Carmen Babiano Méndez-Núñez, nada en Santiago de Compostela en 1852 e finada en Pontevedra o 2 de setembro de 1914, foi unha pintora galega correspondente ao movemento realista de finais do século XIX.

Traxectoria Era filla de José Babiano Rodríguez, coronel do exército, e de María del Carmen Clara Méndez Núñez, irmá do célebre almirante Casto Méndez Núñez. Sendo moi nena trasladouse a vivir a Pontevedra cos seus pais, ao domicilio da súa tía Soledad quen residía nun palacete, a villa Méndez Nuñez. Rodeada dun ambiente cultural e sendo partícipe das múltiples reunións e faladoiros que se celebraban no seu fogar, ás que acudían os persoeiros máis relevantes da época nos ámbitos da política, cultura etc., Carmen pronto destacou como unha pintora con moita proxección de futuro. O seu talento foi fomentado polos seus pais que lle procuraron clases de pintura co pintor catalán Ramón Vives Ayné, que se encontraba destinado no Instituto de Pontevedra.

Participou en varias exposicións con éxito notable. A súa obra destaca polo seu realismo, aínda que carece dun estilo propio. Ademais do óleo practicou a técnica do debuxo, realizando espléndidos cadros da vida cotiá que foron publicados nalgunhas revistas. Foi colaboradora da revista La Ilustración Gallega y Asturiana.

En 1883 casou co médico Víctor Mendoza Muñoz, momento no que antepoñería o apelido Mendoza ao de Méndez-Núñez, polo que nalgúns círculos a coñecen como Carmen Babiano Mendoza. A partir dese ano deixou de lado a súa faceta pictórica, aínda que o seu fogar seguiría aberto ao máis florido da cultura pontevedresa. Por ese salón pasaron, entre outros, o pintor Carlos Sobrino, a escritora Emilia Pardo Bazán, o músico Manuel Quiroga Losada, o arqueólogo Casto Sampedro, os irmáns Andrés e Jesús Muruais, etcétera.

Deixou un legado artístico que consta de máis de 100 obras pictóricas que hoxe se conservan no Museo de Pontevedra.

Traballos miniatura|As pitas. En 1875 participou na Exposición Rexional e Industrial e Artística de Galicia de Santiago de Compostela, onde presentou dous óleos e dúas paisaxes a lapis, copia de gravados, todos de carácter realista. No mesmo ano, nos Xogos Florais de Pontevedra, conseguiu a medalla de bronce cun Ecce Homo. En 1878, na Coruña, presentou un retrato do seu tío, o almirante Méndez Núñez. Na Exposición Rexional de 1880 celebrada en Pontevedra presentou o cadro titulado Unha nena dando de comer a unhas galiñas ou As pitas, onde destaca o realismo que caracteriza a súa obra.

Realizou moitos debuxos, bosquexos anatómicos, paisaxes, bodegóns. Desenvolveu unha temática moi variada na súa obra, manténdose sempre dentro dun realismo case fotográfico.

Gravados publicados na revista La Ilustración Gallega y Asturiana: Ruinas da igrexa de Santo Domingo de Pontevedra (1879) Cercanías de Pontevedra (1881): "Río de Pelamios", "Olería no camiño do Lérez", "Grupo de casas no barrio da Moureira"

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Categoría:Pintores de Galicia do século XIX Categoría:Nados en Santiago de Compostela Categoría:Nados en 1852 Categoría:Finados en 1914 Categoría:Pintores de Galicia coa obra no dominio público