Ramiro Isla Couto, nado en Arnois (A Estrada) o 8 de marzo de 1896 e finado en Vigo o 5 de decembro de 1987, foi un empresario e dinamizador cultural da emigración galega.
Traxectoria Emigrou en 1911 a Buenos Aires, onde estudou na Escola de Comercio, e traballou cun tío seu en diversos negocios. Nesa primeira mocidade na Arxentina ingresou na Asociación Cultural Terra, de ideario galeguista.
En 1919 regresou a España, onde participou na Guerra Hispano-marroquí. Neses anos trabou contacto con outros mozos esquerdistas e galeguistas, como Xaime Quintanilla Martínez e Luís Porteiro Garea. Ingresou na Irmandade Nazonalista Galega de Vicente Risco e nas Irmandades da Fala, e en 1923 volveu a Buenos Aires. Alí fundou con Eduardo Blanco Amor a revista Terra, a primeira publicación integramente en galego da emigración. Na Arxentina converteuse en dinamizador cultural do galeguismo, creando asociacións, colaborando en Céltiga e no periódico A Fouce, e recadando fondos para o Seminario de Estudos Galegos. Tamén en Buenos Aires coñeceu a Manuel Antonio, que paraba no porto bonaerense na súa navegación. miniatura|Integrantes e colaboradores de Terra. En 1931 regresou a Galicia e nese mesmo ano participou na fundación do Partido Galeguista, onde ocupou unha cadeira no seu Consello Nacional en representación da emigración. O golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 colleuno en Verín: foi detido o 29 de decembro e encarcerado primeiro na vila do Támega,Acto conmovedor en la prisión de esta villa , La Región, 4 de febreiro de 1937 o 27 de marzo de 1937 foi trasladado a Vigo e posto en liberdade sen cargos o 2 de abril.
Pasou ao Porto e con Ramón Obella Vidal, e en contacto con Rodolfo Prada e os nacionalistas galegos da Arxentina, mantiveron unha rede de evasión dende mediados de 1937 até finais de 1938 empregando como pantalla o Instituto bioquímico Miguel Servet, que permitiu a moitos republicanos galegos fuxir de Galicia e pasar ao bando leal.As redes de fuga da Galiza franquista promovidas polos nacionalistas
Exiliouse a Francia, onde actuou como delegado das Sociedades Hispanas Confederadas, e máis tarde a Cuba e a México, arrivando a Veracruz o 19 de outubro de 1939 no buque Colonial. Nese país fundou con Carlos Velo e Arturo Souto a revista Saudade, e despois marchou a Venezuela, Colombia e de novo Venezuela. A partir de 1956 volveu definitivamente a Galicia, onde se dedicou a distintas tarefas de recuperación cultural no grupo Galaxia, con xente como o seu irmán Xaime Isla Couto ou Ramón Piñeiro.
Obra A semente caía en terra propicia: cartas ao meu benquerido irmán Xaime (2022). Fundación Isla Couto. 208 páxs. Recoñecementos
Recibiu a Medalla Castelao en 1986.
Vida persoal Casou en Buenos Aires con Inmaculada Concepción (Chita) Lamas Barreiro, filla do agrarista Francisco Lamas Salgado e irmá do pintor Francisco Lamas Barreiro, o 20 de abril de 1929.Céltiga, 104, 25-4-1929, p. 15. Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Outros artigos Terra (1923) Xaime Isla Couto Fundación Penzol
Ligazóns externas
Fundación Isla Couto
Categoría:Políticos de Galicia Categoría:Medallas Castelao Categoría:Exilio galego Categoría:Galegos da Arxentina Categoría:Galegos de México Categoría:Galegos de Venezuela Categoría:Galegos de Cuba Categoría:Galegos de Colombia Categoría:Nados na Estrada Categoría:Nados en 1896 Categoría:Finados en 1987