John Forbes Nash, Jr., nado en Bluefields (Virxinia Occidental) o 13 de xuño de 1928 e finado en Monroe Township (Nova Jersey) o 23 de maio de 2015 foi un matemático estadounidense que realizou contribucións fundamentais na teoría de xogos, a xeometría diferencial e as ecuacións en derivadas parciais.

En 1994 compartiu o Premio Nobel de Economía cos teóricos de xogos Reinhard Selten e John Harsanyi e en 2015 recibiu o premio Abel. A súa loita contra a esquizofrenia é a base da biografía escrita por Sylvia Nasar, A Beautiful Mind, e do filme homónimo protagonizado por Russell Crowe.

Traxectoria Nash naceu en 1928, fillo de John Forbes Nash, enxeñeiro eléctrico, e Margaret Virginia Martin, mestra de escola antes de casar. Nash asistiu ao parvulario e a escolas públicas e aprendeu de libros que lle deixaban os seus pais e os seus avós. Tras estudar matemáticas avanzadas no último ano de instituto pasou ao Carnegie Institute of Technology, dedicándose inicialmente á enxeñaría química. Finalmente, por consello do seu profesor John Lighton Synge cambiou ás Matemáticas, entrando na Universidade de Princeton.

Conseguiu o doutoramento en filosofía en 1950 cunha disertación de 28 páxinas sobre os xogos non cooperativos. A tese contén a definición e as propiedades do equilibrio de Nash, concepto fundamental dos xogos non cooperativos. Nash fixo tamén importantes contribucións noutros campos das Matemáticas.

En 2011 a Axencia Nacional da Seguridade desclasificou cartas escritas por Nash na década de 1950 nas que propoñía unha nova máquina de encriptamento e desencriptamento. As cartas amosan que Nash anticipara moitos conceptos da criptografía moderna.

En 1951 Nash foi contratado polo Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts (MIT) e un ano despois comezou unha relación coa enfermeira Eleanor Stier. Tiveron un fillo, John David Stier, pero Nash abandonou a Stier cando lle dixo que estaba embarazada.Goldstein, Scott (April 10, 2005) Eleanor Stier, 84; Brookline nurse had son with Nobel laureate mathematician John F. Nash Jr. , Boston.com News. Pouco despois coñeceu a Alicia López-Harrison de Lardé, salvadoreña nacionalizada estadounidense, graduada en Física polo MIT. Casaron en 1957. Cando estaba embarazada comezaron os primeiros síntomas da enfermidade de Nash.

A enfermidade mental de Nash comezou a manifestarse en forma de paranoia. En abril de 1959 foi ingresado no Hospital McLean, onde estivo ata o mes de maio. Alí diagnosticáronlle esquizofrenia paranoide. En 1961 ingresou no Hospital Estatal de Nova Jersey en Trenton e nos seguintes nove anos pasou tempadas en hospitais psiquiátricos, recibindo medicación antipsicótica e terapia de shock con insulina.

Despois de 1970 non volveu ser ingresado e rexeitou toda a medicación.

En 1978 recibiu o John von Neumann Theory Prize polo seu descubrimento dos equilibrios non cooperativos e en 1999 gañou o Leroy P. Steele Prize. En 1994 recibiu o Premio Nobel de Economía xunto con John Harsanyi e Reinhard Selten, polo seu traballo na teoría de xogos durante a súa estadía en Princeton.

O 23 de maio de 2015, John e Alicia Nash morreron nun accidente de taxi cando volvían á casa trala visita a Noruega, onde Nash recibira o premio Abel. O condutor perdeu o control do vehículo e os dous pasaxeiros foron propulsados fóra do coche.

Notas

Véxase tamén Bibliografía Acocella, Nicola e Di Bartolomeo, Giovanni (2006), ‘Tinbergen and Theil meet Nash: controllability in policy games’, en: ‘Economics Letters’, 90(2): 213–218. Acocella, Nicola e Di Bartolomeo, G. e Piacquadio, P.G. , ‘Conflict of interest, (implicit) coalitions and Nash policy games’, en: ‘Economics Letters’, 105: 303–305.

Ligazóns externas Páxina de John F. Nash, Jr. en Princeton IDEAS/RePEc Vídeo: Ariel Rubinstein's Lecture: "John Nash, Beautiful Mind and Game Theory" "Nash Equilibrium" artigo do 2002 en Slate de Robert Wright NSA releases Nash Encryption Machine plans to National Cryptologic Museum for public viewing, 2012

Libros e coleccións da Princeton's Mudd Library, incluíndo unha copia da súa disertación "A Brilliant Madness " – documental de American Experience (PBS)

Categoría:Matemáticos dos Estados Unidos de América Categoría:Nados en Virxinia Occidental Categoría:Nados en 1928 Categoría:Finados en 2015 Categoría:Premio Nobel de Economía Categoría:Alumnos da Universidade de Princeton Categoría:Profesores do Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts Categoría:Finados en accidente de tráfico Categoría:Premio Abel