María Luz Castro Pena, nada no ano 1972 en Ferrol, é unha enxeñeira informática socia fundadora da empresa galega Imaxin Software e profesora na Universidade da Coruña.

Traxectoria É enxeñeira informática pola Universidade da Coruña e durante a súa etapa universitaria fundou a Plataforma polo Galego na Informática. Ao rematar a carreira creou cos seus socios Diego Vázquez Rey, Antonio Fernández Cabezas e José Ramom Pichel Campos a empresa Imaxin Software en 1997, onde dirixe a área de desenvolvemento de xogos educativos e produtos multimedia.

Entre os anos 2002 e 2004 foi vicepresidenta primeira da Mesa pola Normalización Lingüística. Dende o ano 2008 tamén é profesora interina na Facultade de Comunicación Audiovisual da Universidade da Coruña, onde imparte clases en materias do Grao en Comunicación Audiovisual así como noutros títulos como o Grao en Creación Dixital, Animación e Videoxogos ou o Máster Universitario en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos, este último na súa cidade natal, Ferrol. Entre 2008 e 2010 foi vicepresidenta da asociación de Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet), e dende 2012 é representante da asociación na Rede de Mulleres en Informática (MUIN).

Ademais, é membro do comité de dirección do Cluster TIC de Galicia, así como participante da Startup Galicia e da LaconNetwork. É cofundadora da Asociación galega de videoxogos e contidos interactivos Videoxogo.gal, sendo ademais a súa presidenta dende decembro de 2021. Forma parte do Comité de Sabias da Cátedra de Feminismos 4.0 da Universidade de Vigo. É socia da spin-off PhotoILike creada por investigadores/as da Universidade da Coruña no canto da busca das mellores imaxes a través de Intelixencia Artificial.

No 28 de abril do 2022 participou na iniciativa #FaiClic da CRTVG (onde colabora dende anos atrás). Esta iniciativa foi lanzada no Día Internacional das Nenas nas TIC para fomentar as carreiras tecnolóxicas entre as nenas galegas.

Premios e recoñecementos 2009 - Premio Eganet. Premio ao mellor ambiente de traballo para a súa empresa Imaxin Software. 2012 - I Premio Ada Byron. Outorgado o 23 de novembro polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG).

Notas

Categoría:Nados en 1972 Categoría:Nados en Ferrol Categoría:Profesores da Universidade da Coruña Categoría:Enxeñeiros informáticos Categoría:Enxeñeiros de software