Nísiros é unha illa grega situada ao sur do mar Exeo. Forma parte do arquipélago do Dodecaneso e da rexión administrativa homónima cuxa capital é Rodas.

Xeografía A súa superficie é de 41 km² sendo o seu punto máis alto unha cima de 638 m, de orixe volcánica. É o volcán máis novo do mar Exeo, sendo a súa última erupción en 1887. O cráter do volcán mide 4 km de diámetro. A illa está rodeada de catro illotes tamén de orixe volcánica dun dos cales, o illote de Yali, extráese a pedra pómez dunha mina que cobre un terzo da súa superficie e que ten cincuenta anos de actividade, case no centro de Nisiros, na meseta de Lakki, atópase o cráter do volcán extinto Polibotes, de 260 m de diámetro e unha profundidade de 30 m. O aire circundante está saturado por un forte cheiro a xofre e a paisaxe é lunar.

A capital e o porto de Nisiros é Mandraki, situado ao noroeste ao pé dun outeiro abrupto. A brancura das súas casas contrasta coa escuridade da terra volcánica. Ao sur da illa atópase o pobo de Nikia, na cima dun outeiro a 400 m sobre o nivel do mar. As súas casas brancas coas portas e fiestras pintadas de vivas cores e os seus tellados de tella destacan sobre o campo circundante. Nisiros posúe fermosas praias entre as que destacan as de Mandraki, Joklaki, Agia Irini e Avlaki.

Mitoloxía e historia

A mitoloxía grega conta que durante a Xigantomaquia (a guerra entre os deuses e os Xigantes), Poseidón colleu unha rocha da illa de Cos e lanzouna contra o xigante Polibotes, formando así a illa de Nísiros (Estrabón X,5,16). Pola contra, Pseudo-Apolodoro conta que Polibotes, fuxendo, chegou á illa de Cos, e Poseidón lanzou contra el un pedazo da illa de Nísiros PSEUDO-APOLODORO: Biblioteca mitológica. Tradución e notas de Julia García Moreno. Alianza Editorial 3ª ed. 2016. Libro I, 6, 2..

Un castelo construído polos cabaleiros da orde de San Juan de Xerusalén destaca ao sur da pequena cidade mentres que unha igrexa próxima está consagrada a Panagía Spiliani (A nosa señora das Covas). Construída en 1600, esta relacionada con multitude de tradicións e encerra unha fermosa icona do século XVIII.

Economía

As fontes de auga quente da illa, coñecidas desde a antigüidade, seguen activas hoxe en día nas proximidades de Lutra, a 1'5 km de Mandraki. Pali, un pobo de pescadores, atópase ao leste de Lutra. Os cultivos máis importantes da illa son a oliveira, a figueira, a vide e as árbores froiteiras.

Nísiros non é autosuficiente en auga doce. Recibe auga todos os anos, sobre todo no verán, desde Rodas .

Notas

Categoría:Illas de Grecia Categoría:Cidades-estado de Grecia