Kuzebai Gerd (udmurto Кузебай Герд), pseudónimo literario de Kuzma Pavlovich Tšainikov (), nado o 14 de xaneiro de 1898 e finado o 1 de novembro de 1937, foi un etnógrafo, poeta e dramaturgo udmurto.

Traxectoria Gerd procedía dunha familia labrega da aldea de Bolšaja Dokja. Entre 1912-1916 estudou no Instituto Pedagóxico de Kukarka e tras graduarse traballou como mestre. De 1918 a 1920 foi director da sección udmurta do departamento de instrución pública do distrito de Malmyž e despois dirixiu o departamento de publicacións de Udmurtia. Entre 1926 e 1929 realizou estudos de posgrao no Instituto de Culturas Étnicas e Nacionais do Oriente da URSS en Moscova.

En maio de 1932 as autoridades detivérono acusado de actividades contrarrevolucionarias . Condenado a morte en novembro de 1933 conmutáronlle a pena a dez anos de traballos forzados. Nun novo xuízo que se celebrou en outubro de 1937 a condena foi de novo a morte. A execución, por fusilamento, efectuouse en Sandarmoch. Tras o stalinismo as autoridades restauraron o seu nome en 1958.

Actividades culturais e científicas A súa actividade científica foi de grande importancia para o pobo udmurto, creou a primeira sociedade dedicada ao estudo da cultura udmurta cando aínda era estudante. Gerd consideraba a lingua propia como a ferramenta principal para educar calquera pobo, e en consecuencia cría que o rexurdimento dos udmurtos tiña que se basear na súa lingua a na súa cultura nacional. Na década de 1920 mentres estudaba no Instituto Superior traballou no estudo do folclore e das actividades da vida diaria dos udmurtos, e para facilitar que máis xente tirase arreo nesa dirección, principalmente estudantes en Moscova, creou a Sociedade Bölyak en 1922 na capital soviética. A partir de 1925 as autoridades emperazon a acusar ao movemento e aos seus líderes de limitacións nacionais e de secesionistas o que acabou na liquidación da sociedade en 1928Куликов К. И. (1993) Национально-государственное строительство восточно-финских народов в 1917—1937. Ижевск, pp. 156—157..

Gerd publicou arredor de 120 artigos sobre a cultura udmurta na prensa, principalmente en ruso pero tamén noutras linguas e escribiu máis de vinte libros, incluíndo tres coleccións de cancións populares. A súa tese de licenciatura, dedicada á etnografía udmurta, publicouse en 1993 co título Человек и его рождение у восточных финнов В. К. Кельмаков (2002) Удмурт но Перм кылтодонлэн историезлы Издательский дом "Удмуртский университет", p. 152 A partir de 1929 Gerd exerceu como un modesto profesor nunha escola do partido, e todos os intentos para mellorar a súa posición contaron coa oposición das autoridades.

Actividade literaria Gerd publicou os seus primeiros poemas, e en 1916 apareceu o seu primeiro poema de sona "Война". En 1919 publicou dúas pezas teatrais, Люгыт сюрес вылэ e Адзисьёс e varios dos seus poemas figuraban nunha escolma de poesía udmurta publicada nese ano, Сборник вотских стихотворений. En 1922 apareceu a súa primeira colección poética, Гусляр que bebía na tradición folclórica urdmurta e que nas súas dúas primeiras partes reflectía o pasado do pobo udmurto mentres na segunda glorificaba a revolución. Tamén escribiu un cento de poemas infantís e libros de lecturas para as escolas Шуныт зор, Выль сюрес. Tamén traduciu a peza teatral de Lev Tolstoi От ней все качества. Na súa segunda colección poética,Сяськаяськись музъем (1927) cantou á natureza das terras udmurtas e ás novidades soviéticas. Na terceira, Лёгетъёс (1931) exaltou a penetración dos logros soviéticos nas aldeas udmurtas, o cambio nas xentes e a liberación da clase obreira. En prosa publicou na prensa arredor de 50 relatos e sábese que escribiu unha novela, que non puido publicar en vida, sen que se coñeza o paradoiro do manuscrito "Кузебай Герд" Национальный музей Удмуртской Республики.

Notas

Categoría:Nados en 1898 Categoría:Finados en 1937 Categoría:Nados en Udmurtia Categoría:Escritores de Rusia Categoría:Escritores en lingua udmurta Categoría:Etnógrafos e folcloristas Categoría:Dramaturgos de Rusia Categoría:Tradutores do ruso