Lepidopsetta polyxystra é un peixe teleósteo da orde dos pleuronectiformes, familia dos pleuronéctidos e subfamilia dos pleuronectinos,Lepidopsetta polyxystra Orr & Matarese, 2000 no WoRMS. unha das tres que integran o xénero Lepidopsetta.Lepidopsetta Gill, 1862 no WoRMS.
Como todos os peixes da familia dos pleuronéctidos, as especies deste xénero teñen o corpo aplanado, asimétrico, e cos dous ollos situados no lado pigmentado do corpo.
Taxonomía e nomenclatura
A especie foi descrita no ano 2000 polos biólogos estadounidenses James Wilder Orr e Ann Matarese Kiernan.
Antes dese ano, Lepidopsetta polyxystra e Lepidopsetta bilineata considerábanse como unha única especie dentro do xénero Lepidopsetta, pero un traballo de Orr e Matarese publicado en 2000 reorganizou o xénero en tres taxa separados.Orr, James W. & Matarese, Ann C. (2000): "Revision of the genus Lepidopsetta Gill, 1862 (Teleostei: Pleuronectidae) based on larval and adult morphology, with a description of a new species from the North Pacific Ocean and Bering Sea". Fishery Bulletin 98 (3): 539–82. Consultado o 18 de xullo de 2015.
Como resultado desta reclasificación, L. bilineata cambiou o seu nome en inglés, denomínandose agora "southern rock sole" para evitar a confusión coa especie L. polyxystra ou "northern rock sole".Rock Sole Lepidopsetta bilineata (South) and L. polyxystra (North) en Fish Watch, U. S. Seafoods Facts, NOAA.
Características
Trátase dun peixe mariño, demersal, que vive en fondos de area, lama e grava a profundidades de até os 700 m, aínda que comunmente se encontra entre os 19 e os 246 m. O seu hábitat natural son as augas temperadas do Pacífico norte, desde o estrecho de Puget,O estreito de Puget (ou Puget Sound) é un profundo entrante do océano Pacífico siuado na costa noroccidental dos Estados Unidos, no estado de Washington. e Alasca (onde coincide coa especie L. bilineata), as illas Aleutianas e, a través do mar de Bering até as illas Kuriles e o mar de Okhotsk (onde se comparte área de dispersión con L. mochigarei).Lepidopsetta polyxystra Orr & Matarese, 2000 en FishBase.
Os machos poden chegar até os 69 cm de lonxitude, mentres que as femias alcanzan tan só os 49 cm. A lonxevidade máxima rexistrada para esta especie é de 18 anos.
Bioloxía Papel no ecosistema A especie ocupa unha moderadamente alta posición na cadea alimentaria.
Alimentación
A dieta de Lepidopsetta polyxystra consiste principalmente en organismos do zoobentos, poliquetos e anfípodos.
Predadores Esta especie é depredada por mamíferos mariños e por outros peixes, incluíndo diversos tiburóns, o bacallau de Alasca (Gadus chalcogrammus) o bacallau do Pacífico (Gadus macrocephalus) e outros peixes planos, como o hipogloso do Pacífico (Hippoglossus stenolepis) e a limanda áspera (Limanda aspera).
Reprodución Lepidopsetta polyxystra alcanza a madureza reprodutiva entre os 4 e os 7 anos de idade. A desova prodúcese en inverno e principios da primavera. Os ovos son demersais e permanecen na superficie na que se depositan, A eclosión ocorre entre os 6 e os 25 días despois da posta.
Pesca comercial Lepidopsetta polyxystra péscase comercialmente e forma parte importante das pescarías de arrastre no mar de Bering e no golfo de Alasca. Aínda que a súa explotación foi excesiva nos anos 1960, as poboacións recuperáronse e hoxe en día estímase que a súa biomasa no mar de Bering e as illas Aleutianas é moi alta, até dúas veces o nivel necesario para o rendemento máximo sustentábel. En 2008 a súa biomasa estimada na pescaría do golfo de Alasca era dunhas 102.303 t, en comparación coas capturas, que oscilaron desde as 453 t en 2004 e as 4.330 t en 2006.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía Cooper, J. A. & F. Chapleau (1998): "Monophyly and intrarelationships of the family Pleuronectidae (Pleuronectiformes), with a revised classification". Fish. Bull. 96 (4): 686-726. Nelson, Joseph S. (2006): Fishes of the World. Nova York: John Wiley & Sons, Inc. ISBN 0-471-25031-7. Orr, J. W. (2000): "Revision of the genus Lepidopsetta Gill, 1862 (Teleostei: Pleuronectidae) based on larval and adult morphology, with a description of a new species from the North Pacific Ocean and Bering Sea". Fishery Bulletin 98: 539-582.
Outros artigos Pleuronectiformes Pleuronéctidos Lepidopsetta Lepidopsetta bilineata
Ligazóns externas Lepidopsetta polyxystra na EOL. Lepidopsetta polyxystra na ADW.
Categoría:Pleuronectiformes Categoría:Animais descritos en 2000 Categoría:Produtos da pesca