Héctor Ramón Zelaya Rivera (tamén coñecido como Pecho de Águila) nado o 12 de agosto de 1957 en Trinidad (Santa Bárbara), é un exfutbolista hondureño, que xogaba de defensa. Debutou no fútbol hondureño nas filas do Motagua e no Mundial de 1982 entrou na historia do fútbol do seu país ao marcar o primeiro gol da selección hondureña nunha Copa do Mundo. Tralo Mundial fichou polo Deportivo da Coruña, pero os problemas co seu xeonllo impedíronlle debutar en partido oficial, retirándose do fútbol pouco despois, con só 24 anos.
Traxectoria Naceu na localidade de Trinidad, no departamento de Santa Bárbara, nunha familia con cinco fillos. Comezou a xogar ao fútbol descalzo nas rúas da súa Trinidad natal, onde recibiu o alcume de "Peito de León", debido á súa particular forma de correr sacando peito. En 1975 instalouse en Tegucigalpa, tras asinar un contrato como novo xogador do Motagua, cobrando un salario de 75 lempiras mensuais.
O 7 de marzo de 1976, con 18 anos, debutou na Liga Nacional hondureña nun partido no que o seu equipo derrotou ao Campamento de Olancho por 1-0 no Estadio Nacional. No Motagua coincidiu con destacados futbolistas hondureños como Ramón "Primitivo" Maradiaga ou Ángel Obando e conquistou o título de liga na tempada 1978/79, tras derrotar na final ao Real España por 1-0 en Tegucigalpa, e logo por 4-1 en San Pedro Sula. Na súa etapa no Motagua Pedro Atala Simón transformou o seu alcume en "Peito de Aguia".
A súa actuación no Mundial de 1982 valeulle a súa fichaxe en xullo dese mesmo ano polo Deportivo da Coruña, que militaba na Segunda División. Debutou nun partido amigable contra os Pumas da UNAM mexicanos en Riazor, no que xogou a primeira parte, perdendo por 1-3. Xogou tamén algúns minutos no trofeo Concepción Arenal contra o Racing de Ferrol e o Compostela, pero xa non volvería vestir máis veces a camiseta branca e azul, ao acentuarse os problemas no seu xeonllo dereito que o obrigaran a pasar polo quirófano antes do Mundial. Co menisco danado, foi operado de novo en Barcelona e non puido debutar en partido oficial co equipo galego, que con Arsenio como adestrador, quedou ás portas do ascenso a Primeira tras a célebre derrota contra o Rayo vallecano na derradeira xornada.
Ao remate da tempada regresou ao seu país e ao Motagua, onde se retirou pouco despois, con só 24 anos, despois dunha quinta cirurxía no xeonllo. Trala súa retirada dedicouse ao negocio do café en Honduras. Durante máis dunha década dirixiu un proxecto con rapaces marxinados dos barrios de Tegucigalpa, chamado "Fútbol para la vida", no que se involucraron máis de 15.000 nenos.
Selección nacional Case inmediatamente despois do seu debut na máxima categoría hondureña co Motagua, Héctor Zelaya foi convocado por Rodolfo “Popo” Godoy, xunto a Gilberto Yearwood e Porfirio Betancourt entre outros, para formar parte da selección xuvenil que participou no Campionato sub-20 da Concacafe en Porto Rico, que outorgaba dúas prazas para a primeira edición da Copa do Mundo sub-20, que se ía celebrar en 1977 en Tunisia. O equipo hondureño acadou a final, onde se mediu a México, nun partido que se decidiu na quenda de penaltis. Zelaya anotou o seu lanzamento, pero a vitoria foi para o conxunto mexicano.
Xa en Tunisia, a selección hondureña venceu a Marrocos e Hungría, pero caeu ante o Uruguai, acabando na segunda posición do seu grupo, do que só se clasificaba para a seguinte rolda o primeiro. A pesar da eliminación, boa parte daquela prometedora xeración acabou formando parte da selección absoluta que acadaría os mellores resultados da súa historia.
En 1980 foi convocado por primeira vez por Chelato Uclés para a selección absoluta de Honduras, coa que participou nos partidos clasificatorios para o Mundial de 1982 en España, conseguindo unha histórica clasificación tras vencer a Haití, Cuba e o Canadá e empatar contra O Salvador e México.
Xa en España foi un dos once xogadores que saltaron ao campo do estadio Luis Casanova de Valencia no histórico debut de Honduras nunha Copa do Mundo, xogando contra a selección anfitrioa. No minuto 8 marcou o gol máis importante da súa carreira, tras desfacerse da marcaxe de Miguel Tendillo e superar cun disparo ao célebre gardameta Arconada. A pesar do posterior empate, o gol de Zelaya converteuno nunha das maiors celebridades no seu país. Foi titular tamén nos outros dous partidos do Mundial, un empate a un gol ante Irlanda do Norte e unha derrota pola mínima contra Iugoslavia.
Notas Amplío
Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en bdfutbol.com Datos do xogador en fifa.com Información sobre o xogador en wordpress.com
Categoría:Nados en 1957 Categoría:Nados en Honduras Categoría:Futbolistas de Honduras Categoría:Defensas de fútbol Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores da selección de fútbol de Honduras