José Roberto Gama de Oliveira, coñecido como Bebeto, nado en Salvador o 16 de febreiro de 1964, é un exfutbolista e político brasileiro. Considerado un dos mellores dianteiros da historia do seu país, foi un prolífico goleador, autor de preto de 400 goles en partidos oficiais. Xogou en tres dos catro grandes equipos do Río de Xaneiro (Flamengo, Vasco da Gama e Botafogo) e destacou tamén no Deportivo da Coruña, sendo o sexto máximo goleador histórico do club galego e un dos seus maiores ídolos.
Iniciou a súa carreira profesional no Vitória da súa cidade natal, antes de fichar en 1983 polo Flamengo, no que militou durante os seguintes seis anos. Marcou máis dun cento de goles oficiais co Mengão, co que gañou o Campionato Brasileiro e o Campionato Carioca, sendo dúas veces máximo goleador da liga estatal. A continuación fichou polo máximo rival histórico do club rubro-negro, o Vasco da Gama, gañando un segundo Campionato Brasileiro en 1989 e proclamándose máximo goleador nacional en 1992, xusto antes de fichar polo Deportivo da Coruña. A súa chegada á Coruña, xunto á do seu compatriota Mauro Silva, supuxo un punto de inflexión na historia do club e marcou o inicio do chamado Super Dépor. Xogou un total de 154 partidos oficias nas súas catro tempadas no Deportivo, co que marcou 102 goles. Gañou unha Copa do Rei e unha Supercopa de España e conseguiu dous subcampionatos de liga.
Internacional coa selección brasileira entre 1985 e 1998, formou unha célebre dupla atacante con Romário. Gañou a Copa América de 1989, sendo o máximo goleador do torneo, e proclamouse campión do mundo en 1994, tras derrotar na final a Italia. No Mundial de 1998 acadou de novo a final, tendo como compañeiro a Ronaldo, pero o equipo brasileiro perdeu ante Francia. É o sexto máximo goleador da historia da selección, cun total de 39 goles en 75 partidos.
Trala súa retirada do fútbol entrou en política e ocupou durante 12 anos o cargo de deputado da Asemblea Lexislativa do Río de Xaneiro. É pai do tamén futbolista Mattheus Oliveira.
Traxectoria
Como futbolista
Inicios Naceu e criouse no barrio da Ribeira, na zona da Cidade Baixa da cidade baiana de Salvador, sendo un dos dez fillos de Wilson Carvalho de Oliveira e da súa esposa dona Carmen. Seguindo os pasos de seu irmán Luís Augusto, futbolista entre outros do Bahia e do Galícia, comezou a xogar ao fútbol en torneos infantís do barrio do Barbalho e probou tamén no fútbol sala, militando na Associação Atlética da Bahia. Aos 16 anos foi convencido polo seu irmán para facer unha proba co Bahia, onde foi aceptado.
Vitória (1ª etapa) Permaneceu apenas un mes na canteira do club, antes de cambiar ao máximo rival deste, o Vitória, do que era afeccionado dende pequeno. Debutou co primeiro equipo en 1982 e axiña comezou a destacar, sendo convocado pola selección brasileira sub-20 que dirixía Jair Pereira. Tras conquistar o Campionato Suramericano sub-20 de 1983, recibiu unha oferta do Vasco da Gama, pero foi finalmente o Flamengo o que se fixo cos seus servizos.
Flamengo (1ª etapa) Debutou co equipo do Río de Xaneiro o 23 de marzo de 1983, da man do adestrador Paulo César Carpegiani, nun partido do Campionato Brasileiro diante do Tiradentes do Piauí, encontro que rematou con vitoria por 2-0. Na súa primeira campaña proclamouse campión brasileiro, cun equipo que contaba con destacados xogadores como Zico, Leandro, Mozer, Adílio, Júnior ou Baltazar, e que estaba dirixido por Carlos Alberto Torres. Contou con minutos no partido de ida da final ante o Santos no Morumbi, disputando o segundo tempo como substituto de Júlio César Barbosa. Marcou o seu primeiro gol coa camiseta rubro-negra en xullo dese mesmo ano, fronte ao Goytacaz no Campionato Carioca, competición na que o Flamengo acabou subcampión por detrás do Fluminense.
Xa asentado na titularidade, repetiu subcampionato carioca na campaña de 1984. O equipo acadou o triangular final, no que Bebeto marcou o gol na vitoria por 1-0 sobre o Vasco, sendo este o seu primeiro tanto nun Clássico dos Milhões, considerado un dos derbis de maior rivalidade do mundo. Con todo, a derrota ante o Fluminense no derradeiro partido deulle o título de novo ao club tricolor. O 20 de abril dese ano debutou na Copa Libertadores, marcando o primeiro dos cinco goles do seu equipo ante o Santos (5-0). Marcou tamén ante o América de Cali e fíxolle dous goles ao Grêmio, pero o Flamengo quedou a un paso de meterse na final, á que accedeu finalmente o equipo de Porto Alegre. O ano pechouse traxicamente para Bebeto, pois o 20 de decembro perdeu ao seu irmán Nílton, falecido nun accidente de aviación no Pico da Caledônia, en Nova Friburgo, no que perdeu a vida tamén o seu compañeiro no Flamengo Figueiredo. O accidente afectou profundamente a Bebeto, que pensou en deixar o fútbol, sendo a súa contorna a que o animou a continuar a súa carreira.
En 1985 acadou de novo o triangular final do Carioca, marcando outra vez un gol, pero o campionato volveu ir parar ao Fluminense. 1986 foi o ano da súa consagración, converténdose nun dos maiores ídolos do fútbol carioca. Sumou o seu segundo título co Flamengo, ao gañar o Campionato Carioca tras derrotar na fase final ao Vasco de Gama, club no que destacaba xa o seu futuro compañeiro de ataque Romário. Dita final disputouse a tres partidos, rematando sen goles os dous primeiros. No terceiro e definitivo, Bebeto abriu o marcador, que pechou o seu compañeiro Júlio César Barbosa, dándolle ao Flamengo un título estatal que non gañaba dende había cinco anos. Bebeto rematou como o terceiro máximo goleador do campionato, con 16 goles, superado só por Romário e Roberto Dinamite.
En 1987 perdeu a parte inicial da tempada pola rotura dun brazo, pero trala súa reaparición rendeu a un gran nivel e entrou definitivamente na historia do fútbol do seu país, grazas aos seus goles no polémico Campionato Brasileiro daquel ano, marcado polas disputas organizativas. Encadrado o Flamengo no chamado Módulo Verde, Bebeto anotou o único gol na ida das semifinais contra o Atlético Mineiro no Maracanã e marcou tamén na vitoria por 2-3 no encontro de volta na Beira-Rio. Volveu marcar no primeiro encontro da final, abrindo de cabeza o marcador ante o Inter de Porto Alegre, antes de que Amarildo colocase o 1-1 final. No partido de volta anotou un dos goles máis importantes da súa carreira, superando a Cláudio Taffarel e facendo o único tanto do encontro, proclamándose así campión da Copa União e, segundo o Flamengo e outras institucións, tamén campión brasileiro, manténdose unha disputa xudicial sobre este asunto durante as seguintes décadas.
En 1988 proclamouse máximo goleador do Campionato Carioca, con 17 tantos, un máis que Romário, e chegou a marcar catro goles nunha vitoria por 6-0 sobre o Goytacaz. O equipo acabou subcampión, tras perder a final ante o Vasco. Tamén destacou como goleador no Brasileirão, con 15 dianas, cifra só superada por Nílson, dianteiro do Inter. Marcou ademais o primeiro gol do Flamengo na Supercopa Suramericana, competición que celebraba ese ano a súa edición inaugural. Na seguinte campaña, con Telê Santana como adestrador, Bebeto volveu ser o máximo artilleiro da liga carioca, con 18 dianas, volvendo marcar catro goles nun partido contra o Nova Cidade, pero volveu perder na final, desta vez diante do Botafogo.
Vasco da Gama (1ª etapa) Considerado naquel momento o mellor futbolista do Brasil xunto a Romário, recibiu ofertas de varios clubs europeos, como o Bayern de Múnic, a Juventus ou o Olympique de Marsella, pero continuou xogando no seu país. En 1989 o seu pase foi parar á Federación de Fútbol do Estado do Río de Xaneiro e ante a lentitude do Flamengo para a súa renovación, foi o Vasco da Gama quen conseguiu facerse co futbolista, grazas á actuación do presidente do club, Antonio Soares Calçada, que finxiu non ter interese no xogador cando a súa fichaxe xa estaba acordada. Cando os directivos do Flamengo reaccionaron xa era tarde e Bebeto converteuse en novo futbolista do Vasco. A súa polémica fichaxe polo seu máximo rival histórico, enfadou a moitos seareiros do Flamengo, que o acusaron de traidor, situación que empeorou polas declaracións do xogador afirmando ter dende pequeno unha simpatía polo club acrecentada polo feito de que o seu propio avó se chamaba Vasco da Gama.
Deixou o Flamengo como o sétimo máximo goleador da historia do club, con 151 goles en 308 partidos (contando encontros amigables), ocupando na actualidade o oitavo posto. É ademais o segundo máximo artilleiro da historia do club no Campionato Brasileiro, con 41 dianas (superado só por Zico).
Debutou co Vasco o 17 de setembro de 1989, nun partido do campionato brasileiro fronte ao Santos na Vila Belmiro, e marcou o primeiro dos dous goles do seu equipo no partido (2-1). Titular nun equipo que contaba con xogadores como Andrade, Paulo Roberto, Luiz Carlos Winck, Marco Antônio Boiadeiro, William, Bismarck, Sorato ou Mazinho, foi unha peza fundamental para Nelsinho Rosa, contribuíndo con seis goles á conquista do título nacional por parte do equipo vascaíno, o segundo da historia do club, despois de derrotar na final ao São Paulo. As súas grandes actuacións no ano 1989, tanto no Flamengo, como no Vasco e na selección, valéronlle varios premios, entre eles o de Craque do Ano da revista Placar e o de Futbolista Suramericano do Ano.
En 1990, a pesar do retorno de Roberto Dinamite, o Vasco quedou sen ningún título, ao non se clasificar para as finais do Campionato Brasileiro, e despois de perder o Carioca fronte a Botafogo. Bebeto disputou por segunda vez a Copa Libertadores, marcando un gol e caendo nos cuartos de final ante o Cerro Porteño. Completou a campaña cun total de 11 goles, repetindo un "póker" de dianas ante o Cabofriense no campionato estatal. Os resultados do club foron semellantes na tempada seguinte, a pesar do incremento de goles de Bebeto, que acabou como segundo máximo goleador do Campionato Carioca, con 15 tantos, dous menos que Gaúcho.
En 1992 o Vasco da Gama, liderado polos goles de Bebeto, que facía dupla atacante con Edmundo, protagonizou unha gran primeira fase do Campionato Brasileiro, liderando a táboa por diante do Botafogo e do Bragantino. Con todo, unha serie de empates na segunda fase deixárono fóra da final, que acabou gañando o Flamengo. Bebeto rematou como o máximo goleador do campionato, con 18 goles, 6 máis que os seguintes clasificados (Chicão e Paulinho McLaren), e recibiu a Bola de Prata como un dos once mellores futbolistas do torneo.
Deportivo da Coruña O seu gran rendemento no Brasil chamou a atención do fútbol europeo, recibindo ofertas de varios clubs, entre eles o Deportivo da Coruña e o Borussia Dortmund. Aínda que se informou de que a súa fichaxe polo Borussia xa estaba pechada, en xullo o presidente do Deportivo da Coruña, Augusto César Lendoiro, viaxou ao Río de Xaneiro co propósito de contratalo. Alí conseguiu convencer ao futbolista, e sobre todo á súa esposa Denise, de que rexeitase a oferta do club alemán e aceptase a do coruñés, que acabou pagando uns 2,5 millóns de dólares ao Vasco da Gama polos seus servizos. A súa fichaxe (unha das que tivo maior repercusión nos medios da historia do Deportivo), xunto á do tamén brasileiro Mauro Silva, que se pechou na mesma viaxe de Lendoiro, supuxo un punto de inflexión na historia do club, que viña de ascender á Primeira División só un ano antes, e que sufrira para manterse na máxima categoría na tempada que acababa de rematar.
Bebeto foi presentado xunto ao orosán Juanito nun multitudinario acto en Riazor, con milleiros de seareiros nas bancadas. Debutou coa camiseta do Deportivo nun partido amigable ante o Lugo no Anxo Carro, marcando un triplete na vitoria coruñesa por 0-6.