Aleksandr Vasilevich Kolchak (en ), nado en San Petersburgo o e finado en Irkutsk o 7 de febreiro de 1920, foi un mariñeiro, militar e explorador do Ártico ruso, caudillo do movemento antibolxevique coñecido como Movemento branco durante a guerra civil rusa, que dirixiu en Siberia un goberno oposto ao de Lenin desde novembro de 1918 ata febreiro de 1920.

Kolchak comezou a súa carreira como oficial, oceanógrafo e hidrólogo da Armada Imperial Rusa e foi membro e logo comandante de varias exploracións polares auspiciadas pola Academia de Ciencias de Rusia. A illa Kolchak, situada no mar de Kara, foi bautizada na súa honra. Durante a guerra ruso-xaponesa (1904-1905) distinguiuse no sitio de Port Arthur cando unha mina lanzada desde o destrutor ao seu mando afundiu o cruceiro xaponés Takasago. Despois da guerra foi un dos renovadores da frota rusa e participou na creación do Estado Maior da Armada, o equivalente da Stavka. Durante os primeiros anos do século XX, alternou os seus estudos científicos e exploracións coas súas tarefas de modernización da Mariña rusa no Estado Maior.

Unha vez comenzada a primeira guerra mundial, tomou parte en diversas accións en defensa do Báltico, a cuxa frota estaba asignado como capitán do buque insignia. En 1916, grazas aos seus actos de heroísmo e habilidades, converteuse no máis novo vicealmirante da Armada Imperial de todos os tempos e obtivo o mando da frota do mar Negro, onde se distinguiu de novo ao lograr controlar este e asegurar os transportes aos exércitos que combatían no Cáucaso. Despois da Revolución de Febreiro de 1917, apoiou ao Goberno provisional ruso, confiando en que axudaría a reforzar a moral e continuaría as operacións militares contra os Imperios Centrais ata a vitoria. A radicalización da situación política fíxolle, porén, abandonar o seu mando a finais do verán.

Debido á Revolución de Outubro e a firma do tratado de paz con Alemaña, aceptou converterse en ministro de Guerra do goberno ruso antibolxevique con sede en Omsk. En novembro de 1918, os social-revolucionarios foron expulsados do goberno antibolxevique de Omsk nun golpe de Estado e Kolchak foi elixido «gobernante supremo» de Rusia. Pese aos seus éxitos militares iniciais, mal apoiado polos seus aliados, cun mando militar mal coordinado e en ocasións insubordinado, unha administración ineficaz, corrupta e percibida como reaccionaria, tensas relacións coa Lexión Checoslovaca e os atamáns cosacos, perdeu o apoio da poboación local, cada vez máis propensa ao levantamento, e de parte das súas propias tropas durante a dura evacuación do inverno de 1919 a través de Siberia. A finais de 1919, os restos do seu exército e centos de milleiros de civís retiráronse en desorde para escapar da ofensiva bolxevique que tomou Omsk en novembro. Atrapado no ferrocarril na retirada e acosado por revoltas, levantamentos e o abandono dos checoslovacos que controlaban o Transiberiano, Kolchak foi arrestado por estes e entregado en Irkutsk aos rebeldes que se levantaran na súa contra, os cales o entregaron aos bolxeviques. Interrogado polas autoridades bolxeviques da cidade, a proximidade de tropas fieis á súa persoa e o temor a que fose rescatado levaron a que se decidise o seu fusilamento pouco despois, en febreiro de 1920.

Considerado un inimigo do pobo, totalmente esquecido como explorador do Ártico polos historiadores e periodistas soviéticos, a súa figura viuse rehabilitada na Rusia postsoviética.

Foi condecorado coas ordes de Santa Ana de primeira clase, San Xurxo de terceira clase, San Vladimiro de terceira clase e Santo Estanislau de primeira clase.

Vida e carreira temperás miniatura|250px|O Zaryá, a nave da expedición ártica de Toll (1902-03), na que participou Kolchak como terceiro oficial. Catro dos membros da expedición, incluíndo a Toll, perdéronse e Kolchak intentou atopalos sen éxito en 1903 na illa Bennet a bordo dun baleeiro. Aleksandr naceu na fábrica de armamento de Obukhov, ás aforas de San Petersburgo, o , nunha familia de clase media con tradición na armada, de ideas conservadoras e patrióticas. Fillo dun oficial naval procedente da pequena nobreza ucraína, Vasili Ivanovich Kolchak, xeneral de división da artillaría de mariña retirado, o mozo Aleksandr foi educado para seguir os pasos do seu pai. A súa nai, Olga Ilinichna Posokhova, proviña de Odesa e descendía da nobreza de Khersón. Asistiu á escola secundaria da capital rusa (entón San Petersburgo), graduouse segundo da súa promoción na Academia Naval de San Petersburgo en 1894 —tras seis anos de estudos— e uniuse ao 7º Batallón Naval da cidade. Aos poucos meses foi transferido ao Extremo Oriente a bordo do cruceiro acoirazado Riurik. A finais de 1896, en Vladivostok, trasladouse ao cruceiro Kreiser, no que realizou diversas viaxes polo océano Pacífico. Serviu nesta cidade de 1895 a 1899. O tempo libre que lle deixaban as súas tarefas na armada adicábao aos estudos oceanográficos e chamou a atención do explorador e almirante Makarov.

De volta ao oeste, foi destinado á base naval de Kronstadt. Kolchak sempre tivera interese polas exploracións do Ártico, e solicitou unirse á expedición polar do almirante Makarov. Porén, foi destinado ao novo acoirazado Petropavlovsk e máis tarde ao Kniaz Pozharsky durante o verán de 1900, para volver de novo ao Petropavlovsk, asignado á Frota do Pacífico. Ao facer escala no Pireo, Kolchak recibiu a noticia de que fora admitido na expedición polar do barón Toll de 1900, e retornou inmediatamente a San Petersburgo. Alí entregouse por completo aos seus estudos no Observatorio Físico Xeral e o Observatorio Magnético de Pavlovsk para prepararse para a expedición. A continuación, trasladouse a Oslo para aprender técnicas de exploración con Fridtjof Nansen. A expedición partiu cara á península de Taimyr e as illas do Ártico en xuño de 1900, con Kolchak como participante. Pasou os dous anos seguintes no Ártico. Ante a imposibilidade de continuar o avance en barco, Toll decidiu seguir a expedición a pé con tres homes mentres ordenaba o regreso do resto. Tras enfrontarse a considerables dificultades, Kolchak retornou en decembro de 1902 á capital; o outro grupo, Toll incluído, desapareceu nos xeos. Kolchak dirixiu voluntariamente unha expedición de rescate que finalmente descubriu indicios da morte de todo o grupo na primavera de 1903. Con característica lealdade e valentía, Kolchak pasou dezaoito meses no Ártico tratando de atopar aos membros da expedición e percorreu en bote máis de catrocentos quilómetros. miniatura|250px|esquerda|A frota rusa afundida en Port Arthur durante a guerra ruso-xaponesa. Kolchak participou nas batallas en mar e en terra.

Atopábase en Yakutsk recuperándose dos rigores da expedición, cando en marzo de 1904 estalou a guerra ruso-xaponesa. Solicitou e obtivo o permiso da Academia de Ciencias para reincorporarse á Armada. Camiño do Pacífico, detívose brevemente para casar en Irkutsk coa que fora a súa prometida durante os últimos catro anos, Sofia Fedorovna Omirova. Kolchak presentouse voluntario malia a súa mala saúde, e foi enviado a Port Arthur, onde foi asignado ao cruceiro Askold e posteriormente ao destrutor Amur. Finalmente foi trasladado ao destrutor Serdity, o primeiro buque ao seu mando; distinguiuse na defensa do acoirazado Sebastopol e gañou a Espada da Orde de San Xurxo por despregar o campo de minas que afundiu ao cruceiro xaponés Takasago. Cando se intensificou o asedio da base rusa, asignóuselle o mando dunha batería de 75 mm en terra. Posteriormente ferido, foi feito prisioneiro cando a cidade se rendeu en decembro de 1904. Permaneceu ingresado en Port Arthur ata o seu traslado a un hospital en Nagasaki, en abril de 1905. A súa mala saúde, con gromos de pneumonía e reumatismo, conduciu á súa repatriación polo Canadá na primavera de 1905.

Trala guerra e cun permiso de catro meses, a comezos de 1906, adicouse ao estudo do material recollido durante as súas dúas expedicións ao Ártico na Academia de Ciencias. En recoñecemento aos seus esforzos e exploracións, a Sociedade Xeográfica Imperial outorgoulle a Medalla Constantino, admitiuno como membro de pleno dereito e deu o seu nome a unha illa do mar de Kara. Por un tempo foi alcumado Kolchak-Poliarny («Kolchak o Polar»).

Membro do novo Estado Maior da Armada desde abril de 1906 ata 1909, Kolchak converteuse nun dos modernizadores da mariña de guerra rusa, afiliado ao grupo de mozos oficiais reformistas coñecido como «Círculo Naval Petersburgués». Defendeu en balde un ambicioso proxecto de construción naval para o que consideraba unha segura guerra con Alemaña no futuro próximo. Isto levouno a dimitir do seu traballo na Escola naval e no Estado Maior e volver á exploración.

Entre 1908 e 1910, estivo ao mando do crebaxeos Vaigach, un dos dous buques de casco metálico construídos para unha nova expedición ártica que debía probar a posibilidade de percorrer o Ártico durante o verán. Encargouse a preparación da expedición a Kolchak pola súa anterior experiencia na rexión. Chamado de volta á capital imperial en novembro de 1910, antes de poder continuar a expedición, para seguir co seu traballo na Armada ante a posibilidade dunha guerra con Alemaña, formou parte de novo do Estado Maior da Armada desde 1910 ata 1912. Kolchak convenceu á Duma para que incrementase os orzamentos navais, e tivo boas relacións coa cámara lexislativa. O principal cometido de Kolchak no Estado Maior era a modernización da frota e a súa preparación para a guerra con Alemaña.

Esgotado polo seu traballo no Estado Maior, cesou neste para unirse á frota do Báltico tras recibir o ofrecemento do seu comandante en 1912. Fíxose cargo do destrutor Ussuriets, principal buque da sección de minado da frota. Tras unha estancia en Libau, principal base da sección de minado, foi nomeado xefe de operacións pola súa capacidade e en 1913 comandante do destrutor Pogranichnik e capitán do cruceiro Rurik. En 1914 deixou o Pogranichnik e mantivo o mando do buque insignia da Frota do Báltico que mandaba o almirante Von Essen, o Rurik.

A primeira guerra mundial

miniatura|Kolchak lanzando o seu sabre pola borda para que non caia nas mans dos bolxeviques. O seu xesto foi moi apreciado polos círculos opostos á revolución, que lle enviaron unha réplica. Durante a guerra, Kolchak foi un dos oficiais máis activos da Frota do Báltico. Supervisou os vastos campos de minas da costa, tendidos para protexer a inferior frota rusa dos ataques da alemá, participou nas operacións de minado das bases navais alemás de Kiel e Danzig e comandou as forzas navais no golfo de Riga. En abril de 1915 foi ascendido a capitán. Pola súa participación na defensa de Riga, recibiu a máis alta condecoración militar rusa, a Orde de San Xurxo e ascendeu máis tarde a vicealmirante en xuño de 1916, sendo o home máis novo en obter tal rango, e déuselle o mando da Frota do Mar Negro (), en substitución do almirante Andrai Eberhart.