miniatura|Mary Dyer conducida á forca en Boston, 1 de xuño de 1660. Por un artista descoñecido do século XIX Mary Barrett Dyer, nada posiblemente en 1611 e finada en Boston o 1 de xuño de 1660, foi unha cuáquera inglesa que foi aforcada en Boston, Massachusetts por desacatar reiteradamente unha lei que prohibía aos cuáqueros entrar na colonia de Massachusetts. É considerada a derradeira mártir relixiosa en América do Norte.

Traxectoria Mary Dyer coñeceu a Anne Hutchinson, quen predicaba que Deus "falaba directamente ás persoas" non só a través do clero. Dyer uniuse á causa de Hutchinson e involucrouse na chamada "herexía antinomianista", esforzándose por organizar grupos de persoas para estudar a Biblia, contravindo a lei teocrática da Colonia de Massachusetts Bay.

En 1638, Mary Dyer e o seu esposo, William, foron desterrados, xunto con Hutchinson, da colonia. Por consello de Roger Williams, o grupo de Hutchinson e Dyer mudouse a Portsmouth, Rhode Island. William Dyer, ao igual que outros 18 homes, firmou o Pacto de Portsmouth.

Mary Dyer e o seu esposo regresaron a Inglaterra con Roger Williams e John Clarke en 1652, cando Mary Dyer se uniu á Sociedade Relixiosa dos Amigos (cuáqueros) ao ouvir os sermóns do fundador da sociedade, George Fox, considerando que coincidían coas ideas que Hutchinson e mais ela sostiveran anos antes. Finalmente chegou a ser unha predicadora cuáquera.

Os Dyer volveron a Rhode Island en 1657. O ano seguinte, ela foi a Boston a protestar pola lei en contra dos cuáqueros, polo que foi arrestada e expulsada da colonia. O seu esposo, que non se proclamara cuáquero, non foi arrestado.

Mary Dyer seguiu viaxando por Nova Inglaterra para difundir a relixión cuáquera, polo que volveu ser arrestada en New Haven, Connecticut. Logo da súa liberación, foi a Massachusetts para visitar a dous cuáqueros ingleses que foran arrestados, e foi arrestada de novo e esta vez permanentemente desterrada da colonia. Regresou a Massachusetts por terceira vez cun grupo de cuáqueros para publicamente protestar contra a lei e desacatala. De novo foi arrestada e despois sentenciada a morte. Tras un proceso breve, outros dous cuáqueros foron executados, mais como o seu esposo era amigo do Gobernador John Winthrop, a ela concedéuselle un aprazamento no último momento-- en contra dos seus propios desexos xa que ela non quixera arrepentirse e negar a súa fe cuáquera.

Foi obrigada a regresar a Rhode Island, viaxou a Long Island, Nova York para predicar, pero a súa conciencia levouna a volver a Massachusetts en 1660 para retar a lei anticuáquera. A pesar das súplicas do seu esposo e outros familiares, de novo negou o seu arrepentimento, e volveu ser condenada e sentenciada a morte o 31 de maio. O día seguinte, Mary Dyer foi aforcada no centro de Boston polo delito de ser cuáquera en Massachusetts.

Nos seus derradeiros intres de vida, non amosou ningún arrepentimento e foi publicamente executada ante a comunidade de Boston.

Existe unha estatua na súa honra fronte ao capitolio do estado de Massachusetts en Boston.

Véxase tamén Ligazóns externas WomensNews biografía de Mary Dyer (en inglés) Mary Dyer: A Quaker Martyr (en inglés) Trials without Justice: Mary Dyer (en inglés)

Categoría:Personalidades do cuaquerismo Categoría:Nados en 1611 Categoría:Nados en Londres Categoría:Mártires Categoría:Finados en 1660 Categoría:Aforcados Categoría:Executados