O perdigueiro galego é unha raza de cans de orixe galega. É un can de caza de mostra, especializado na caza de pluma (perdiz, arcea e paspallás). Tamén recibe o nome popular de "can das perdices".
A partir da década dos setenta, coa introdución de razas foráneas, foi moi mesturado e practicamente absorbido polos pointer ingleses e os braco alemáns, o que causou o declive e a práctica desaparición desta raza. Nestes momentos estase intentando recuperar a partir dos poucos exemplares que aínda se poden atopar en maior ou menor pureza, dispersos polas provincias de Lugo e Ourense.
Orixe As súas orixes remóntanse ao tipo antigo de braco italiano que, orixinariamente, chegou á Península Ibérica cos romanos e estableceuse en toda a zona comprendida entre o norte da provincia da Lusitania e o suroeste do que hoxe é Francia, sufrindo cambios morfolóxicos nas diferentes rexións xeográficas. Outras razas relacionadas son o perdigueiro portugués, perdigueiro de Burgos, pachón navarro ou de Vitoria, braco español e o braco francés (tipo Gascuña e tipo Pireneos).
Distribución xeográfica A súa área de distribución abrangue toda a zona noroccidental da Península Ibérica, en zonas de terreo quebrado de bosque e monte baixo, con toxeiras e abundante vexetación arbustiva.
Era frecuente velos nas zonas ourensás da Mezquita e Viana do Bolo, así como nos concellos do Riós, Laza e A Veiga.
Morfoloxía É un can de tipo bracoide, de tamaño mediano, eumétrico e mesomorfo; ben proporcionado, de aspecto rexo, con peito amplo e con estrutura sólida, trotador, de movementos flexibles, forte e resistente. É excelente como can de mostra e bo cobrador tanto na terra coma na auga.
Teñen unha altura á cruz de 55–60 cm nos machos e de 50–55 cm nas femias.
Véxase tamén Ligazóns externas Perdigueiro galego, Consellería de Medio Rural
Categoría:Razas de cans Categoría:Razas autóctonas de Galicia Categoría:Artigos de Galicia sen imaxes