Seasat, tamén coñecido como Seasat 1, foi un satélite artificial da NASA lanzado o 27 de xuño de 1978 mediante un foguete Atlas F/Agena D desde a Base Vandenberg da Forza Aérea, en California.
Características Seasat foi o primeiro satélite que usou radar de apertura sintética (SAR) para estudar os océanos terrestres. A súa misión foi medir os ventos de superficie, a altura das ondas, as ondas internas, o contido de auga líquida na atmosfera, as características do xeo, a topografía oceánica e o xeoide mariño. O satélite proporcionaba unha cobertura do 95% dos océanos cada 36 horas.
A nave utilizou a etapa superior do seu lanzador Atlas F/Agena D como bus que proporcionaba enerxía, telemetría en banda S, control de actitude e funcións de mando e control. Estabilizábase nos tres eixos usando volantes de inercia e sensores de horizonte. A precisión que acadou nas súas medicións foron de 10 cm na medición de alturas, 2 m/s na medición da velocidade dos ventos e 1 °C na medición da temperatura.
O satélite funcionou sen problemas durante 105 días, ata o 10 de outubro de 1980 en que un curtocircuíto o deixou fóra de servizo.
Instrumentos Seasat levaba cinco instrumentos a bordo:
Un altímetro radar de pulsos en banda X cunha precisión de 10 cm. Un radar de apertura sintética (SAR polo seu acrónimo en inglés) funcionando en banda L (1,275 GHz cubrindo bandas de 100 km de superficie e 25 m de resolución vertical. A antena tiña unhas dimensións de 2,2 x 10,7 m. Un dispersómetro para medir a velocidade e dirección do vento funcionando en banda L e cunha precisión de 2 m/s. Un radiómetro de microondas multicanal para medir o vento en superficie e a temperatura da auga, así como o contido de auga na atmosfera, a taxa de choiva e a cobertura de xeo. Un radiómetro para lonxitudes de onda visible e infravermellas para identificar características nubosas, terrestres e acuáticas e producir imaxes térmicas do océano.
Notas
Véxase tamén
Outros artigos Atlas-Agena D Atlas F/Agena D
Categoría:Satélites artificiais