión espacial tripulada soviética lanzada o 14 de outubro de 1976 mediante un foguete Soiuz 11A511 desde o cosmódromo de Baikonur.
Características Soiuz 23, unha Soiuz modelo 7K-T cos cosmonautas Valeri Rozhdestvenski e Viacheslav Zudov a bordo, foi lanzada para acoplarse coa estación espacial militar Saliut 5. Despois de entrar en órbita e achegarse á estación a nave foi incapaz de acoplarse debido a uns sensores defectuosos que indicaban unha velocidade lateral irreal, co que os propulsores intentaban corrixir constantemente un desvío inexistente. Tras varios intentos a tripulación apagou o sistema automático, pero xa non quedaba propelente para intentar un acoplamento manual, co que a nave tivo que volver a terra. A reentrada atmosférica foi normal pero a Soiuz descendeu sobre o lago Tengiz no medio dunha tormenta de neve, con temperaturas de ata -20 °C. O paracaídas, mollado, arrastrou a cápsula tripulada baixo a superficie xeada, arrefriándoa. Os equipos de rescate intentaron chegar ata a cápsula mediante vehículos anfibios, sen logralo. A solución para sacala foi atala mediante un cable, levado baixo a superficie por medio de mergulladores, a un helicóptero que a arrastrou durante quilómetros a través da auga xeada ata terra. Os dous cosmonautas conseguiron saír pola mañá, para sorpresa dos rescatadores, que os daban por mortos.
Véxase tamén
Outros artigos Soiuz 11A511 Soiuz 21 Soiuz 24 Saliut 5
Notas
Categoría:Programa Soiuz