Drosha é un encima ribonuclease III de clase 2 que nos humanos está codificado no xene DROSHA (anteriormaente RNASEN) situado no cromosoma 5. Intervén na maduración do miARN e na interferencia de ARN.
Función
Os membros da superfamilia da ribonuclease III de endorribonucleases específicas para ARN bicatenario participan en diversas vías de maduración e degradación do ARN en células eucariotas e procariotas. A RNase III Drosha é a nuclease central que executa o paso de iniciación do procesamento do microARN no núcleo celular.
Os microARNs (miARN) que se xeran desa maneira son moléculas curtas de ARN que regulan gran variedade de xenes ao interaccionar co complexo silenciador inducido por ARN (RISC) para inducir a clivaxe de ARNs mensaxeiros que presentan complementariedade de bases como parte da vía de interferencia de ARN. As moléculas de microARN sintetízanse como transcritos primarios longos chamados pri-miARN, que son despois clivados (cortados) por Drosha para producir unha estrutura característica en talo-bucle duns 70 pares de bases, chamada pre-miARN. Drosha forma parte do complexo proteico chamado Complexo microprocesador, que tamén comtén a proteína de unión ao ARN bicatenario Pasha (tamén chamada DGCR8). Pasha é esencial para a actividade de Drosha e pode unirse a fragmentos monocatenarios do pri-miARN que son necesarios para un correcto procesamento.
A proteína Drosha humana clonouse en 2000, unha vez que foi identificada como unha ribonuclease de ARN bicatenario nuclear implicada no procesamento de precursores do ARN ribosómico. Os outros dous encimas humanos que participan no procesamento e actividade do miARN son o Dicer e as proteínas Argonauta.
Tanto Drosha coma Pasha están localizadas no núcleo celular, onde ten lugar o procesamento do pri-miARN a pre-miARN. Esta última molécula continúa procesándose despois pola RNase Dicer dando os miARNs maduros no citoplasma da célula. Drosha e Dicer participan ambos tamén na resposta aos danos no ADN.
Importancia clínica
Drosha e outros encimas que procesan os miARNs poden ser importantes no prognóstico do cancro. Tanto Drosha coma Dicer poden funcionar como reguladores mestres do procesamento dos miARNs e comprobouse que exercen unha regulación á baixa en certos tipos de cancro de mama. Porén, a natureza da asociación entre o procesamento dos miARNs e a tumoroxénese non está clara.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Categoría:Hidrolases Categoría:ARN