O tiburón tigreBUSCatermos tiburón tigre, que dá como referencia: Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos. Santiago de Compostela, Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, 2000 (Galeocerdo cuvier) é unha especie de tiburón carcarrínido e único membro existente do xénero Galeocerdo. É un macrodepredador relativamente grande, que pode chegar aos 5 m de lonxitude. Vive en moitos mares de augas tropicais e temperadas, e é especialmente común arredor das illas do Pacífico central. Non vive en augas atlánticas europeas. O seu nome común deriva das raias verticais do seu corpo, que lembran as do tigre, que se van esvaecendo conforme o tiburón madura.
O tiburón tigre é un cazador solitario e principalmente nocturno, que ten o maior espectro de fontes de alimentación de todos os tiburóns, desde crustáceos, peixes, focas, aves, luras, tartarugas e serpes mariñas ata golfiños e mesmo outros tiburóns máis pequenos. O tiburón tigre come tamén obxectos non comestibles feitos polo ser humano que quedan no seu estómago, e ten unha reputación de ser un "comedor de lixo". Aínda que está no cumio da cadea alimenticia como superdepredador, observáronse casos en que era depredado por candorcas. O tiburón tigre considérase "especie case ameazada" debido á súa pesca e captura para obter aletas de tiburón.
Taxonomía
Este tiburón foi descrito por Peron e Lesueur en 1822, e déuselle inicialmente o nome Squalus cuvier. En 1837, Müller e Henle renomeárono como Galeocerdo tigrinus. O xénero Galeocerdo deriva do grego galeos, 'tiburón' e do latín cerdus, 'seda de porco'.
O tiburón tigre pertence á orde Carcharhiniformes, que é a que ten maior número de especies entre os tiburóns, que son máis de 270, incluíndo os pequenos melgachos e os grandes peixes martelo. Os membros desta orde caracterízanse pola presenza dunha membrana nictitante nos ollos, dúas aletas dorsais, unha aleta anal e cinco fendas branquiais. O tiburón tigre é o membro de maior tamaño da familia Carcharhinidae. Esta familia consta principalmente de tiburóns delgados pero poderosos de tamaño medio a grande e inclúe a quenlla (Prionace glauca), tiburón limón (Negaprion brevirostris), e tiburón touro (Carcharhinus leucas).
Descrición
O tiburón tigre ten unha lonxitude normalmente de 3,25 a 4,25 m e pesa de 385 a 635 kg. Ás veces, os machos especialmente grandes poden chegar aos 4 m. As femias son maiores, e as excepcionalmente grandes chegan a medir 5 m. Unha femia capturada en augas de Australia mediu 5,5 m de longo e pesou 1.524 kg, aínda que se cre que o seu peso estaba aumentado con respecto ao normal, xa que estaba preñada. Informouse de exemplares aínda maiores, pero sen confirmación rigorosa.
O tiburón tigre está entre os tiburóns existentes máis grandes, só por detrás do tiburón balea (Rhincodon typus), o momo (Cetorhinus maximus) e o gran tiburón branco (Carcharodon carcharias). Algunhas outras especies como Megachasma pelagios, Somniosus pacificus, Somniosus microcephalus e Hexanchus griseus solápanse aproximadamente en tamaño co tiburón tigre, pero estas especies están comparativamente menos estudadas, e non está claro se o seu tamaño maduro típico se corresponde co do tiburón tigre. O gran peixe martelo Sphyrna mokarran, un membro da mesma orde taxonómica que o tiburón tigre, ten unha lonxitude media similar ou incluso maior, pero é menos pesado e voluminoso, cun peso máximo rexistrado de 580 kg.
Teñen uns dentes especializados para cortar a carne, ósos e outras substancias duras como as cunchas de tartarugas. Como a maioría dos tiburóns, os seus dentes son substituídos continuamente por ringleiras máis internas de dentes novos.
Pel A pel dun tiburón tigre pode ter unha cor de azul a verde clara cun ventre branco ou lixeiramente amarelo. A vantaxe desta cor débese a que cando está cazando unha presa, cando a presa ve ao tiburón desde arriba, o tiburón queda camuflado porque a auga que hai debaixo é máis escura. E cando a presa está debaixo e ve cara a arriba, debido á luz do sol, a auga é máis clara polo que o ventre claro do tiburón tamén lle serve de camuflaxe. Isto chámase contrasombreado. As manchas escuras e bandas son máis visibles nos tiburóns novos e vanse esvaendo a medida que o tiburón madura. A súa cabeza é un pouco con forma de cuña, o que facilita que poida xirar a un lado rapidamente. Teñen pequenas fosas no morro, que conteñen electrorreceptores chamados ampolas de Lorenzini, coas que poden detectar campos eléctricos, incluídos os febles impulsos eléctricos xerados polas presas, o que é moi útil na caza. Os tiburóns tigres tamén teñen un órgano sensorial chamado liña lateral, que se estende polos flancos na maioría da lonxitude do animal. O principal papel desta estrutura é detectar pequenas vibracións na auga. Estas adaptacións permítenlle cazar na escuridade e detectar presas agochadas.
Visión
Detrás da retina do ollo do tiburón hai unha capa reflectora chamada tapetum lucidum, que permite que as células sensibles á luz teñan unha segunda oportunidade para capturar fotóns de luz visible, potenciando a visión en condicións de pouca luz. Un tiburón tigre ten xeralmente aletas longas que lles dan forza ascensional cando o tiburón manobra na auga, e a parte superior da cola proporciona bruscas aceleracións cando é necesario. O tiburón tigre nada normalmente usando suaves movementos do corpo. O seu alto dorso e a aleta dorsal actúa como pivote, facilitando os xiros rápidos sobre o seu eixe, aínda que as aletas dorsais están caracteristicamente próximas á cola.
Distribución e hábitat 250px|miniatura|Un tiburón tigre novo nas Bahamas. miniatura|250px|Vídeo dun tiburón tigre novo na illa Lord Howe, Australia, de PLOS ONE.
O tiburón tigre encóntrase a miúdo preto da costa, principalmente en augas tropicais e subtropicais de todo o mundo. O seu comportamento é principalmente nómade, pero é guiado por correntes cálidas e permanece próximo ao ecuador nos meses máis fríos. Adoita permanecer en augas profundas ao longo de arrecifes, pero móvese por canles para perseguir presas en augas pouco profundas. Na parte occidental do océano Pacífico, estes tiburóns atópanse tan ao norte como o Xapón e tan ao sur como Nova Zelandia. Un tiburón tigre etiquetado no mar Caribe foi rastreado facendo unha migración ao cabo Cod; aínda que son especies tropicais, as augas cálidas da corrente do Golfo chegan ao cabo Cod en verán. A súa presenza tamén foi rexistrada no Mediterráneo pero só en dúas ocasións, en costas de España e de Sicilia.
Os tiburóns tigres poden verse no golfo de México, praias de Norteamérica e partes de Suramérica. Tamén se observan habitualmente no mar Caribe. Outras localizacións onde foron detectados son as costas de África, China, Hong Kong, India, Australia e Indonesia.
Certos tiburóns tigres foron rexistrados a profundidades de 900 m, pero algunhas fontes manteñen que se moven a augas pouco profundas que normalmente se consideran demasiado pouco profundas para unha especie do seu tamaño. Un estudo recente mostrou que como media o tiburón tigre se rexistra a profundidades de 350 m, o que fai que sexa moi pouco común que apareza en augas pouco profundas. Porén, os tiburóns tigres en Hawai foron observados en profundidades de tan só 3 m e observados regularmente en augas costeiras a profundidades de 6 a 12 m.
Almentación
O tiburón tigre é un predador situado no vértice da pirámide trófica e ten a reputación de comer calquera cousa. Estes predadores nadan preto da costa para comer de noite, e durante o día nadan cara á augas máis profundas.Tiger Sharks, Galeocerdo cuvier . marinebio.org Os tiburóns tigres novos depredan principalmente pequenos peixes e pequenas medusas, cefalópodos e outros moluscos. Cando medran ata os 2,3 m, ou chegan case á madurez sexual, a súa selección de presas amplíase considerablemente, e animais moito máis grandes pasan a ser as súas presas regulares. Numerosos peixes, crustáceos, aves mariñas, serpes mariñas, mamíferos mariños (por exemplo, os golfiños Tursiops, Delphinus, e Stenella, dugongos (Dugong dugon), focas e leóns mariños e tartarugas mariñas (incluíndo as tres grandes especies: a tartaruga mariña de coiro (Dermochelys coriacea),Tiger Sharks Killed for Eating Leatherback Turtles . Shark Defenders (2011-04-16). Consultado o 23 de marzo de 2013 a tartaruga mariña común (Caretta caretta)Shark Bay Ecosystem Research Project . .fiu.edu. Consultado o 23 de marzo de 2013 e a tartaruga mariña verde (Chelonia mydas),) son comidas regularmente polos tiburóns tigres adultos. Tamén comen outros tiburóns (como Carcharhinus plumbeus adultos) e raias, e algunhas veces mesmo comen outros tiburóns tigres.
Debido ao alto risco de ataques de predadores, os golfiños a miúdo evitan rexións habitadas polos tiburóns tigres. Estes tiburóns poden tamén atacar a baleas feridas ou doentes. Un grupo foi documentado atacando e matando unha balea xibardo (Megaptera novaeangliae) doente en 2006 preto de Hawai. O tiburón tigre tamén come prea de baleas mortas. Nun incidente documentado, foron observados comendo unha carcasa de balea xunto co gran tiburón branco.
Identificáronse probas de que depredan dugongos nun estudo no que se encontrou tecido de dugongo no estómago de 15 dun total de 85 tiburóns tigres estudados capturados nas costas australianas. Ademais, o exame de dugongos adultos mostrou a presenza de cicatrices causadas por ataques infrutuosos de tiburóns. Finalmente, os microhábitats de dugongos coinciden cos das presas dos tiburóns tigres cando os tiburóns son abundantes.
As mandíbulas largas e moi calcificadas e a boca case terminal, combinada cos seus dentes robustos e serrados, permítenlle ao tiburón tigre capturar estas grandes presas. Ademais, a súa vista excelente e agudo olfacto permítenlle reaccionar ante trazas moi febles de sangue e seguilas ata a súa procedencia. A capacidade de detectar as ondas de presión de baixa frecuencia permítelles avanzar cara a un animal con confianza, mesmo en augas avoltas. O tiburón nada en círculo arredor da súa presa e estúdaa empurrándoa co morro. Cando atacan, o tiburón a miúdo come a presa enteira, aínda que as presas grandes cómenas a miúdo dando trabadas grandes graduais e acabando pouco a pouco con elas.
Sorprendentemente, tecidos de mamíferos terrestres, como cabalos, cabras, ovellas, cans, gatos e ratas comúns, son bastante comúns nos contidos estomacais dos tiburóns tigres arredor das costas de Hawai. Nun caso, atopáronse restos de raposos voadores (megaquirópteros) no estómago deste tiburón. Debido ao seu estilo de alimentación agresivo e indiscriminado, a miúdo confunde con comida obxectos que son incomestibles, como placas de matrícula de automóbiles, latas de aceite, pneumáticos e pelotas de béisbol.
Eficiencia natatoria
Todos os tiburóns tigres nadan normalmente de forma lenta, o cal, combinado coa súa coloración críptica, pode facer que sexa difícil que as presas os detecten nalgúns hábitats. Están perfectamente ben camuflados contra fondos escuros. Malia a súa aparencia preguiceira, os tiburóns tigres son uns dos nadadores máis potentes dentro dos carcarrínidos. Unha vez que o tiburón se achega o suficientemente preto a unha presa, un rápido esprinte faille alcanzar a presa perseguida antes de que escape.
Reprodución