A coroa de fogo, ou mitra de lume, é unha lenda medieval focalizada principalmente na cidade galega de Monforte de Lemos, e na súa comarca, a Terra de Lemos, lugar no que gozou dun tradicional e senlleiro arraigo popular. Foi levada á literatura en numerosas ocasións, e tense especulado coa súa posíbel orixe xermánica, por mor da existencia de tradicións orais e escritas de corte moi semellante, identificadas en Alemaña.
Argumento miniatura|page=5|Unha das versións literarias da lenda, neste caso en verso: A mitra de ferro ardente, de Galo Salinas (1894). Basicamente a trama argumental xira en torno a un pasadizo subterráneo que uniría o pazo condal de Monforte de Lemos coa igrexa de San Vicente do Pino; durante unha ausencia do Conde de Lemos, que parte a cumprir con encomendas reais, o abade do Mosteiro bieito de San Vicente, serviríase do corredor para lle facer as beiras á filla do conde; nalgunhas versións, porén, trátase da súa dona. Ao retorno do conde, e informado do lance amoroso, convida ao abade a un opíparo xantar; cando ordena que traian a sobremesa, un servente do conde trae unha coroa de ferro tan quente que roxaba, coa que coroa ao abade, provocándolle a morte. Nunha das versións a represalia ten a súa orixe nunha liorta relativa á propiedade de certas leiras, e noutras nunha negativa dos freires a abriren o citado pasadizo; esta última é a versión de Antolín López Peláez.
Na literatura A primeira mención escrita da lenda é a glosada por Frei Martín Sarmiento, un intelectual que se ocupou na súa vasta obra da historia e tradicións de Galiza. A seguinte mención é o texto de José Pastor de la Roca La corona de fuego o los subterráneos de Altamira, que ten a particularidade de involucrar ademais de Monforte, cidades españolas como Toledo, Granada, ou Almería. Tras dela, a hoxe esquecida novela por entregas Horrores del feudalismo: la torre de los vampiros, de Antonio San Martín, que glosa a lenda.
De 1878 é La corona de fuego, do novelista e historiador Benito Vicetto, que tamén menciona a historia na súa novela Los Hidalgos de Monforte. A versión máis popular e coñecida foi no seu momento a de Amor Meilán, La corona de fuego o el secreto de una tumba, publicada en 1893. Galo Salinas publicou a súa versión en verso e en lingua galega en 1894, co título de Lenda de horrore!. A mitra de ferro ardente. Nicolás Taboada e mais Heraclio Pérez Placer tamén editaron a súa propia versión, mais actualmente só se conserva un fragmento da obra do segundo, escrita en galego.
Unha característica común a moitas destas obras é o anacronismo, xa que nun mesmo relato se aglutinan personaxes que xamais chegan a coincidir historicamente no tempo; actualmente a práctica totalidade das edicións atópanse descatalogadas, sendo de difícil localización os exemplares.
Versión popular e versión histórica A lenda provocaría deformacións na tradición oral, que chegan a especular coa existencia, non xa dun pasadizo entre o palacio condal e o mosteiro, senón coa existencia dun corredor subterráneo que chegaría desde o palacio ao río Cabe, presuntamente para poder abeberar os cabalos nun posíbel asedio. Porén, en xeral os historiadores descartaron a autenticidade da lenda, restrinxíndoa a unha fabulación histórica. Até datas moi recentes, considerábase unha invención a totalidade da fábula, e así considerárono historiadores como Germán Vázquez ou Manuel Hermida Balado. Porén, recentes estudos de documentación orixinal do convento, en poder dunha familia particular, revelaron a certeza da existencia dun pasadizo que unía o pazo e a igrexa, e que tiña o fin de dar un acceso directo dos condes a esta. Así, recóllese na citada documentación que sería o VIII Conde de Lemos, Francisco Ruíz de Castro, irmán de Pedro Fernández de Castro e Andrade, VII Conde de Lemos, o que remataría a cuestión fechando o pasadizo, que resultaba oprobioso á comunidade monacal:
A versión do Abade García miniatura|300px|Sepulcro do Abade García, no Mosteiro de San Vicente do Pino, de Monforte de Lemos; é unha das dúas sepulturas popularmente relacionadas coa lenda. Relaciónase a historia cun sepulcro granítico existente na igrexa de San Vicente, e correspondente ao Abade Don Diego García III, un monxe do que se teñen poucas referencias, en parte debido á perda dos arquivos do mosteiro nun espectacular incendio. O sepulcro fica xunto á porta principal da igrexa, no muro da Pía bautismal, nun oco baixo un arco de volta perfecta, e coa inscrición en latín a seguir;
Manuel Murguía, Otero Pedrayo, Vilariño e Amor Meilán, relacionan o cadaleito coa lenda, e Vilariño afirma que, abrindo o sepulcro, podíanse apreciar as marcas da mitra ardente: "persoa que presenciou o acto de abrir o sarcófago indicou que contén varios ósos soltos e que no cranio se notaba contra as tempas a pegada que debeu producir a queimadura", mentres que Otero Pedrayo afirma que "aberta hai moitos anos a caixa, atopouse o cranio con pegadas do círculo de lume". Na caixa pétrea, tal e como recolle Germán Vázquez na súa "Historia de Monforte", pódense apreciar pegadas de pancas e ocos ennegrecidos produto dos curiosos que ao longo da historia se teñen servido de lapas e isqueiros para ver os restos do abade, costume de moito arraigo entre os cativos da vila.
A versión de Frei André Pardo miniatura|esquerda|300px|Sarcófago con estatua xacente de Frei André Pardo, atopada en 1932 baixo a praza de España de Monforte de Lemos, e conservada no Museo Provincial de Lugo. Cara a el apunta outra versión da lenda, cun certo sostén documental.
Outra das versións tradicionais apuntan ao sepulcro de Frei André Pardo, Abade do Mosteiro de San Vicente, cuxa estatua sepulcral consérvase no Museo Provincial de Lugo. Trátase dun sarcófago con estatua xacente executada en pedra mármore, probabelmente do Incio; vestido de pontifical, descansa sobre a parte superior do seu corpo, e a testa sobre coxíns ricamente decorados. Dous anxos axeonllados flanquéano, e as mans enluvadas sosteñen un báculo. No interior dos arrodeos da voluta, aparece unha minúscula imaxe da Virxe de Montserrat, patroa de Monforte de Lemos, e aos seus pés as armas dos Taboada, familia nobre orixinaria de Monforte. Esta suntuosa estatua foi encontrada en 1932, nas obras de remodelación da Praza de España de Monforte (praza que era antiga localización da desaparecida Igrexa de Santa María da Régoa) e se especulou con que a puidesen mandar construír os propios Condes de Lemos, "como se quixesen honrar en morte a quen aldraxaron en vida". Nun rexistro de escrituras do mosteiro, asinado por Frei Mauricio en 1613, relátase o seguinte;
O documento non deixa dúbidas de sobre quen se nos está a falar; trátase do mesmo Monxe cuxa estatua funeraria se atopou en 1932. Isto desemboca noutra versión da lenda, que apunta a Frei André Pardo como a vítima do crime, e que se aparta do móbil pasional para o situar no contexto dunha lea por terras e propiedades. Dada a cronoloxía na que data o suceso, polo ano 1512, o executor tería sido Fernando Ruíz De Castro Osorio e Portugal, IV Conde de Lemos. A pesar de todo iso, a lenda en si segue a resultar historicamente máis que dubidosa, e incluso o documento referenciado non fala de primeira man e refírese a rumores: "Din uns e outros (...)"; iso sen ter en conta que o incendio que arruinou o fondo documental do mosteiro levou a creación dalgúns comprobados falsos históricos, por mor de que os Beneditinos, ao perderen practicamente o groso da súa documentación , reescribiron de cor moitos os documentos desaparecidos.
Porén, a popularidade da lenda provocou a crenza popular que atribúe propiedades curativas á cabeza do Abade, que se manifestarían ao pasar a man sobre ela; isto levou unha forte e visíbel deterioración desta parte da escultura.
Véxase tamén Bibliografía Amor Meilán, M. (1893): La corona de fuego o el secreto de una tumba. Arribas Arias, Fernando e outros dous (2003): Guía do Museo Provincial de Lugo. Lugo. ISBN 84-8192-226-9. Chamoso Lamas, M. (1979): Escultura funeraria en Galicia. Ourense. ISBN 84-85314-19-2 Hermida Balado, Manuel (1969): Lemos: pequeña historia de un lugar de mucha historia. Madrid. [s.n.], Artes Gráf. Fénix. Pérez Placer, H. (1894?): A coroa de fogo. Piñeiro Pérez, María José (1992): El arte gótico en Lugo. Lugo. ISBN 84-86824-21-4 de la Roca, J. P. (1863): La corona de fuego o los subterráneos de Altamira. Novela histórica. Rodríguez Fernández, Carlos (1987): "Estudio artístico de la Iglesia y Monasterio de Monforte de Lemos", no Boletín do Museo Provincial de Lugo. ISBN 84-505-2269-3 Salinas, G. (1894): Lenda de horrore!. A mitra de ferro ardente. de San Martín, A. (1871): Horrores del feudalismo: la torre de los vampiros. Novela por entregas. Taboada Fernández, N. (1894): La corona de fuego. Vázquez, Germán: Historia de Monforte. ISBN 84-241-9865-4 Vicetto, B. (1878): La corona de fuego.
Ligazóns externas "Un relato sin base histórica que fue tratado por Benito Vicetto y otros escritores gallegos", La Voz de Galicia, 8 de maio de 2004 . "La corona de fuego y el pasadizo de San", artigo de Vicente, Felipe Aira Pardo . "Judíos y conversos en Monforte de Lemos", artigo de Felipe Aira Pardo . A mitra de ferro ardente, texto na Biblioteca Virtual Galega. La corona de fuego o los subterráneos de Altamira, texto na Biblioteca Miguel de Cervantes
Categoría:Mitoloxía galega Categoría:Monforte de Lemos Categoría:Lendas medievais Categoría:Historia medieval de Galicia