Hedwig Eva Maria Kiesler, nada en Viena o 9 de novembro de 1914 e finada en Casselberry (Florida) o 19 de xaneiro de 2000, foi unha actriz e inventora austríaca.
Traxectoria
Primeiros anos e cinema Hedy foi filla única dunha pianista, Gertrud "Trude" Kiesler (nacida Lichtwitz) e un banqueiro xudeu, Emil Kiesler. O seu pai procedía de Lemberg, no reino de Galicia e Lodomeria, daquela parte do Imperio Austríaco (agora Lviv en Ucraína) e era, na década de 1920, vicedirector do Wiener Bankverein e, nos seus últimos anos, director do Creditanstalt-Bankverein. A nai de Hedy Lamarr, pianista e natural de Budapest, proviña dunha familia de clase alta xudeu-húngara. Convertérase ao catolicismo e, como «cristiá practicante», educou a súa filla no cristianismo, aínda que Hedy non foi bautizada formalmente.
De nena, Lamarr mostrou interese por actuar e fascinábanlle o teatro e o cinema. Con doce anos gañou un concurso de beleza en Viena. Tamén lle interesaban as invencións tecnolóxicas, e o seu pai explicáballe como funcionaban durante paseos polo campo.
Cando tiña dezaoito anos protagonizou o filme Ekstase, de Gustav Machatý, no que interpretaba unha moza casada cun home vello e indiferente. O filme foi famoso por unha escena na que Lamarr nada e corre espida polo bosque. O primeiro marido de Lamarr, Friedrich Mandl, o terceiro home máis rico de Austria, tratou de comprar todas as copias do filme que puido. Malia ser medio xudeu, Mandl vendeu munición a Italia e Alemaña. Na súa autobiografía indica que Adolf Hitler e Benito Mussolini acudiron a festas na súa casa.
Finalmente Lamarr non soportou o control á que a sometía o seu marido e decidiu separarse. Disfrazouse ela e a súa asistenta (aínda que ela mesma dixo que algunha anécdota da súa autobiografía fora inventada por un “negro”) e voaron a París. Pouco despois en Londres coñeceu a Louis B. Mayer, quen a contratou e lle deu o seu nome artístico.
En Hollywood interpretou personaxes arquetípicas: mulleres glamurosas e sedutoras de orixe exótica, como Dalila en Samson and Delilah. A partir de 1950 a súa carreira declinou e apareceu só esporadicamente en filmes.
Inventos O compositor George Antheil era veciño de Lamarr en California e experimentara con instrumentos musicais de control automático. Durante a segunda guerra mundial Lamarr e Antheil falaban da posibilidade de crear torpedos controlados por radio. Lamarr aprendera sobre armamento asistindo a conferencias co seu primeiro marido. Ambos desenvolveron a idea de usar unha especie de piano que empregaba unha temperá versión do salto en frecuencia. Porén, a mariña estadounidense non adoptou o sistema ata a crise dos mísiles de Cuba en 1962, cando a patente xa expirara. Hedy Lamarr intentou entrar no National Inventors Council, mais algúns membros como Charles F. Kettering indicaron que axudaría máis se empregaba a súa sona para a promoción de bonos de guerra.
As ideas de Lamarr e Antheil serviron de base para os modernos sistemas de comunicación, como o Bluetooth, o COFDM e o CDMA. Na actualidade celébrase no Día do Inventor o aniversario do nacemento de Lamarr.
Pasamento Tras anos de reclusión na súa casa, finou en 2000. O seu fillo Anthony Loder esparexeu as súas cinzas nos bosques de Viena, de acordo co desexo da súa nai.
Filmografía Ano Filme 1930 Geld auf der Straße 1931 Sturm im Wasserglas 1931 Die Koffer des Herrn O.F. 1932 Man braucht kein Geld 1933 Ekstase 1938 Algiers 1939 Lady of the Tropics 1940 I Take This Woman 1940 Boom Town 1940 Comrade X 1941 Come Live with Me 1941 Ziegfeld Girl 1941 H.M. Pulham, Esq. 1942 Tortilla Flat 1942 Crossroads 1942 White Cargo 1944 The Heavenly Body 1944 The Conspirators 1944 Noite na alma 1945 Her Highness and the Bellboy 1946 The Strange Woman 1947 Dishonored Lady 1948 Let's Live a Little 1949 Samson and Delilah 1950 A Lady Without Passport 1950 Copper Canyon 1951 My Favorite Spy 1953 The Lovers of Paris 1957 The Story of Mankind 1958 The Female Animal
Véxase tamén
Bibliografía
De Marchi, Vichi (2020). Ellas son de ciencias : Historias, pasiones y sueños de 15 científicas. Madrid: Ediciones del Laberinto. ISBN 978-84-1330-038-2
Ligazóns externas Páxina oficial Hedy Lamarr Foundation Patente 2292387, de Hedy Kiesler Markey (Hedy Lamarr)
Hedy Lamarr en Reel Classics Entrevista Virtual History
Categoría:Actores de cinema dos Estados Unidos de América Categoría:Nados en Viena Categoría:Nados en 1914 Categoría:Finados en 2000 Categoría:Inventores Categoría:Actores de cinema de Austria