Eminescu é un cráter de impacto cun pico central anular, que está situado no hemisferio norte do planeta Mercurio, o cráter ten uns 125 km de diámetro. Xa que hai moi poucos cráteres superpostos sobre el, Eminescu semella ser un cráter novo formado hai preto de mil millóns de anos. Este cráter posúe unha morfoloxía a medio camiño entre as morfoloxías que posúen cráteres moi complexos, coma o Raditladi, e as morfoloxías de cráteres máis pequenos cun simple pico central.

O material espelido e as cadeas concéntricas ó redor do cráter esténdense cara a fora nunha lonxitude igual ó radio deste, partindo dende o propio bordo do cráter, e sendo esta área de maior altitude cás chairas de cráteres circundantes. As paredes interiores do cráter están degradadas polos derrubes, formando bloques ben definidos de material. O chan do cráter está composto por estruturas complexas, incluíndo depósitos de material espelido, materiais fundidos e posiblemente rochas colocadas polo vulcanismo efusivo.

Os picos centrais de azul brillante (en cores falsas) do interior do cráter están dispostos en círculo, formando un pico en anel. Os cumes presentan propiedades de cor pouco comúns, semellantes ás dos depósitos brillantes que se poden ver nos chans doutros cráteres de Mercurio. O chan do cráter, tanto dentro como fóra do pico en anel, está cuberto por suaves chairas escuras, que parecen cercalo. Estas chairas son probablemente de orixe volcánica. Ademais dende o pico en anel ata preto das paredes do cráter, hai áreas cubertas por un material brillante. Estas á súa vez están subdivididas en chairas suaves brillantes no ángulo nordeste de Eminescu, cubrindo esa área de manchas e terreos accidentados. Estas manchas brillantes poderían estar producidas por pequenos impactos que fundiron o material adxacente.

O cráter recibiu o seu nome en honra a Mihai Eminescu, poeta romanés (1850–1889).

Notas

Categoría:Cráteres de Mercurio