Mirza Begić, nado o 9 de xullo de 1985 en Bijeljina, é un ex xogador profesional de baloncesto con pasaporte esloveno. Cunha altura de 2,16 metros, xogaba na posición de pivote.
Traxectoria Club Begić comezou a xogar profesionalmente no KK Sloboda Tuzla bosníaco, onde estivo ata o ano 2002. Alí fixo o seu debut coma profesional na tempada 2001-02 na liga bosníaca. En 2002 trasladouse a Eslovenia, onde pasou por tres equipos en tres anos: o KK Koper, o filial do KK Union Olimpija e o Triglav Kranj. Na súa primeira tempada na liga eslovena, Begić acadou 7.0 puntos, 5.0 rebotes e 1.7 minutos por encontro.
No ano 2004, fichou polo Virtus Bologna italiano, pero na primeira tempada foi cedido ó Huy Basket belga, onde fixo 6.3 puntos e 4.2 rebotes por partido. Na seguinte tempada xa en Boloña, foi cortado polo equipo. Na tempada 2006-07, volveu a Eslovenia, ó fichar polo KD Slovan. Alí mellorou os seus rexistros, chegando a case 10 puntos e 6 rebotes por encontro na Liga ABA e na liga eslovena. Ó remate da tempada, presentouse ó Draft da NBA de 2007, pero non foi elixido por ningún equipo.
O 30 de xullo de 2007, asinou un contrato de dous anos co KK Union Olimpija, equipo co cal debutou na Euroliga. Nesta segunda etapa no Union Olimpija, gañou ligas e dúas copas eslovenas, nos anos 2008 e 2009. O 24 de novembro de 2008 renovou o seu contrato por dúas tempadas máis, pero na tempada 2009-10 fichou polo Žalgiris Kaunas lituano, onde se proclamou campión da Baltic Basketball League no ano 2010.
O 18 de xaneiro de 2011, Begić fichou polo Real Madrid da Liga ACB ata o remate da tempada 2012-13. Begić debutou co Real Madrid o 30 de xaneiro de 2011 na vitoria do seu equipo por 61-62 na pista do Assignia Manresa. Begić contribuíu con dous puntos saíndo dende o banco. Na tempada 2011/12, proclamouse campión da Copa do Rei na vitoria do Real Madrid sobre o FC Barcelona Regal por 74-91, onde achegou 10 puntos, 4 rebotes e 2 tapóns. Na tempada seguinte, a 2012/13, gañou a Liga ACB e a Supercopa de España. Ademais, disputou a final da Euroliga, onde o Real Madrid perdeu por 100-88 contra o Olympiacos grego.
Foi precisamente o Olympiacos o equipo que fichou por dous anos a Begić ó remate da tempada, o 20 de xullo de 2013. Tras unha tempada, deixou o Olympiacos.
O 20 de setembro de 2014, Begić asinou un contrato dun ano co Union Olimpija. O 19 de novembro de 2014, rematou a súa segunda etapa no club esloveno para asinar un contrato dun mes co Laboral Kutxa da Liga ACB. O 24 de decembro de 2014, estendeu o seu contrato co Laboral Kutxa ata o remate da tempada.
O 21 de setembro de 2020, Begić anunciou a súa retirada coma xogador profesional ós 35 anos de idade.Mirza Begic retires at 35
Selección Begić comezou a súa traxectoria coma internacional na selección sub-20 de Eslovenia, coa que disputou en Rusia o Eurobasket sub-20 no ano 2005. Eslovenia rematou na 10ª praza, e Begić foi o máximo taponador do torneo, ó facer 5.5 tapóns por encontro en 8 partidos disputados.
Xa coa selección absoluta, disputou o Eurobasket de 2011, no que Eslovenia rematou na 7ª posición. Begić rematou o torneo sendo o máximo taponador, con 1.9 tapóns por partido, e o décimo máximo reboteador, con 6.5 rebotes por encontro. No ano 2013 xogou de novo o Eurobasket con Eslovenia, rematando na 5ª posición, e sendo de novo un dos máximos taponadores do campionato, con 1.5 por partido.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Perfil en Euroleague.net Perfil en ACB.es
Categoría:Nados en 1985 Categoría:Xogadores de baloncesto de Eslovenia Categoría:Xogadores de baloncesto da ACB Categoría:Pivotes de baloncesto Categoría:Xogadores do KK Union Olimpija Categoría:Xogadores do Virtus Bologna Categoría:Xogadores do BC Žalgiris Kaunas Categoría:Xogadores do Real Madrid Baloncesto Categoría:Xogadores do Olympiacos BC Categoría:Xogadores do Saski Baskonia Categoría:Xogadores do Bilbao Basket Categoría:Xogadores do KK Cedevita Categoría:Xogadores do KK Mornar Bar