thumb|Cuculus canorus bangsi + Sylvia atricapilla A papuxa das amoras (Sylvia atricapilla) é unha pequena especie de ave do xénero Sylvia dentro da familia Sylviidae. É un pequeno paxaro de cor escura e discreta, chío agradable, voo áxil, comportamento activo e inquedo, que se alimenta de insectos e froitas. Habita principalmente no sotobosque e está amplamente distribuída por Europa. Trátase dunha papuxa común, e localmente abondosa, que está moi repartida por toda Galicia.

Descrición Mide entre 13 e 15 cm de lonxitude, cunha envergadura de entre 20 e 23 cm, e un peso duns 14 a 20 g. Presenta o cranio lixeiramente aplanado. O peteiro (en ambos os dous sexos adultos) é de cor negra coa mandíbula inferior gris lousa. Os tarsos e mailos pés son gris azulado. O iris é de 3,5 mm de diámetro e de cor marrón claro.

Plumaxe A primeira ollada ten un aspecto discreto e insignificante, xa que a sobriedade da súa plumaxe permítelle pasar desapercibida para todo aquel que non aprenda a identificala, que a confundirán co pardal común cada vez que a vexan voar (ocorrendo isto máis veces do que cabe imaxinarse).

O macho, para quen sabe identificar esta especie, resulta inconfundible; o macho adulto presenta as súas partes superiores (laterais da testa, do pescozo e o peito) de cor verde oliva, ou ben pode describirse como un ton pardo cinsento. Os cadrís son gris claro. O ventre branco. A súa cola e as ás son dun gris denegrido. Obsérvase unha carapucha negra rechamante que non pasa os ollos. A femia diferénciase do macho principalmente pola carapucha que é parda ou marrón avermellada. O resto das partes superiores son pardo oliváceas, e os lados da cara son dunha cor agrisada. O peito e mais os laterais son dun ton máis pálido, algunhas veces riscados de cinsento, presentando sempre unha cor máis parda cá do macho. Os exemplares inmaturos son semellantes ás femias adultas, coa carapucha marrón xenxibre. Quizais se poida apreciar nas costas e lombo das ás unha cor máis avermellada cá nos adultos. A cor das partes inferiores, como son o peito e os laterais, preséntanse considerablemente máis escuros cá nos adultos.

Nota: Apenas se observan diferenzas entre as distintas subespecies de Sylvia atricapilla, no entanto, morfoloxicamente si que poderían atoparse lixeiras diferenzas doadamente apreciables.

Distribución Globalmente É unha ave basicamente europea. Cría en case toda Europa, nas Illas Canarias, noroeste de África e Asia occidental. Migrador parcial. De presenza permanente nas Illas Británicas, no suroeste de Francia, en toda Italia, no suroeste dos Balcáns e en toda a Península Ibérica, onde se caracteriza por ser un dos paxaros máis abondosos a todos os niveis, aínda que no inverno aparecen en maior número coa chegada de multitude de aves que arriban cara finais de setembro e no mes de outubro, procedentes doutros puntos de Europa, xa que como é citado anteriormente case todo a continente forma parte da área de cría dos migrantes estivais.

As 9 subespecies existentes, distribúense do seguinte xeito:

S. a. atricapilla (Linnaeus en 1758). Europa e Norte mediterráneo. S. a. dammholzi (Stresemann en 1928). Cáucaso e Norte de Irán. S. a. pauluccii (Arrigoni en 1902). Mediterráneo central e Leste.

S. a. koenigi (Jordans en 1923). É unha consideración na que existen desacordos, segundo a cal sería unha subespecie de pauluccii.

S. a. heineken (Jardine en 1830). Endémica da Macaronesia. Presente en Madeira, Illas Canarias, sur da Península Ibérica e noroeste de África. S. a. gularis (Alexander en 1898). Cabo Verde e Illas Azores. S. a. atlantis. Subespecie endémica dos Azores.

S. a. obscurus. Subespecie endémica das Canarias. Nas cinco illas máis occidentais do Arquipélago Canario, agás Fuerteventura e Lanzarote. S. a. riphaea (Snigirewski, 1931). Sen fontes que indiquen a súa distribución

En España En España localízanse 4 subespecies distintas de Sylvia atricapilla.

A nominal, S. atricapilla atricapilla, que se atopa amplamente espallada por toda a metade norte peninsular fóra dos espazos deforestados que se achan nas diferentes zonas da submeseta norte, Val do Ebro e nos páramos ibéricos. Outra subespecie, S. atricapilla heineken, distribúese pola metade sur da Península Ibérica e Illas Canarias, localizándose de xeito máis fragmentado en puntos específicos e locais, cunha poboación en maior ou menor medida continuada ao longo de toda Serra Morena e Sistema Bético, aínda que non está presente no Val do Guadalquivir así como nunha ampla franxa que se espalla dende Cáceres, A Mancha e Albacete, continuando até as costas levantinas. A subespecie S. atricapilla pauluccii, distribúese polas Illas Baleares (onde aparecen as poboacións máis occidentais), sendo menos frecuente en Eivissa e Formentera. Tamén se localiza esta subespecie en Canarias, criando en todas as súas illas, sobre todo en zonas ben forestadas con árbores desenvolvidas e sotobosque, no bordo inferior da laurisilva. Crese que cría en Ceuta e Melilla. Segundo o atlas nacional de Purroy (1997), atópase tamén en Serra Morena e no Sistema Bético. Por último, a subespecie S. atricapilla obscura, que é endémica de Canarias.

Hábitat É unha especie forestal que aniña en terreos arborados, sombríos e con denso sotobosque, aínda que tamén poden facelo en parques, sebes e xardíns con abondosa vexetación.

Altitudinalmente esta especie ocupa rangos moi dispares, dende o nivel do mar até os 1.500 m (en Tenerife), mesmo 1.700 m en Pireneos centrais ou os 1.800 no Sistema Central e 1.850 m nas Cordilleiras Béticas.

Poboación e estado de conservación A poboación mundial da papuxa das amoras considérase crecente. En Europa calcúlanse entre 25 e 49 millóns de parellas, con tendencia ó aumento. As poboacións locais desta especie poden oscilar en torno ó 50% ou incluso máis. Coñécese que poboacións en Alemaña e Austria aumentaron o número de parellas nos anos 80. Non obstante, localmente falando, noutros puntos concretos como pode ser o Arroyo de Calamocarro (Ceuta), onde se establece como unha ave residente común, estudos realizados entre os anos 1998 e 2007 indican que a poboación desta especie tan só se mantén estable, incluso con tendencia a un leve descenso a pesar do aumento progresivo da produtividade e unha taxa de recuperación neutra.

En España calcúlanse aproximadamente entre unhas 850.000 e 1.500.000 parellas (como poboación nidificante). A densidade de poboación en época de reprodución, medida en número de aves por cada 10 hectáreas (aves/10 ha), varía nas diferentes zonas e hábitats da Península Ibérica, sendo de entre 0'2 e 3'3 no norte peninsular, de entre 0'2 e 1'83 en bosques de faias ou de entre 0'24 e 0'7 en Pinus sylvestris do centro. As densidades vense aumentadas a entre 2'6 e 6'2 en Pinus pinaster do centro e a 6'6 en campiñas con vexetación arbustiva do centro, baixan a 1'7 en aciñeirais supramediterráneos do centro, aumentan a 7'6 en aciñeirais de montaña do sur peninsular e a 8'4 en carballeiras de montaña do sur, así como baixa a entre 0'3 e 2 en parques urbanos do centro peninsular. En Salamanca calcúlanse densidades de entre 1'2 e 2'5 de aves por cada 10 ha. En Galicia estímanse entre 2'8 e 6'9 aves por cada 10 ha.

Na actualidade, a papuxa das amoras considérase globalmente no mundo como unha especie fóra de perigo en canto ó seu estado de conservación, clasificándose como unha especie LC (Least Concern ou Preocupación Menor), e por tanto é unha especie non incluída na Lista Vermella da UICN (1996).

En España a papuxa das amoras é considerada unha especie con categoría de "Interese Especial" (segundo o Real Decreto 439/1990), no Catálogo Nacional de Especies Amenazadas elaborado polo Ministerio de Medio Ambiente, constando como especie "Non Ameazada" no Libro Rojo de los Vertebrados de España (1992).

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas Colección de vídeos en Internet Bird Collection (páxina en inglés): Blackcap videos Fotos e descrición en Madeira Birds (páxina en inglés): Blackcap

Categoría:Aves de Galicia Categoría:Sílvidos Categoría:Animais descritos en 1758 Categoría:Aves de Eurasia